Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Imaxe da estación de Ciencias Mariñas de Toralla, da Universidade de Vigo |
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria non só devolverá os 7,5 millóns de préstamo concedidos polo Goberno central á Universidade de Santiago (USC) pola súa escolla como un dos nove primeiros Campus de Excelencia Internacional (CEI). O departamento que dirixe Jesús Vázquez repartirá ademais outros 6,27 millóns de euros de axudas entre as tres universidades galegas na primeira convocatoria autonómica de CEI, na que o proxecto mellor valorado foi o Campus do Mar da Universidade de Vigo (Uvigo).
"Con estas axudas búscase a excelencia docente e científica, a internacionalización do sistema universitario e a súa implicación no cambio de modelo económico baseado no coñecemento e na mellora da innovación", explican dende a Consellería. O obxectivo final é situar as universidades galegas entre as mellores de Europa e ós seus sete campus, entre os de maior prestixio no eido internacional.
Tras estudar pormenorizadamente as tres propostas, a comisión de selección, integrada por persoal da Secretaría Xeral de Universidades, concedeulle a máxima axuda, 2,168 millóns de euros, á Universidade de Vigo, polo seu proxecto arredor das ciencias do mar. Séguelle o Campus Vida da USC, con 2,134 millóns de euros e, por último, o Campus de Tecnoloxía Sostible da Universidade da Coruña (UDC), que recibirá 1,97.
Da urxencia á ambición
Para determinar estas contías valoráronse as propostas presentadas con base en criterios como a proxección universitaria da actuación, a ambición científica da mesma, a urxencia de mellora e modernización dos campus, o carácter estruturador e innovador da actuación para o territorio ou o desenvolvemento dunha vida de campus e de mellora dende o punto de vista pedagóxico. Tamén foi determinante a calidade, a idoneidade e a singularidade do plan de execución, engádese dende a Consellería de Educación, que tivo en conta o orzamento do proxecto e o estudo de viabilidade da proposta, sen esquecer a valoración de mellora relativa dos campus de Galicia e a converxencia dos sete mediante accións de mellora nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
. galicia@elcorreogallego.es
Préstamos sen intereses ·· As axudas concedidas pola Xunta de Galicia nesta nova convocatoria teñen carácter de préstamos cun tipo de xuro do 0%.
A 14 anos ·· Os préstamos serán reembolsables en 14 anos, incluídos dous de carencia.
Potenciando os puntos fortes ·· Os proxectos das tres universidades galegas tratan de potenciar os seus respectivos puntos fortes e, de paso, a transferencia do seu coñecemento á sociedade.
Espazo europeo ·· A convocatoria nace nun momento estratéxico. A universidade encara a daptación ao espazo europeo de educación superior, pero o proceso, insístese dende o mundo académico, debe ir acompañado da creación do espazo europeo de investigación, no que Galicia quere ter un peso específico.
Motor de desenvolvemento ·· A aposta cobra ademais especial importancia ante unha crise cuxa superación real, advirten os expertos, require apostar por unha nova economía do coñecemento, no que a ciencia é a aposta de futuro con maiúsculas .
2.168.150
Euros concedidos á inicitiva viguesa
·· A Universidade de Vigo é a que máis cartos recibirá na convocatoria autonómica de Campus de Excelencia Internacional, grazas ao seu proxecto arredor dun dos seus maiores puntos fortes, as ciencias do mar.
2.134.900
Reforzo na USC para as ciencias da vida
·· Ademais de comprometerse a devolver os 7,5 millóns de euros concedidos polo Goberno central á USC por resultar elixida Campus de Excelencia, a Consellería concédelle 2,134 millóns de euros a maiores para o seu Campus Vida.
1.970.533
Aposta pola tecnoloxía sostible na Coruña
·· A aposta cara á excelencia da Universidade da Coruña xira arredor do Campus de Tecnoloxía Sostible. A institución herculina recibirá da Xunta un préstamo por valor de case dous millóns de euros .
Cen científicos
·· O centro mixto de Universidade de Vigo e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas comezaría a súa actividade cun cento de investigadores, informa a propia universidade .
