Lunes 20.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, no seu despacho de San Caetano |
Os tempos non axudan, pero Jesús Vázquez asegura que a educación será das "grandes favorecidas" dos orzamentos de 2010. As universidades non perderán os case 50 millóns que deixarían de embolsarse de aplicarse o plan de financiamento aprobado en 2005 (pola caída dos ingresos non financeiros), pero aínda así haberá recortes. Por iso, pese a que promete que estará aberto a falar "da necesidade de crear ou non novas facultades", dá a entender que duplicar Medicina é bastante improbable.
_ O Goberno central non acometeu o drástico recorte no gasto en educación que se prevía e pídelles ás comunidades que manteñan o seu esforzo, ¿ve posible iso a Xunta?
_ A educación e a sanidade serán as grandes favorecidas nos orzamentos, pero non hai que esquecer que caerán en conxunto un 18%, teremos 1.500 millóns de euros menos. Haberá que facer esforzos en todas as consellerías.
_ As universidades ven os recortes inasumibles se realmente se quere apostar por un novo modelo económico para saír da crise.
_ No que levamos de ano este Goberno xa investiu máis de 100 millóns de euros en I+D. A aposta polas universidades será decidida, porque todo euro que vaia para elas debe reverter na sociedade. Pero tamén terán que facer un esforzo para adaptarse as circunstancias da crise.
_ Daquela hai intención pero...
_ Hai intención de apoiar as universidades, por suposto non se falará das perdas que resultarían de aplicar o plan de financiamento 2005-2010, pero tampouco podemos falar de incrementos nin de garantir as contías actuais.
_ A convocatoria de prazas de médicos asociados á USC no hospital da Coruña sentaron mal na UDC, ¿actuou mal a USC?
_ Non, non. Si é certo que houbo un choque entre as dúas universidades, pero non provocado por elas. O problema produciuse porque a anterior Consellería de Sanidade non convocou a comisión para abordar ese tema. Nós constituirémola o día 19. Queremos desenvolver e mellorar o protocolo sobre a docencia práctica de Medicina nos hospitais da Coruña e de Vigo, que deben implicarse na formación dos futuros médicos xunto ao CHUS.
_ ¿Fan falta unha ou dúas facultades máis de Medicina en Galicia para mellorar esa formación?
_ Nos últimos meses, incluso como consecuencia do non desenvolvemento dese protocolo, está xurdindo, ou acentuándose, o debate sobre este tema. Nós insistimos en que o primeiro é acabar de adaptar as titulacións existentes a Boloña. É necesario tratar a Galicia como unha cidade global, cun único sistema universitario con sete campus, no que vimos falando de titulacións que son deficitarias en alumnos e de duplicacións. Tamén podemos falar, e falaremos, a partir de xaneiro ou febreiro, da necesidade de crear ou non unha nova ou novas facultades de Medicina. Pero non podemos ser inconscientes á hora de poñer en marcha novas titulacións. Non podemos pasarlle a pelota ás universidades aprobando carreiras que poden ser uns caramelos se non hai un acompañamento de cartos.
_ ¿Como evolucione a crise será entón un aspecto determinante na apertura do mapa de titulacións?
_ Non se poden adoptar decisións que mesmo poidan conlevar risco financeiro para as universidades. Por iso, antes que nada non hai que falar de titulacións concretas, senón poñer enriba da mesa un novo plan xeral de financiamento e unha lei de universidades que recolla a estruturación futura dese sistema universitario galego único.
_ ¿Pécase de localismo na reivindicación de máis títulos de Medicina?
_ Que un alcalde ou reitor reclame todo o posible para a súa cidade é lóxico, pero a Administración ten que poñer certa orde e actuar como elemento estruturador do sistema universitario. Entendo as pretensións de que haxa unha segunda facultade de Medicina, mais se lles preguntas aos alcaldes das sete cidades, ou de calquera dos 315 concellos, probablemente tamén dirían que a queren. Pero, insisto, a Administración ten que tratar de buscar orde e tratar de chegar a puntos de encontro. Ao final somos unha comunidade autónoma pequeniña, con sete campus moi próximos, e ás veces con titulacións en competencia.
É necesario falar de todo iso.
_ Falemos tamén de ensino non universitario. Chovéronlle críticas de organizacións de pais e dos directores polas bolsas dos libros de texto...
_ Respecto o dereito a discrepar, o que non me gusta é que se use o ensino público como medida política. Estase facendo unha política moi dura contra o Goberno, á marxe das políticas que adopte. Penso que a medida dos libros de texto é xusta, e así o demostran moitas vilas do interior nas que practicamente o 100% de quen solicita a axuda está conseguindo a maior.
_ ¿Atuar si ou atuar non?
_ Entendo que o respecto non vai no atuar ou non atuar.Teño alumnos que me chaman Jesús e que me teñen un respecto impresionante. Porén, hai xente á que non lle gustas tanto que te trata de vostede. O respecto ao profesor ten que ir en base a todo un conxunto de medidas. Hai que incidir en valores que se están perdendo.
_ ¿Que lle parece a idea de Aguirre de que o profesorado teña a consideración de autoridade pública?
_ Non me parece unha mala medida, pero é importante tomar esa e outras dentro dun pacto educativo, reforzando a autoridade do profesorado e poñendo en valor a súa figura.
_ ¿Como ve a convivencia escolar en Galicia?, ¿non se esaxera ás veces un pouco?
_ Hai que recoñecer que en Galicia somos afortunados, pero empregaría as mesmas palabras que o ministro de Educación: é dramático que haxa un só problema de convivencia. A medida que hai que levar a cabo nestes casos é a prevención, non o castigo.
_ Porén, hai quen cre que as chamadas aulas de convivencia que Educación regulou son aulas de castigo.
_ Non o son. Ademais, aínda que non de forma regulada, xa se estaban levando a cabo en moitos centros, e cun nivel elevado de éxito.
_ Se tivese fillos en idade escolar, ¿optaría por centros que escolarizan alumnos dun único sexo?
_ Estudei sempre no ensino público, no Santa Irene de Vigo, que daquela xa era mixto.
_ ¿Ten ou non listas de altos cargos de PSdeG e BNG que levan os seus fillos a colexios non mixtos?
_ Eu nunca falei de listas, pero esa información está na rúa. Nunca permitiría que se indague na vida privada das persoas, iso é terrible, pero recoñezo o dereito da xente a escoller este ensino, igual que a xente pode ir ao cine ou ao teatro que lle gusta. A oferta é positiva.
‘La’ Coruña, a estudo se o pide o Concello
A enquisa sobre o galego no ensino decantouse por máis castelán. Iso semella incompatible co obxectivo de normalización do galego.
Si que é compatible, ¿por que non? O proceso de normalización ten que abarcar toda a vida diaria, non só o sistema educativo. Pero sen imposicións, sen levar o desánimo a unha parte da poboación, que actúa en sentido contrario ao pretendido.
Pois a Real Academia Galega e outros colectivos están desanimados xusto polo contrario.
Esa preocupación haina dende hai anos.
É maior co novo Goberno.
Non, vén de moi atrás porque o galego perde falantes. Pero todos pretendemos o mesmo, promocionar a nosa seña de identidade.
¿A Coruña ou oficialidade do topónimo bilingüe?
Hai unha lei vixente, pero se o Concello por acordo solicita unha revisión nós seriamos receptivos ao que nos traslade, estudariámolo.
