El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Ernesto González, novo director do Instituto da Lingua Galega da USC

CLARA ESPIÑO  | 26.03.2013 
A- A+

Santiago. O catedrático Ernesto González Seoane é o novo director do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago (ILG), segundo se acordou onte na reunión da xunta de goberno do Padroado deste centro de investigación. Xuntanza que estivo presidida polo reitor da institución compostelana, Juan Casares Long.

González, que substitúe no cargo á profesora Rosario Álvarez, é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago. Nado no Barqueiro, en 1962, imparte docencia de Filoloxía Galega na USC e, ademais, o seu traballo investigador oriéntase ao campo da lexicografía e ao da estandarización da lingua galega, eido no que dirixiu o Dicionario de dicionarios do galego medieval. Foi, ademais, decano da Facultade de Filoloxía dende o ano 2004 ata o 2012.

González foi un dos docentes que apoiaron a declaración en contra dos orzamentos da USC no pasado mes de febreiro. El formaba parte dos 29 profesores que a apoiaron, entre eles o ex valedor da Comunidade Universitaria Florencio Arce; o decano de Historia, Xosé Manuel Monterroso, ou Lourenzo Fernández Prieto, que foi candidato a reitor nas últimas eleccións.

En canto ao ILG, leva 42 anos dedicados ao estudo e promoción do galego, destaca a universidade nunha nota de prensa. Numerosos proxectos, publicacións e iniciativas, algunhas decisivas, dan conta do traballo iniciado a comezos dos 70 por un grupo de investigadores liderado polo catedrático de Filoloxía Románica Constantino García. A súa antigüedade convérteo no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego.

Entre as súas achegas ao estudo do galego figuran a cartografía dos apelidos de Galicia; o Arquivo do Galego Oral que resultou no Atlas Lingüístico Galego; o vocabulario ortográfico da lingua galega; os tesouros informatizados da lingua galega; o Inventario toponímico da Galicia medieval; ou o Dicionario de dicionarios da lingua galega, entre outros volumes. c