El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

tribuna libre

Os estudos de Medicina en Galicia

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO*   | 04.03.2010 
A- A+

A Universidade de Santiago é a máis sólida e completa do país. Por esta razón, e por capacidade de acumulación, conta con recursos singulares para impartir títulos singulares como Medicina. Despois de 20 anos de defensa desta titulación pola Universidade de Santiago, o acordo de "Bases para a cooperación universitaria na docencia do grao en Medicina" abre unha vía perturbadora do "statu quo" que non pasa desapercibida para o conxunto da comunidade universitaria nin para o país. Este é un mal acordo, no que se sentan as bases para a cesión da capacidade de Universidade de Santiago de impartir esta titulación sen que medie ningunha decisión competente. Sobre todo é un mal acordo para o futuro da formación médica en Galicia.

O que interesa asegurar en Galicia é como lograr unha titulación mellor e unha investigación máis competitiva. Como mellorar as condicións de calidade na formación mellorando as unidades de docencia clínica. Iso require da definición e clarificación dos recursos necesarios para garantilo e non dunha confusa organización imposible de desenvolver. A Facultade de Medicina que hoxe existe en Galicia pasa en poucos anos de 275 a 400 alumnos en primeiro curso e a converxencia europea esixe perfeccionar aínda os estándares de calidade. O acordo, asinado por cinco partes, non ten en conta esta realidade nin garante a solución destas necesidades. Cooperar e compartir recursos é necesario pero primeiro compre definir que recursos se necesitan. A primeira necesidade non é organizativa nin territorial senón dotacional.

*Catedrático de Historia e candidato á reitoría da Universidade de Santiago