A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, trasladoulles hoxe aos representantes sindicais que a Xunta de Galicia manterá as retribucións dos empregados públicos, a pesar de que outras administracións as teñen baixado debido á crise económica, e propúxolles unha batería de medidas de eficiencia na función pública que xa se teñen tomado noutras autonomías. O aforro estimado é duns 80 millóns de euros ao ano. Así o fixo públcio hoxe hoxe a consellería de Facenda nun comunicado.
No mesmo, o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo poderá de forma voluntaria solicitar a redución da súa xornada, cunha diminución proporcional de retribucións, cun límite máximo do 33% da xornada efectiva. Igualmente o Consello da Xunta poderá acordar a redución de xornada do persoal interino ou temporal, tamén cun tope do 33%.
Precisamente, onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cifrou en 80 millóns de euros o obxectivo de diminuír os gastos de persoal, entre os que se inclúe millón e medio de euros aproximadamente do plus de altos cargos que queda sen efecto dende este mes de febreiro, sin tocar" os soldos dos empregados públicos.
En declaracións á Cadena Cope, recollidas por Europa Press, o máximo mandatario galego recordou que o plus de altos cargos se cobra en España dende 1994, mentres que Galicia "foi das últimas comunidades que se incorporou" á súa percepción, da que se beneficiaban "uns 230 cargos aproximadamente".
"O obxectivo de diminuír os gastos de persoal está no ámbito dos 80 millóns de euros, e o plus de altos cargos pode supoñer 1,5 millóns de euros", comentou Feijóo, quen reiterou que o Goberno galego vai intentar non recortar" o soldo dos empregados públicos.
"Se diminuímos o capítulo de persoal de gastos da Xunta en 80 millóns de euros, imos intentar non tocar as retribucións dos empregados públicos", apostilou o xefe do Executivo galego, quen precisou, non obstante, que "se a economía segue empeorando e os ingresos se derruban" e non son "capaces pola contracción" de cumprir o déficit público "loxicamente" terán que seguir falando".
"Hoxe mesmo convocamos ás organizacións sindicais para pedirlles un esforzo no ámbito da función pública", sinalou o presidente galego, que recordou que 90.000 persoas traballan na Xunta de Galicia en todos os sectores. "Ímoslles pedir un esforzo e parecía razoable antes de pedir un esforzo aos empregados públicos, que os altos cargos da comunidade sigan facendo esforzos," recalcou.
ANTICIPACIÓN
Así, recordou que queda sen efecto o plus de altos cargos, que "non se vai percibir a partir de febreiro", durante "o tempo que dure a crise". "Imos concretar cos sindicatos un prazo razoable, cun indicador razoable", esgrimiu, para cando se volva crecer a economía "poder recuperar algunhas cousas que en época de bonanza se poden entender, pero en época de estreiteza non se pode manter", engadiu.
"Imos anticiparnos á contracción da economía que, todo parece indicar vaise producir no ano 2012, e intentaremos axustar o capítulo un de gastos de persoal da comunidade autónoma cun obxectivo: intentar non baixar a retribución dos empregados públicos", manifestou Feijóo.
Non obstante, avogou por "diminuír algunhas cuestións no ámbito da función pública que supoñen diñeiro", como aspectos relacionados con días de libre disposición e o plus de altos cargos, co fin de "reducir gasto ante a previsión de baixadas de ingresos da Administración e manter o obxectivo de cumprir o déficit público pactado co Goberno central".
Por todo iso, o presidente da Xunta incidiu nos esforzos feitos "dende 2009" coa diminución de entes públicos e de contratacións, entre outras cuestións. "Levamos facendo esforzos ao longo de case tres anos e agora outro esforzo de 80 millóns", concluíu.