Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Juan Díaz López, xunto á facultade de Dereito da USC FOTO: Alfonso Rivero |
A cultura do esforzo non engancha a mocidade, din os expertos do ensino. Pero as xeneralidades adoitan fallar, e neste campo tamén. Proba diso son os 80 estudantes que este ano mereceron os Premios de Excelencia Académica, unha recompensa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se traduce en 3.000 euros para os que acadaron unha media de ingreso na universidade igual ou superior ao 9,30 e que ficharon por unha carreira ofertada nun dos sete campus galegos. A idea final é, ademais de promover a calidade e a igualdade de oportunidades, evitar a fuga temperá de cerebros que o día de mañá redundarán no progreso de Galicia. Juan Díaz López (Ferrol, 1991) é un deles, e a súa escolla, a Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC)). "Unha razón moi importante para escoller a USC foi a proximidade ao meu fogar, pero tamén porque esta facultade ten o seu prestixio, non é o mesmo falar dela ca doutras", explica Juan tras saír da última clase da ponte. O seu é todo un exemplo de ganas de facer ben as cousas como modo de entender a vida. Dende hai anos tiña claro que quería estudar Dereito e, pese a que a nota de corte nesta carreira é baixa, Juan completou o Bacharelato internacional no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela cun expediente brillante e súa nota de acceso á universidade rozou a perfección: un 9,7 sobre 10. Agora ve difícil repetir un éxito tan rotundo na universidade, pero a súa receita segue sendo a mesma. "Espero facelo o mellor posible. Case con toda seguridade os resultados non serán tan bos, pero aínda así sempre hai que tentar esforzarse para mellorarse a un mesmo e conseguir o mellor que podes", responde.
Para acadalo, Juan leva á práctica a teoría que escoitou dende neno. "Agora si que tes que afacerte a ir estudando día a día, non hai outra. Iso é un dos principais cambios que noto entre a universidade e o instituto. Estaba afeito ao sistema de exames parciais e agora son de moita máis materia", valora Juan, que subliña tamén que o alumnado ten na educación superior "moita máis independencia".
Piano e guitarra no seu ocio
O que non cambia na súa rutina é a asistencia á clase. Boloña quere acabar co alto absentismo do alumnado nas clases, pero Juan non é dos que engrosa esa lista. "Polas mañás sempre veño á clase. Eu considero que é algo esencial. Houbo un par de días que tiven que faltar e notei que foi maior o esforzo para estudar", explica.
As tardes son para o estudo pola súa conta, pero tamén lle queda tempo para o lecer. "Gústame tocar a guitarra e o piano por puro ocio, e pola noite tamén me gusta ver a tele e ler. Son un grande afeccionado ás series, entre elas Perdidos", confesa.
. galicia@elcorreogallego.es
Seis de cada dez son rapazas
As rapazas son maioría un ano máis na listaxe de mellores expedientes de Galicia. Os Premios de Excelencia Académica tamén reflicten o seu maior rendemento, xa que elas acaparan seis de cada dez galardóns. Dos 80 premiados pola Xunta de Galicia, 50 son mozas.
A opción de moito deste alumnado é Medicina, a carreira que, hoxe por hoxe, é a máis cobizada no Sistema Universitario de Galicia.
Todos eles son estudantes cunha media de matrícula de honra, un nivel que xa de por si lles supón non ter que pagar as taxas habituais para estudar no Sistema Universitario de Galicia, o que supón un aforro medio próximo aos mil euros. Juan gardará no banco os 3.000 euros do premio que recibirá nunha cerimonia que se celebrará dentro duns días. En mente ten dedicalos a comprar un novo ordenador. O que ten vai xa algo vello, pero polo de agora coida que non é tempo de cambialo. "En principio teño pensado aforralos, pero a longo prazo ao mellor rematan niso" .
