Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Lunes 01.09.2014  | Actualizado 20.34 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

O Gaiás ata, sen garantías, o valioso e espiñento legado de Díaz Pardo

Unha cesión sen o visto e prace dos herdeiros vai permitir o depósito da biblioteca e arquivo do intelectual na Cidade da Cultura//A falla de rigor na catalogación pode lastrar a legalidade da operación

FRAN P. LORENZO SANTIAGO   | 01.03.2011 
A- A+

Sobre as caixas de cartón ateigadas de libros e papeis que un día saíron do Instituto Galego da Información, o IGI, en San Marcos, gravita boa parte da historia contemporánea de Galicia e do seu exilio. Un legado aínda sen valorar nin documentar, depositado no limbo privado do Castro de Samoedo, en Sada, e que, de se cumprir a vontade de Isaac Díaz Pardo, acollerá nun futuro a Cidade da Cultura.

"Aínda que chovan raís, iso vai para adiante...", sinalaba o intelectual e empresario galeguista en referencia ao traslado do legado ao Gaiás, o pasado 16 de febreiro, día do seu ingreso como académico de honra da Academia Galega de Ciencias. Pero a determinación do editor -que hoxe traballa persoalmente, canda unha asistente por horas, na catalogación inicial deses fondos inxentes-, batera xa pouco antes coa vontade dos seus herdeiros que, na inauguración da mostra Pinturas e fracasos, dedicada á obra de seu pai, expresaron as súas reticencias ante o acordo rubricado por Isaac e a Consellería de Cultura. Foi alí, na Casa da Parra, e ausente o protagonista da mostra, onde, perante unha ampla representación do Goberno galego, se escenificou o desacordo entre un entusiasta Núñez Feijóo e a circunspecta familia do artista.

O comodato é a modalidade legal, contemplada entre os artigos 1.740 e 1.752 do Código Civil, á que se acolle o contrato de préstamo asinado por ambas as partes, a mesma fórmula coa que a Xunta se constitúe en receptora dos fondos da ameazada Fundación Cela.

"Quen consegue esa fórmula debería estar contento", sinala Dolores Viaño, a directora da Biblioteca e Arquivo da Deputación da Coruña, para quen o comodato é unha maneira vantaxosa de manter as condicións básicas que adoitan procurar os doadores dun arquivo ou biblioteca persoal: "que o patrimonio documental non se disgregue e manteña a súa unidade e, sobre todo, que sexa accesíbel ao público", sinala.

A complexidade e o custo de rescatar un arquivo documental como o de Díaz Pardo implica un importante investimento económico e de tempo, unha carga que calquera entidade galega acollería, malia todo, de bo grao. Ese labor, que adoitan realizar os técnicos da institución receptora ou persoal especializado contratado para tal efecto, figura tamén nas cláusulas do comodato asinado por Díaz Pardo e Cultura, onde se especifica que "a Comunidade Autónoma de Galicia satisfará os gastos ordinarios que sexan de necesidade para o uso e a conservación dos bens prestados". Hai, malia o dito, cuestións formais que suscitan o debate neste contrato 'urxente', sen o visto e prace dos herdeiros de Isaac, que garantirá o depósito dos papeis na Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Que hai exactamente nesas caixas? O que hai entre os papeis de Díaz Pardo é a pregunta que investigadores, estudosos e documentalistas agardan desvelar algún día. En contadas ocasións -ocorreu na magna exposición Memorial da liberdade. Represión e resistencia en Galiza 1936-1977, comisariada en 2006 por Xosé Enrique Acuña- algúns dos documentos dese caudal histórico foron expostos por primeira vez ao público. Agora, un sucinto inventario, anexo ao contrato de comodato entre Díaz Pardo e a Xunta de Galicia, bota algo de luz sobre ese material.

O conxunto divídese en tres grandes áreas: a biblioteca, integrada por "aproximadamente 16.000 exemplares", con achegas do propio Díaz Pardo, do IGI, de Sargadelos, do Seminario de Estudos Galegos, do poeta Lorenzo Varela, de Camilo Díaz Baliño, o pai de Isaac, e de Manuel Díaz Rozas, ilustre pedagogo coruñés e membro do Seminario de Estudos Galegos; coleccións completas de revistas (Ibérica, editada no exilio de Nova York por Victoria Kent; Ediciós do Castro; Ruedo Ibérico, Verba, Grial); e documentación de, ademais da de Díaz Pardo, Paz Andrade, Arturo Cuadrado, Tomás Barros, Eugenio Granell, Lorenzo Varela, Camilo Díaz Baliño, do IGI, do Servizo de Estudos Galegos, de Luís Seoane e Maruxa Fernández e do Consello de Galiza. Fotografías, epistolarios, actas de reunións, planos ou bocexos completan un magma documental que a administración debería valorar e catalogar con rigor para incorporar ao contrato, un proceso de anos, no que empeña agora os seus esforzos o propio Díaz Pardo e no que ten participado, outrora, a propia familia do intelectual compostelán.

Para Carlos Amoedo, o que foi secretario xeral de Cultura durante o Bipartito e que artellou algunhas das fórmulas xurídicas que permitiron a cesión de legados persoais á Biblioteca e Arquivo de Galicia, "se os bens non están suficientemente inventariados e valorados non se sabe o que vai para o Gaiás" e esa inconcreción "pode dar lugar a un preito civil que remate no Supremo, porque hai que acreditar os títulos de propiedade do que se lle cede á administración e ten que haber un inventario moi rigoroso deses fondos". A situación complícase pola esixencia dos fillos de Díaz Pardo dos seus dereitos como lexitimarios sobre o legado e retórcese, aínda máis, pola confusa estrutura administrativa do grupo Sargadelos. "Quen vai herdar a disposición dun ben herdado en depósito?, como van reclamar a reversión dese ben patrimonial?", pregúntase o catedrático coruñés, quen sinala outra das claves do conflito: "saber que é de Isaac e que é das persoas xurídicas que foi montando e desmontando durante anos...".

Por 5 anos ou 60. No fondo do desacordo latexa, ademais, o lapso temporal da cesión, acordada nun inicio para 5 anos pero que o contrato de comodato fixou en 60. Aínda que no contrato se contempla a reversión do depósito -no caso de que se dera constituído unha Fundación Díaz Pardo, a pretensión dos herdeiros, que aglutinara o seu patrimonio e obra-, os expertos documentalistas consideran que o tamaño do legado esixe a dilatación do acordo. "En cinco anos só dá tempo a sacarlles o po aos libros", sinala un dos expertos consultados, na mesma liña de Amoedo, que lembra que se adoita "negociar un prazo amplo para recuperar o investimento en restauración e conservación..."

"Co que custa recuperar, catalogar, manter e difundir un legado como ese sería unha irresponsabilidade por parte da administración facer un comodato por cinco ou seis anos", apunta Viaño, que salienta a "intelixencia, o sentido común e xenerosidade de Díaz Pardo" ao non expor os seus papeis ao incerto e cada día máis feble apoio da cousa pública ás fundacións. "As bibliotecas e arquivos permanecen no tempo, os gobernos pasan, pero as bibliotecas permanecen", conclúe.

fperez@elcorreogallego.es

UN RETRATO EN CIFRAS

OS HERDEIROS de Díaz Pardo defenden publicamente a constitución dunha Fundación que acolla a obra e o legado documental do seu pai. Consideran ademais que o prazo imposto por 60 anos –reversíbel segundo o contrato–  é “unha barbaridade”.

16
MIL SON os libros que integran a biblioteca de Díaz Pardo, sen incluír nesta conta as revistas, xornais e arquivo documental

60
SON OS ANOS estipulados no contrato de comodato entre Isaac Díaz Pardo e a Consellería de Cultura e Turismo para o depósito do legado na Cidade da Cultura do empresario e artista compostelán, contra o prazo de cinco ou seis anos que defendían para ese préstamo os herdeiros do intelectual galeguista.

14-2
FOI A DATA na que Núñez Feijóo fixo público o depósito do legado de Díaz Pardo no Gaiás. Os seus fillos non tardaron en amosar o seu desacordo co contrato.

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS