El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

“Imagina Atlántica”, un proxecto desde Ourense que promove a iniciativa empresarial no audiovisual

12.10.2011 
A- A+

A Deputación de Ourense presentará o vindeiro xoves, 13 de outubro, ás 10.30 horas, no Centro Cultural, o proxecto “IMAGINA ATLÁNTICA”, que ten como obxectivo promover a iniciativa empresarial no ámbito do audiovisual, con aplicacións no eido da imaxe e do turismo.

O presidente da Deputación del Ourense, José Luis Baltar, e técnicos do Negociado de Planificación da institución provincial presentarán dous seminarios, enmarcados dentro de “IMAGINA ATLÁNTICA”, nos que se analizarán dous temas de grande importancia no sector audiovisual como son a “Circulación e distribución audiovisual” e o “Intercambio entre festivais de cine do Arco Atlántico”. O seminarios terán lugar os días 13 e 14 de outubro no Centro Cultural.

No proxecto europeo IMAGINA ATLANTICA, a Deputación de Ourense participa xunto a entidades autonómicas, rexionais e locais, así como centros tecnolóxicos e da imaxe de 4 países (España, Portugal, Francia e Gran Bretaña). Este partenariado está formado por: Communauté d´Agglomération du Grand Angoulême (Francia) (Xefe de fila do proxecto), Eixo Atlántico (España – Portugal), Fundaçao da Juventude (Portugal), Oficina de Información Europea para a Xuventude (Xunta de Galicia), Centre for Advanced Software Technology (CAST) (Gran Bretaña) e a Deputación de Ourense.

O obxectivo do proxecto é promover a reconversión e a diversificación económica e o potencial rexional a través dunha Axencia de Promoción das Novas Tecnoloxías da Imaxe a escala atlántica, para poñer en valor o patrimonio atlántico. Para elo desenvólvense programas de intercambios profesionais (empresarios, técnicos e estudantes) en novas tecnoloxías da imaxe, e ofrécese apoio financeiro ás artes e ao sector da imaxe.

O proxecto porá tamén en funcionamento un clúster para a creación dunha rede de itinerarios turísticos e culturais, empregando os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías da imaxe. Neste senso, desde a Deputación de Ourense tratarase de xerar un valor engadido á Ribeira Sacra.

O orzamento total do proxecto ascende a 1.633.647 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER, que ascende a 1.061.871 euros.

No primeiro seminario, sobre “Circulación e distribución audiovisual” participarán destacados especialistas como o director xeral do Polo da Imaxe de Angouleme, Fréderic Cros,  representante dun dos polos mais dinámicos de Francia, xa que é un referente no sector de animación en 2D e 3D, imaxe fixa e animada e videoxogos. O “Polo da Imaxe de Angouleme” aglutina a 90 empresas, xera máis de 900 postos de traballo e é un  referente do sector audiovisual  en Europa. Por parte galega, participaran, entre outros persoeiros, María Lloves, do Consorcio Audiovisual de Galicia.

No seminario “Intercambio entre festivais de Cine do Arco Atlántico” intervirán representantes de festivais de Francia (“Festival 16.000 Toons”, “Festival du Film des Pays du Pacifique Sud”, “Festival du Film Francophone d´Angouleme”, e o mundialmente famoso “Festival Internacional de Banda Deseñada de Angouleme”); de País de Gales (“Wales One World Film Festival”, “Outcasting.org–On Line Film Platform”); e de Portugal (“Festival Black and White da UCP”, “Festival Internacional de Cinema Jovem de Espinho”).

Neste seminario destaca a colaboración do “Festival Internacional de Cine de Ourense”, e a presenza de representantes dos festivais galegos (“Play Doc” - Festival Internacional de Documentais), así como a participación de doutros dous festivais que se realizan na provincia de Ourense: as “Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga)”, do Carballiño e o “Festival Internacional de Animación On Line”, organizado pola empresa Limaia, de Sandiás (Festival Animacam).