El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Iván Prado: “Israel teme á liberdade que leva o circo”

“En Tel-Aviv acusáronme de ser terrorista e sentín rabia, pero os meus únicos mortos son de risa”

PATRICIA HERMIDA FERROL   | 09.06.2010 
A- A+

Os poderosos miran de reollo ós pallasos: de onde veñen semellantes axentes de anarquía e liberdade? Hai un forasteiro no pobo dominado que fai rir ós nenos. E a alegría levanta sospeitas entre os que detentan o control. En abril, Iván Prado foi expulsado de Israel cando tentaba acceder a Palestina para organizar o Festiclown. "Sen explicacións nen desculpas, coma se fose un terrorista", lembra o director de Pallasos en Rebeldía e Festiclown, disposto a seguir dando guerra de gargalladas. Cando se corta a conexión telefónica da entrevista, Iván susurra: "O Mossad fai das súas".

Israel prohíbelle o paso para os vindeiros cinco anos. Como poderá entrar vostede en Palestina para celebrar alí o Festiclown do vindeiro outono?

Pois irei disfrazado de Manuel Fraga e pasarei (durante uns intres, imita a voz do presidente autonómico). Non sabemos se son cinco anos reais ou os comentarios dun funcionario de prisións cando fun expulsado. Seguimos en conversas co Ministerio de Exteriores para pasar a Israel e que nos deixen participar no gran festival, acudirán entre 50.000 e 100.000 pallasos de todo o mundo e Festiclown quere mandar a dous. Buscamos o apoio do Ministerio, sobre todo dende a última masacre perpetrada por Israel.

Pois irei disfrazado de Manuel Fraga e pasarei Non sabemos se son cinco anos reais ou os comentarios dun funcionario de prisións cando fun expulsado. Seguimos en conversas co Ministerio de Exteriores para pasar a Israel e que nos deixen participar no gran festival, acudirán entre 50.000 e 100.000 pallasos de todo o mundo e Festiclown quere mandar a dous. Buscamos o apoio do Ministerio, sobre todo dende a última masacre perpetrada por Israel.

Como viviu ese ataque de Israel á flota humanitaria?

Con gran conmoción, seguimos en shock. Israel deu un salto cualitativo moi forte cun ataque impune contra defensores dos dereitos humanos. Vemos a reacción timorata e cómplice dos Gobernos do mundo, sobre todo da UE. Nove personas foron asasinadas cando só portaban xoguetes e tirachinas! Necesitamos facerlle boicot ó Estado de Israel.

Como valora o papel de EEUU, gran aliado deste Estado?

EEUU defende a unha potencia nuclear perigosísima, unha das economías máis fortes do mundo, un Goberno que ocupa un territorio cun muro que tivo tropecentas denuncias da ONU. Pero Israel non fai caso a ninguén, a ONU está morta dende que Bush pai, Felipe González e outros decidiron a primeira Guerra do Golfo.

Que imaxe trae de Israel?

Fixen tres viaxes a Palestina e na última non pasei do aeroporto de Tel-Aviv. A reacción dos israelitas foi tremenda, coma se fose un criminal. Negueime a abrir un correo electrónico e me expulsaron, acusándome de terrorista e de ter contactos telefónicos de terroristas: o único que teño é o da miña nai, da que só coñezo o terrorismo gastronómico.

Eles sabían que entraba como pallaso en Palestina.

Pero non lles interesa que os nenos teñan esperanza no futuro. Só buscan que existan organizacións con bombas, Israel ten un descurso esquizofrénico. Entre os israelitas hai moitas voces críticas silenciadas con censura e cárcere, pallasos que non queren facer a mili dous anos para machacar a palestinos. En 2003 sufrín un bombardeo en Gaza. O primeiro que fixo Israel foi cortar comunicacións, para que o mundo non se enterase. No circo somos intensamente libres e loitamos contra os poderosos: Israel ten medo da liberdade que leva o circo, medo dun pallaso calquera.

Como foi a súa relación cos nenos de Palestina? (Na imaxe aparece xogando con eles, en Ramallah no 2009)

Tiven unha conexión coa xente dende o corazón e a humildade. Os nenos necesitan esperanza, non só existe para eles un mundo gobernado por un exército tan potente. O máis bonito foi descubrir que se valora tanto a risa como que alguén permaneza ó teu lado. En Palestina combaten o medo con humor. Atopei xente moi valente, con gran capacidade para rirse. Os israelitas teñen a mirada baleira pero os palestinos comparten todo o que teñen.

Segue en contacto con eles?

Recibo moitas mensaxes de apoio para que regresemos con Festiclown. Están enfadados polo ataque ós voluntarios, porque non permiten entrar alimentos en Gaza. É como deixalos morrer ante o mundo. Estes días presentamos o documental Masi, trashi que trashi, sobre Pallasos en Rebeldía en Palestina. É un alimento para o corazón. Os pallasos debemos amosar que a humanidade está por enriba das guerras.

Trala súa expulsión, a persecución seguiu por parte dos xornais de Israel.

Sufrín a difamación dos periódicos, que me acusaron de terrorista. Vivín a situación con moita rabia: os meus únicos mortos son de risa, pero eles matan a 1.400 personas en Gaza.

Dende o punto de vista dun pallaso, como se podería solventar semellante conflicto?

Coa intervención de tódolos países do mundo, obrigando á desaparición do Estado de Israel para facer unha federación de árabes e israelitas. Non ten sentido un país de primeiro mundo nunha zona tan pobre, que se use sempre como moeda de cambio.

phermida@elcorreogallego.es