Lunes 20.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Jaime Gómez Márquez, no seu despacho do decanato da Facultade de Bioloxía, esta semana |
Loce gravata co debuxo xeométrico do artesoado do pazo de Fonseca e mira fixamente á cámara co xesto serio que, confesa, o caracteriza. Pero a pesar da aparencia, con Jaime Gómez Márquez (A Coruña, 1957) a conversa é fácil. Non lle custa responder o que pensa, mesmo cando sabe que ás veces o que diga non lle vai axudar a sumar votos. Este catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular dende 2000 será un dos seis aspirantes á reitoría da USC nas eleccións de maio, cun proxecto cuxas premisas ten claras: "Hai que cambiar as formas de gobernar e recuperar a esencia da Universidade: a docencia e a investigación", di. Experto en bioloxía molecular das timosinas e minisatélites do xenoma humano, é o segundo aspirante á reitoría máis novo, formouse en Bioloxía na facultade na que leva máis de sete anos sendo decano e pasou tres de estadía posdoutoral no National Institute of Health de Bethesda, en Maryland (Estados Unidos).
_ É catedrático dende 2000, ¿por que dá agora o paso cara á reitoría?
_ Apetéceme. Creo que agora teño experiencia de abondo e a xuventude para encarala. Ademais, porque entendo que hai outra forma de gobernar a USC, na que a comunidade universitaria teña un protagonismo moito maior que ata o de agora.
_ A universidade galega atópase nun momento crítico, en plena adaptación á Boloña e pendente do novo plan de financiamento.
_ Está nun momento crítico polo que hai de transición cara á un novo sistema e polo financiamento, pero tamén é un momento importante na USC polos proxectos que hai nas infraestruturas. O actual equipo de goberno comezou unha política expansiva de infraestruturas que tivo a plasmación máis importante en Campus Vida e en Campus Lugo 2015. Son
dous proxectos moi ambiciosos e que nos comprometen a todos, e xa que logo habería que estudar a súa viabilidade e o destino de certas infraestruturas. Tamén está por decidir claramente cales son as prioridades estratéxicas no eido da investigación.
_ ¿Cal pensa que debe ser a grande aposta? A da reitoría actual semellla que é a biomedicina, ¿compártea?
_ Si, eu comparto a aposta pola biomedicina, que non é sinónimo de apostar polo Campus Vida tal cal está concibido. Son dúas cousas diferentes, porque como di o reitor, Campus Vida é máis cá aposta pola biomedicina.
_ ¿Que pega lle pon a Campus Vida?, ¿a expansión física?, ¿o concepto?
_ Póñolle un pero inicial: que foi feito ás costas da comunidade universitaria. Un proxecto desa envergadura, que trascende calquera equipo reitoral, ten que ser un proxecto avalado pola comunidade universitaria, a través do claustro, que é o noso parlamento. No tocante á investigación biomédica, está claro que é unha das potencialidades maiores que temos, non é nada novo. ¿Peatonalizar? Tamén me parece estupendo. Pero máis alá diso, o que se di de crear empresas por valor de 100 millóns de euros, triplicar o número de investigadores... Son moi escéptico. Todo iso son só desexos, e quen moito aperta pouco abrangue.
_ ¿En que o centraría vostede?
_ Prefiro que se centre nunha parte, que pode ser a nova facultade de Medicina, que non en mil cousas. Dito iso, non por atender Campus vida podemos desatender a USC. A universidade é moito máis.
_ ¿Pensa que agora hai flancos
desatendidos?
_ Si, penso que si. Ademais, os recursos son limitados, e se van para un lado non van para outro. Estou convencido de que hai moitas facultades que se senten desatentidas, igual que moitos profesores e PAS.
_ A universidade pide máis financiamento, ¿non cre que ten tamén marxe para mellorar a súa xestión?
_ Si. Debe recibir máis recursos, uns consolidados e outros condicionados aos resultados. A sociedade ten que pedirlle contas á universidade. Na docencia debe esixirlle que forme ben os titulados e na investigación, que publique, que obteña resultados, patentes, etc. Agora ben, se queremos mellorar no eido da investigación coido que deberiamos ser moito máis selectivos na captación de investigadores.
_ ¿É algo do pasado ou percibe que aínda hoxe a universidade non é selectiva de abondo nese eido?
_ As cousas melloraron cos programas Ramón y Cajal e Parga Pondal, pero para min en xeral aínda non é a realidade óptima.
_ ¿Pode xa avanzar as principais liñas do seu programa?
_ O primeiro é cambiar as formas de gobernar, estar moito máis pegado á realidade do día a día da USC. E gustaríame recuperar a esencia da universidade: a docencia e a investigación. Semella unha obviedade, pero penso que nos últimos tempos houbo unha tendencia a minusvalorar a actividade docente fronte á investigadora. Aínda que a investigación é máis lucida, as dúas son igual de importantes. No tocante á política científica, penso, como dixen, que hai que mudala, igual que a política de profesorado.
_ ¿Que problemas aprecia na xestión do profesorado?
- Creo que hai que corrixir os desquilibrios que hai, moi grandes, entre as áreas de coñecemento. Por outra banda, no eido das infraestruras haberá que priorizar as facultades e as escolas que estean en condicións precarias.
_ E supoño que a nova facultade de Medicina será unha das prioridades.
- Si, sería unha delas claramente.
_ ¿Que lle parece o pacto para a docencia de Medicina asinado entre Xunta e os tres reitores?
- É un mal acordo, consagra
unha situación híbrida e estraña que creo que máis que solucionar problemas vai crear outros novos. Considero ademais que o reitor debería ter deixado este tema para o novo equipo de goberno, e por suposto son contrario á creación de novas facultades.
_ Malia ser coruñés.
- Quero o mellor para A Coruña, pero o coruñesismo non me cega (ri). E dende logo o mellor para ela non é unha facultade de Medicina. O mellor sería que se especializase en cousas que non ten Santiago e que niso fose punteira.
_ Di que quere unha USC máis participativa, pero nos claustros hai un elevado absentismo.
- Iso é precisamente porque a xente sabe que ir ao claustro serve de pouco, porque todo está precociñado entre as plataformas e iso leva ao desencanto. Non hai un debate real e aberto sobre os temas importantes da universidade.
_ ¿Por que proliferan as candidaturas á reitoría? Van ser seis.
- Entendo que é porque a USC está ao final dun ciclo. A elección nunca estivo tan aberta, é o momento de que poida elixirse un reitor ou unha reitora que non teña apoio das plataformas, algo que nunca ocorreu na historia da USC.
_ ¿Co fin do ciclo quere refírese ao fin das plataformas?
- Non, seguen existindo, pero si parece que hai fastío na comunidade universitaria porque xogaron un rol equivocado: xuntarse para antes que nada acadar o poder, non para defender unha idea da universidade.
Graos sen pensar no alumnado
_ ¿Anti-Boloña, pro-Boloña ou Boloña porque hai que roela?
_ Non vexo nada malo en que os estudos se harmonicen no ámbito europeo, nin creo que Boloña signifique privatizar. Pero aquí a adaptación fíxose regular. Os graos en moitos casos non se fixeron pensando nos estudantes, senón en cotas de influencia dos departamentos ou áreas de coñecemento, e a implantación dos másteres é un caos. Creo que se autorizaron moitos sen estudo de viabilidade e do interese para a USC.
_ Tamén é crítico coa reivindicación dos acreditados a cátedra, ¿non llo vai poñer fácil?
_ (Sorrí). Mantéñome no que dixen. Hai que promocionar a xente con valía. Se non se pode facer por cuestións económicas, hai que dicir que será nun tempo. Agora, a traslación directa da acreditación á cátedra non o pon lei ningunha. Ademais, ¿ten que ser catedrático un acreditado con avaliación pésima na docencia? Hai que avaliar cada caso e sen atender a presións.

Jaime Gómez Márquez: “O goberno da USC debe estar máis pegado á realidade do día a día”
Cecilia Criado Boado: “La vocación estadística de Bolonia ha sido nefasta para los estudios clásicos”
X. Pastor Rodríguez Santamaría: “Non é de recibo que se derruben vivendas con informes favorables”
Victorino Pérez: "Outra Igrexa católica é posible e necesaria"
Mercedes Brea: "A reitoría non tería tanto atractivo se a situación universitaria fose fácil"
Juan Casares Long: "Deixar comprometido o futuro da vindeira reitoría é mala política"
Laura Sánchez Piñón: "Só podo concibir un proxecto que integre profesores, alumnos e PAS"
Jaime Gómez Márquez: "O goberno da USC debe estar máis pegado á realidade do día a día"
Pilar Bermejo: "O proxecto do Campus Vida fíxose á marxe da comunidade universitaria"
Lourenzo Fernández Prieto: "A USC precisa un novo proxecto de futuro. A palabra clave é reiniciar"
Juan Varela Durán: "Seré continuista en los aciertos y procuraré solucionar las sombras"