Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Silva estima que non hai boa investigación se non se parte da base dunha educación boa FOTO: FERNANDO BLANCO |
José Manuel Silva Rodríguez (Chantada, 1949) é enxeñeiro agrónomo e experto en comercio exterior e nas Comunidades Europeas. Membro da delegación española que negociou o ingreso do país na Comunidade Económica Europea entre 1983 e 1986, leva xa 25 anos en Bruxelas, onde ocupou cargos de gran responsibilidade na administración comunitaria.
– O Sétimo Programa Marco de Investigación da Unión Europea iniciouse o 1 de xaneiro do 2007 e conclúe no 2013, e estamos case no ecuador, ¿cal é a súa valoración sobre o seu funcionamento?
– O Sétimo Programa Marco é un programa dunha enorme ambición por varias razóns, primeiro é o de máis longa duración, o de maior orzamento e o máis amplo en medidas. Ten catro programas específicos: Cooperación, Capacidades, Ideas e Xente, e ten mecanismos novos de xestión como as dúas axencias que se fixeron, o Consello Europeo de Investigación ou as Joint Technology Initiatives, as Iniciativas Tecnolóxicas Conxuntas, e iso fai que o lanzamento do propio Programa Marco tivera as súas complexidades, pero hoxe está lanzado todo, e temos que estar todos contentos.
– ¿Cales son os elementos principais do programa?
– Ten varias características que son importantes: en primeiro lugar é que cobre todas as gamas da ciencia, desde a ciencia básica ata a ciencia aplicada; en segundo lugar, aínda que ten unha certa complexidade é moito máis simple que o Sexto Programa Marco e a pesar diso nós non estamos satisfeitos e queremos que sexa aínda máis simple, tendo en conta tres elementos: facilidade administrativa para os beneficiarios, facilidade administrativa para os xestores que somos nós, e a responsabilidade de boa xestión de cara ós contribuíntes. Outro elemento clave é que foi un salto cualitativo nas relacións internacionais, está aberto a todo o mundo e participan máis de cen países. Hoxe as relacións internacionais no eido da ciencia e da tecnoloxía na Unión Europea están na cima, é o programa máis aberto do mundo, nin Estados Unidos nin Xapón teñen algo similar. Hai un enorme interese comunitario e mundial e nas convocatorias sempre temos abundancia de propostas de calidade, e farase dentro de relativamente pouco unha primeira avaliación. Ademais, hoxe, no programa da Comisión Barroso hai unha grande ambición no que é o desenvolvemento de Europa utilizando a Sociedade do Coñecemento. Ben, pois o Programa Marco comunitario é un dos elementos claves, é moi positivo.
– A Comisión Europea quería que para 2010 se investise un 3% do PIB europeo en investigación. ¿Estase a conseguir?
– No obxectivo de Lisboa falábase de dedicar un 3% do PIB a investigación, e desa cantidade, o 1% sería financiamento público e o 2% financiamento privado. Segue sendo o obxectivo, pero estamos lonxe. Eu diría ademais que nestes últimos anos, antes da crise, o comportamento do sector público foi mellor que o do sector privado. O investimento público estaba máis preto do 1% que o privado do 2%, e iso tanto máis no sur de Europa, onde o investimento privado é relativamente máis escaso. Eu penso que a crise económica non vai mellorar a curto prazo o investimento do sector privado na ciencia e na tecnoloxía, aínda que está demostrado que estes investimentos son contracíclicos e debería facerse un esforzo moito maior en investigación e desenvolvemento cando se ve que unha crise é moi profunda.
– ¿Que países europeos apostan máis claramente pola I+D?
– Exemplos claros témolos dentro da propia Europa. Finlandia viviu unha gran crise hai uns anos e fixo un grande investimento en todo o referido ó coñecemento, é dicir, non só na investigación senón tamén na educación. Non hai que esquecer nunca que non se pode facer boa investigación se non se parte dun nivel de educación bo. Entón, eu creo que o que está empezando a ser un dinamizador do investimento privado é o Programa Marco, por un lado as Joint Technology Initiatives ou calquera tipo de asociación público-privada que exista no futuro na que exista xa unha grande implicación do sector privado, con proxectos xa concretos como os de ‘ceo limpo’, edificios intelixentes, as células de combustible, os motores eléctricos ou novas formas de manufactura. O sector privado, cando ve que hai un obxectivo claro, está disposto a facer este tipo de asociación, aínda que estamos falando de investimentos ó 50%, que son máis baixos do desexable, pero xa son un avance. Por outro lado, o mecanismo que puxemos para o financiamento da investigación é moi utilizado polo sector privado, concretamente en España, xa se ven indicios de que o investimento privado pode aumentar.
– ¿Supoño que as empresas grandes investigan máis que as pequenas?
– O gran problema son as pequenas e medianas empresas, que loxicamente non están no mellor momento, mesmo teñen dificultade para obter créditos no sistema financeiro con normalidade. É un problema que intentamos corrixir. O fondo de garantía que evita presentar garantías bancarias xa é un avance importante, pero aínda así nós queremos chegar ó obxectivo dun 15 por cento de participación das pequenas e medianas empresas na investigación, e xa estamos no 13 por cento.
– Dise que a investigación contribúe a crear emprego de calidade. ¿Segue sendo así?
– Isto é como botar unha semente e esperar a recibir o froito. E esperemos que esta crise, que é nova, tamén morra nova. Hai experiencias no pasado que demostran que un emprego baseado na Sociedade do Coñecemento é máis estable que noutros sectores máis especulativos. Pero Europa ten que correr máis que outros competidores como pode ser a India, China, ou Brasil. Está correndo xa moi rápido, pero nós temos un nivel de salarios máis altos que noutros lugares do mundo, e por así dicilo a nosa sociedade ten que ter un coñecemento máis amplo porque senón non sería competitiva. O reto está niso. As outras potencias están correndo moito e nós temos que correr máis.
–¿E como se pode despois aumentar o ritmo?
– O que hai que intentar é saír da compartimentación da ciencia europea, temos que crear a quinta liberdade, a circulación do coñecemento en Europa. Xa circulan os capitais, os servizos, as persoas, as mercancías, o euro... pero o coñecemento ten moitas barreiras, desde a mobilidade dos científicos que é escasa, ata os programas de ciencia dun país que non están abertos á xente que non é dese país. Todas estas cousas intentamos conseguilas coa creación do Espazo Europeo de Investigación no que ten que funcionar esa quinta liberdade, e que ademais agora co novo Tratado de Lisboa, hai bases xurídicas importantes para que Europa cree esa Sociedade do Coñecemento.
–¿A sociedade asume como necesaria a investigación? ¿Cal é a acollida dos grandes proxectos científicos?
– A ciencia necesita de tres cousas. En primeiro lugar de financiamento, público sobre todo para a ciencia máis básica, para a investigación, e privado para a ciencia máis vinculada ó desenvolvemento, e a innovación en xeral produce resultados, produce diñeiro. Iso admíteo a sociedade, como tamén admite que hai que formar científicos, que é o segundo elemento para que haxa ciencia, e que estes teñen unha carreira máis longa, moi complicada, e polo tanto hai que facilitar a súa mobilidade e que os sistemas de seguridade social cubran a súa carreira desde que están facendo o doutoramento. Son cousas que están falando en Europa os ministros de asuntos sociais. E despois, o terceiro elemento necesario son os aparellos para traballar, que os hai de moitos tipos, desde cousas pequenas a infraestruturas que teñen unha enorme visibilidade e que se necesitan para afrontar grandes retos científicos coma o CERN –Organización Europea para a Investigación Nuclear–, o ITER –Reactor Termonuclear Experimental Internacional– ou os grandes telescopios. Pero ó mesmo tempo que se necesita iso tamén se necesitan infraestruturas menos visibles como un supercomputador, unha fonte de espalación, un laboratorio dunha universidade ou infraestruturas vinculadas ó patrimonio cultural.
– ¿E hai capacidade para traballar en todos eses ámbitos?
– Loxicamente hai que facer prioridades que ó mellor son diferentes que nunha época de bonanza económica. Aí hai un elemento político: cara a onde debe ir a ciencia ou non nun momento determinado. En Europa agora temos que facer unha actividade científica que estea máis próxima á creación do emprego, máis próxima ó crecemento económico.
– ¿Existen receitas para o éxito no crecemento?
–Hai países coma o Reino Unido ou Alemaña nos que se apostou forte pola ciencia. Eu penso que o primeiro que hai que facer é ter un sistema de educación bo, no que as materias de ciencia se expliquen ben e no que se motive a xente, que se promova o desenvolvemento da cultura do esforzo na sociedade, que creo que se abandonou un pouco na sociedade europea. Establecendo unhas certas prioridades pódese ser bo mesmo en lugares nos que a masa crítica ou o orzamento é menor. Non é pensable unha Europa na que a ciencia estea toda en tres sitios, tampouco é pensable na que haxa café con leite igual en todos os sitios. Sempre haberá unhas diferenzas, pero con boas prioridades pódese chegar á excelencia en calquera lugar.
– ¿Que é o que se pode facer desde Galicia?
– Está o exemplo das ciencias da vida en Santiago, o Campus Vida, que é un campus de excelencia, con investigacións moi importantes por exemplo en xenómica, farmacoxénese, patoloxías... ou toda a investigación sobre o mar e a pesca en Vigo, o Clúster do Automóbil, o Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago... trátase de establecer prioridades. Eu sería máis explícito e intentaría facer en Galicia unha maior aposta polo mundo do mar, que é moito máis que a pesca: é o transporte marítimo, o estudo da contaminación mariña, e moitas máis cousas, hai unha masa crítica e é algo que podería ser interesante. En ciencias da vida está o polo de Santiago, a partir de aí poden saír empresas, co apoio do mundo financeiro. Ese é o mundo onde estamos máis atrás, como se xeran empresas a partir do coñecemento, é o máis complicado. Toda Europa se desenvolverá se se desenvolve a Sociedade do Coñecemento, e iso é válido para o sector público e para o sector privado. E hai que empregar sinerxías para aproveitar fondos estruturais comunitarios para a Sociedade do Coñecemento. Os fondos estruturais están nun momento no que hai unha gran sensibilidade en Europa para facer investimentos que teñan que ver co mundo do coñecemento. En Galicia, nos programas que se fan con fondos estruturais, paréceme que tamén hai esa sensibilidade.
“Nunca perdín os vínculos con Galicia”
–¿Segue vostede moi vencellado a Galicia?
–Todo depende da xente. Eu nunca perdín os vínculos con Galicia. Xavier Alcalá dicía un día nun artigo que me fixo que eu son un home de Chantada que pasea polo mundo. Eu teño unha certa necesidade de vir aquí con frecuencia, é unha das razóns polas que me vinculei coa Universidade de Santiago para dar unhas clases, para obrigarme a vir. Eu creo que hai en Galicia uns valores, na miña opinión, de importancia, é unha sociedade na que non se perdeu completamente ese concepto de esforzo que hai que facer para saír adiante, aínda que está francamente diminuído. Pero non o perdemos e niso estamos mellor que noutras comunidades. Por outro lado está o talante galego, que non só os galegos, senón que moita xente pensa que é moi bo, e penso que é unha vantaxe. A nivel persoal, eu penso que o que máis me serviu en todos estes anos que levo fóra é ser galego. A maneira que temos aquí de ver a vida serviume para andar por Europa probablemente moito máis que o que aprendín na universidade, na administración ou no traballo.
