Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Lunes 20.04.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 1 de 1] Galicia| galicia@elcorreogallego.es  |  RSS - Galicia RSS

Candidato a reitor da Universidade de Santiago

Juan Casares Long: “Deixar comprometido o futuro da vindeira reitoría é mala política”

21.02.2010  Casares Long é o único que repetirá en maio como candidato a reitor da USC // “A súa, di, é unha visión da universidade libre de condicionantes” fronte a alternativas nas que ve continuidade // E agora, asegura, máis arroupada ca en 2006

4.9/5 [57 Voto/s]

10
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

I. CASAL • SANTIAGO

Juan Casares Long, durante a entrevista, o venres pasado, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría
Juan Casares Long, durante a entrevista, o venres pasado, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría

Juan Casares Long (A Coruña, 1950) será en maio o único que repita candidatura á reitoría da USC. Tras catro anos como case única oposición de Senén Barro, co que empatou en número de votos, séntese máis coñecedor da universidade e mantén como eixes do seu discurso "a necesidade de cambio e de contar con todos". A universidade que quere, insiste, débese a quen a financia, a base de innovación con valor social, achegando solucións á sociedade. O catedrático de Enxeñería Química e director do grupo de investigación de Modelización Ambiental acredita experiencia como impulsor do Centro de Supercomputación de Galicia ou Meteogalicia. No seu currículo figura tamén a etapa como director xeral de Medio Ambiente e primeiro director da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da USC. Máis atrás, recorda a docencia na Universidade do Petróleo de Arabia Saudí, onde aprendeu "a ser máis tolerante cos distintos xeitos de pensar" e experimentou Boloña "con 30 anos de anticipación".

_ ¿Como foron estes catro anos?

_ Unha escola moi dura, porque fun a única voz que provocou debate sobre os problemas reais da universidade, e incluso a que lexitimaba democraticamente o equipo actual, porque as do seu contorno, de lealdade sen condicións, non lexitiman nada.

_ ¿Que o anima a repetir?

_ A experiencia acadada, o coñecemento da universidade que adquirín, e a necesidade de cambiar de rumbo e de contar con todos.

_ ¿Que ten de equivocado, ao seu xuízo, o rumbo actual?

_ Tantas cousas! Pero sobre todo non escoitar, non recoñecer a necesidade de participación de todos. Hai unha visión moi estreita da realidade e incapacidade para chegar á sociedade.

_ ¿Cal é o problema da USC que lle preocupa máis?

_ Poderiamos dicir que os problemas das persoas, o económico-financeiro, o patrimonial.

_ Toca negociar novo plan de financiamento, pero en plena crise, ¿veñen tempos complicados?

_ O que temos que facer é optimizar recursos, pensar en toda a universidade, levar a cabo unha xestión eficaz e contar con todas as formas de ver a universidade. Preocúpame [o escenario actual] pero non me asusta.

_ O futuro seguirá tamén moi marcado por Boloña, ¿como se está a encauzar o proceso?

_ É unha reforma radical do ensino-aprendizaxe, case unha reforma cultural, e iso non se consolida da noita á mañá. Queda moitísimo percorrido, e teremos que ir corrixindo as disfuncións que existan e que poidan xurdir.

_ ¿Pero convénceo a reforma?

_ Estamos nos primeiros balbucidos. Boloña foi unha ocasión para a reflexión sobre procedementos de ensino. Nese senso, benvido sexa, pero a planificación en España foi inexistente, con continuos cambios e a urxencia dos que chegan cos prazos case cumpridos. Hai que facer esforzos para garantir que sexa unha mellora para os estudantes._ A próxima reitoría terá que executar boa parte o proxecto de Campus de Excelencia Internacional...

_ De interese rexional.

_ ¿Que lle parece o proxecto?, ¿asumiríao como seu se fose reitor?

_ Mire, a USC está moi necesitada de mellorar as infraestruturas de investigación, e mesmo as docentes, en todas as áreas. Quen goberne terá que coidar a igualdade de oportunidades para todo o mundo. Eu sinto satisfacción por que un proxecto noso sexa ben valorado, pero temos que imbricalo na estrutura da universidade. Penso que iso está por facer, e será unha das tarefas do novo goberno. Tratar de deixar comprometido, con moitas présas e a última hora, o futuro dos vindeiros gobernantes é unha mala política.

_ ¿Gustaríalle que quedase máis aberto para quen remude a Barro?

_ Naturalmente que si.

_ ¿Incluído o cambio de nome do Campus Sur polo de Campus Vida?

_ No consello de goberno fun das tres persoas que expuxemos a nosa preocupación por asumir un nome que non representa as distintas sensibilidades do Campus Sur e racha coas denominacións dos campus de Santiago. Ese debate está fóra de lugar.

_ ¿Volverá a Campus Sur se gaña?

_ [O cambio feito] é unha frivolidade cando temos que facer grandes esforzos para reconducir a situación económica á que nos levaron os actuais dirixentes da universidade e unhas administracións que non acaban de entender a necesidade de apoiar o coñecemento. Se queremos un cambio, fagámolo, pero busquemos o momento oportuno.

_ Vigo tamén cambiará axiña de reitoría, ¿debería quedar para máis adiante o acordo entre os reitores de compartir recursos das institucións universitarias galegas ou é bo?

_ Teño clarísimo que compartir recursos é unha magnífica solución. De feito, eu participei e incluso dirixín algunhas propostas nesa liña. Falo do Cesga, da rede de banda ancha de ciencia e tecnoloxía de Galicia ou da aplicación informática das probas de acceso á universidade durante 17 anos. Sobre o protocolo, hai tres semanas que solicitei unha copia del, pero sigo á espera.

_ Nestes meses debateuse moito sobre Medicina, ¿cal é a súa postura?

_ Unha facultade, unha titulación e colaboración... É que levamos moitos anos colaborando con todos os hospitais do Sergas. Outro tema é o novo edificio. Cada pouco tempo mostrábanse proxectos que lle custaron moitísimo á USC, pero nunca houbo vontade de levalo a cabo.

_ Pero para acometer esa obra fan falta recursos externos á USC.

_ Si, agora. Antes houbo eses cartos, pero aplicáronse noutras cousas, non no que correspondía. É unha débeda histórica e irei a morte para solucionala.

_ Desta volta agárdanse seis candidaturas a San Xerome, ¿é un escenario electoral difícil?

_ É diferente. Entendo que aqueles que apoiaron a outra alternativa hai catro anos agora apoian algunhas. Eu sigo representando o mesmo ca en 2006, unha visión libre de condicionantes da nosa universidade.

_ ¿Ve candidaturas de continuidade?

_ Máis dunha, claramente.

_ ¿E máis de dúas?

_ Tamén.

_ ¿Ten xa o equipo conformado?

_ Como persoas asignadas a un posto, non teño, e intencionadamente. O importante é ter un programa e buscar as persoas máis preparadas para levar adiante os seus retos.

_ ¿Pero séntese arroupado?

_ Teño moita xente, é unha das diferenzas máis notables con respecto a hai catro anos. Achéganme traballo e ilusión para facer un bo programa.

_ En calquera caso, ¿como definiría o equipo que quere conformar?

_ Pois un equipo con distintas formas de ver a universidade dende a universiade, pero cun obxectivo común. Eu non vou xogar á multiuniversidade nin á univercidade (termo cuñado por Barro). Para min a palabra universidade dío todo.

_ Fala de distintas sensibilidades. Tamén hai distintos sentimentos e hai áreas, como a de Humanidades, que se senten discriminadas.

_ Senten que non xogan en igualdade de condicións. Eu tamén vexo que nestes momentos as oportunidades non son iguais para todos.

n icasal@elcorreogallego.

As liñas xerais

Un proxecto “asentado na realidade”

 A súa nai era de orixe metade inglesa, metade austríaca. A ela débelle o seu exótico segundo apelido, aínda que el mesmo viviu varios anos en Reino Unido, onde fixo o doutoramento. Ten dous fillos, xa criados, e se chega a reitor sentirá perder os xoves de música clásica do Auditorio de Galicia.
_ ¿Pode avanzar algunhas liñas do seu proxecto?
_ Estará asentado na realidade, que é terca. Hai que ser realistas e resolver o problema do coñecemento da comunidade universitaria de cal é a nosa situación real.
_ ¿Fala das contas?
_ Por exemplo, pero non só delas. Dende 2006 solicitei distinta información sobre a situación económica e  só recibín unha minúscula parte. Nunca apoiei os orzamentos, porque nunca me pareceu que mirasen cara ao futuro.
_ ¿E á parte diso?
_ Optimizar recursos, reestruturar a xestión e aposta pola docencia serán outras das liñas do programa

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS