As seis persoas detidas nas localidades pontevedresas de Vilagarcía de Arousa e Cambados pola súa suposta vinculación cunha trama de branqueo de capitais quedaron en liberdade con cargos, segundo confirmaron a Europa Press fontes xudiciais. Entre os detidos no marco da denominada 'Operación Job', desenvolvida dende primeira hora da mañá de onte, atópase coñecido narcotraficante Roberto Leiro Santos, que xa foi detido como responsable da organización de transportistas que pretendía introducir en terra oito toneladas de cocaína que traía a bordo o 'South Sea', no maior alixo desta droga interceptado en Europa. Funcionarios da Axencia Tributaria en Galicia informaron de que os detidos montaran unha trama de ocultación das ganancias procedentes do narcotráfico en propiedades inmobiliarias e unha sociedade que xestionaba varias tendas de deportes na provincia de Pontevedra. ALTO STANDING As investigacións comezaron ante o "elevado" nivel de vida que gozaban os membros da trama agora detidos que, "sen ingresos legais que puidesen ser xustificados", detiñan propiedades inmobiliarias de alto standing. Froito das investigacións desenvolvidas por Vixilancia Aduaneira baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa e da Fiscalía antidroga de Pontevedra descubríronse propiedades por valor de 900.000 euros, entre elas "un chalé suntuario" en Vilagarcía de Arousa.