[Noticia 1 de 1] Galicia| galicia@elcorreogallego.es | RSS
estaban acusados dun delito contra a saúde pública
En liberdade os catro mariscadores que estaban en prisión pola trama das vieiras tóxicas
25.09.2008
Os catro mariscadores ingresaran en prisión sen fianza o pasado 9 de setembro acusados dun delito contra a saúde pública no marco da operación que investigou unha suposta trama de extracción e comercialización de vieira con tóxina amnésica
O xuíz Alejandro Morán Llordén ditou auto de posta en liberdade provisional para os catro mariscadores que permanecían na prisión de Teixeiro pola súa suposta vinculación cunha trama de extracción e compra-venda de vieira contaminada por toxina ASP, xa que o maxistrado estima que non hai risco de fuga nin desaparición. Os catro mariscadores ingresaran en prisión sen fianza o pasado 9 de setembro acusados dun delito contra a saúde pública no marco da operación que investigou unha suposta trama de extracción e comercialización de vieira con tóxina amnésica. Estas catro persoas están imputados neste caso xunto a outros dous mariscadores que xa quedaron en liberdade con cargos no seu momento, ao igual que a restauradora Toñi Vicente e o responsable legal da empresa distribuidora Comercial Xanquei, J.R.Q.R., que eludira a prisión tras aboar unha fianza. A toxina ASP, coñecida como amnésica, ten carácter acumulativo e pode provocar danos neurolóxicos irreversibles e perda de memoria. Por iso, a única vieira de orixe galega que pode comercializarse é a que se somete a un proceso de evisceración --eliminación de hepatopáncreas-- nun centro autorizado pola Xunta de Galicia.