El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Lourenzo Fernández Prieto: “A USC debe decidir se mira adiante ou acepta a lóxica de volver atrás”

“Temos que ser máis competentes e eficaces para utilizar mellor os recursos públicos”

23.05.2010 
A- A+

Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) aspira a levar as rendas da USC cun equipo de sete vicerreitorías (5 menos que agora), un número, asegura, que garantirá máis eficacia. O catedrático de Historia Contemporánea asegura que o seu proxecto ten a visión necesaria do que a USC ten que ser na segunda década do século XXI, fronte ao modelo do seu rival, no que ve unha volta ao pasado.

O seu equipo é máis pequeno que o de Casares, ¿Réstalle iso atractivo?

Ao revés, está formado por persoas cunha amplísima experiencia, a pesar da crítica de xuventude que lle fai o profesor Casares, e a redución de vicerreitorías non é nin por demagoxia nin por austeridade, é por eficacia e competencia. Pódese gobernar máis eficazmente con menos persoas, que compartirán co conxunto da universidade o goberno. Esa é a diferenza, nós non queremos gobernar sos, senón co consello de goberno, cos centros...

¿Como encarou esta segunda parte da campaña?

O meu obxectivo é garantir unha gran coalición de ideas. A USC debe decidir se está por un modelo que mira cara adiante, que se quere construír co conxunto da comunidade universitaria, ou se acepta a lóxica de volver atrás.

Se gaña, ¿que será o primeiro que faga?

O primeiro sería unha entrevista cos representantes da Xunta ao máximo nivel, espero que tamén co seu presidente, para explicarlles en que medida a universidade non é parte do problema, senón da solución. E a partir de aí, conseguir no menor tempo posible un acordo de financiamento estable para a próxima década, que teña en conta que a USC é unha universidade singular, porque é a única internacional e histórica de Galicia.

¿Está preparada a USC para ter un reitor nacionalista, xusto cando na Xunta goberna o PP?

Si, o que pasa é que o que se discute agora é un proxecto de universidade. O nacionalismo do candidato non ten que ver coa súa proposta. Na universidade fanse propostas académicas, non políticas.

Facendo autocrítica, ¿en que debe mudar internamente a universidade?

Temos que ser máis competentes e eficaces para utilizar mellor os recursos públicos (...). Non pode haber financiamento sen obxectivos.