Lunes 20.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Un grupo de vacas nunha explotación agraria ubicada no Concello de Touro, na provincia da Coruña |
A Consellería de Política Territorial que dirixe María Xosé Caride acaba de dar un importante impulso á modernización do rural galego ao resolver máis de 41.000 expedientes de recoñecemento de explotacións agropecuarias das cales 38.000 foron tramitadas durante os tres últimos anos polo actual Goberno autonómico, fronte aos só 3.000 que forna tramitados polo anterior Executivo.
A día de hoxe, máis de 4.000 propietarios xa recibiron a notificación da resolución, uns mil expedientes de toda Galicia non requirían da autorización autonómica e 39 non cumprían cos requisitos esixidos pola Lei e, polo tanto, non obtiveron o recoñecemento administrativo.
O recoñecemento co que xa contan máis de 40.000 propietarios de toda Galicia é necesario para que, logo de obter a licenza municipal, os propietarios poidan realizar nas súas explotacións obras de conservación, reforma e ampliación necesarias para o desenvolvemento da actividade agropecuaria.
O devandito recoñecemento que acaba de impulsar a Consellería de Política Territorial mesmo lles facilita o acceso das diferentes subvencións públicas para poder acometer a optimización das instalacións agropecuarias. Polo tanto, ao completar o proceso o departamento autonómico contribúe á modernización e desenvolvemento do sector rural galego.
A Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do medio Rural (coñecida como Lei do Solo), que foi modificada no ano 2004, veu a establecer a obrigatoriedade dunha regularización excepcional para a meirande parte das explotacións agropecuarias asentadas en solo rústico da comunidade autónoma, que non dispoñían de licenza urbanística nin da licenza de actividade que deben outorgar as administracións locais.
Ante a incapacidade do anterior Goberno para resolver os expedientes, que lles impedía a agricultores e ganadeiros desenvolver e optimizar con normalidade a súa actividade, a Consellería decidíu axilizar o proceso dándolles unha resposta máis rápida aos afectados. A sistematización dos expedientes supuxo un importante esforzo para os funcinarios da Dirección Xeral de Urbanismo xa que estes se atopaban diseminados nas administracións locais ou en diversas dependencias da Xunta de Galicia.
UNHA OBRIGA DE CARÁCTER LEGAL
A Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística do Medio Rural (coñecida como Lei do Solo), que foi modificada no ano 2004, estableceu a obrigatoriedade dunha regularización excepcional para a meirande parte das explotacións agropecuarias existentes en solo rústico de Galicia, que non dispoñen de licenza urbanística nin da licenza de actividade que deben outorgar aos concellos. Concretamente, indica que todas as explotacións existentes a data 1 de xaneiro de 2003 poderán manter a súa actividade sendo suficiente o recoñecemento da Consellería de Política Territorial. Na modificación do ano 2004 xa se establecía que a Consellería debería resolver os expedientes antes de que rematase o mes de xuño dese mesmo ano. No entanto, dun total dos 41.000 expedientes remitidos polos concellos o anterior Goberno unicamente foi capaz de tramitar uns 3.000, deixando 38.000 pendientes .
Axilización dos procedementos
Ademais de completar o recoñecemento dos expedientes, a Consellería de Política Territorial impulsou unha modificación da Lei coa que se simplifica o procedemento de regularización das explotacións agropecuarias afectadas pola normativa.
Moratoria para antes do ano 2003
A través da Lei de Medidas Urxentes en Materia de Vivenda e de Solo permitiuse que as explotacións que existían con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2003 poidan manter a súa actividade aínda que non estean amparadas polo aval dunha licenza municipal .
