El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

profesora da USC

María López Sández presenta en Lugo a novela ‘A forma das nubes’, Premio Narrativa Breve de Repsol

A escritora luguesa, autora do ensaio ‘Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio’ , dará este sábado 16 as claves da súa última obra na librería Biblos

USC  | 15.02.2013 
A- A+

A escritora luguesa e profesora do Departamento de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela María López Sández, presentará este sábado, día 16 de febreiro, a partir das 12.00 horas, na librería Biblos da capital luguesa, a súa última obra literaria, a novela ‘A forma das nubes’, galardoada co Premio Narrativa Breve de Repsol na súa sexta edición, na que se presentaron un total de 41 obras orixinais.

 

Narrada en primeira persoa, cunha voz que conxuga o presente e o pasado da protagonista, ‘A forma das nubes’ é unha pescuda na infancia como xeito de comprender o amor e fuxir do desamparo no que nos deita a vida. A fotografía, o cinema, a moda e a beleza configuran o pano de fondo desta narración que López Sández escancia cun ritmo intenso, constante; ritmo narrativo ao que se suma o contrapunto dun enigma central que a novela aproveita como recurso literario e como estímulo para o pensamento de quen le.

 

A última novela de María López Sández, editada e publicada pola Editorial Galaxia a finais do pasado mes de novembro, está a colleitar moi boas críticas por parte do público, o que fixo que ‘A forma das nubes’, unha obra curta, de apenas un cento de páxinas, fora un dos libros máis demandados no mes de xaneiro.

 

López Sández, profesora de Secundaria no IES Xulián Magariños de Negreira e doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago, ten colleitado xa no 2007 o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio por ‘Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio’, unha obra tamén editada por Galaxia no 2008.

 

Ademais destas dúas creacións bibliográficas de xéneros ben distintos como son a novela e o ensaio e que resultaron galardoadas con cadanseu premio, a escrita de María López Sández abrangue tamén a literatura infantil, como o demostra o feito de que é autora de diversos contos.