El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Profesor titular de análise económico da USC

Melchor Fernández Fernández: "Galicia podería sustentar ao doble da súa poboación actual"

{ Ourense 1969 } Melchor Fernández Fernández é doutor en Economía pola Universitat Autónoma de Barcelona, profesor titular de Fundamentos da Análise Económica da USC e coordinador do grupo GAME.-IDEGA.

FOTO: Archivo ECG
FOTO: Archivo ECG

LUIS POUSA SANTIAGO  | 24.03.2017 
A- A+

A perda de poboación que sofre Galicia dende mediados do século XX ten causas predominantemente económicas?
Os determinantes económicos son fundamentais para explicar a evolución negativa na década 1960-1970 marcada pola emigración. Nas décadas posteriores, aos factores económicos únese un cambio nas pautas de comportamento social e familiar que reduciu a taxa de fecundidade. O declive demográfico actual do rural é resultado da emigración en períodos anteriores e da falta de actividade económica no entorno. A emigración xa non é a causa actual da perda poboación senón o envellecemento e conseguinte saldo vexetativo negativo.

Que efectos ten a perda de habitantes e o avellentamento na sostenibilidade do benestar e na cohesión social do sistema?

A sostenibilidade do sistema non a determina unha ratio demográfica, senón a capacidade produtiva da sociedade e as relacións entre as xeracións para asignar, equilibrada e adecuadamente, aos seus habitantes os recursos producidos. Non obstante, o incremento relativo das clases pasivas supón un elemento de tensión relevante no sistema de benestar xa que está deseñado para unha estrutura demográfica diferente á existente hoxe.

Se o reto actual é xestionar o avellentamento con éxito. Que medidas tomar para acadalo?

Primeiro, necesitamos un cambio de actitude que non vincule envellecemento a “problema” para a sociedade onde se produce. A cohesión social require novas relacións de intercambio entre xeracións e nese punto debe centrarse o debate: nun novo pacto interxeneracional.

Hai que superar visións xeralistas de corte estadístico?

Por suposto. As ratios demográficas estimadas non determinan as relacións económicas nin as relacións sociais, as condicionan. O foco non debe dirixirse ao número relativo de maiores nunha sociedade, senón a súas características, capacidades, preferencias e necesidades.

O medio rural debe apoiarse no urbano para sobrevivir?

O enfrontamento rural-urbano debe esquecerse. A solución aos problemas sociais e económicos de Galicia require unha resposta conxunta e mellorar os canles de comunicación e relación entre ambos medios. Se conseguimos incrementar as relacións a todos os niveis, o crecemento do mundo urbano pode converterse na mellor política de desenvolvemento para o medio rural. Moitos servizos e produtos requiren de intensidade de demanda e economías de especialización e aglomeración que só poden acadarse en contextos urbanos. O rural debe mellorar as súas relacións económicas e sociais co mundo urbano, e non replicar modelos de produción e prestación de servizos urbanos onde non son eficientes nin eficaces.

A xustiza social require igualdade territorial?

Require que todos os cidadáns independentemente de onde vivan teñan acceso equitativo aos servizos públicos, ao emprego e as vantaxes da vida en sociedade no seu entorno. A xustiza social supón recoñecer a singularidade diferenciada de cada territorio e a imposibilidade de fixar paquetes de medidas estandarizadas que non se adaptarían ás necesidades específicas das persoas e dos territorios que habitan.

Se os movementos de poboación do medio rural están esgotados, cal é a alternativa para que Galicia gañe poboación?

Gran parte do actual rural galego xa non conta con efectivos que poidan desprazarse ás áreas urbanas, polo que o crecemento urbano baseado no declive poboacional do rural esta esgotado. Aumentar a poboación pode lograrse incrementando os nacementos, reducindo as defuncións ou mellorando o saldo migratorio externo. Cada unha desas posibilidades require medidas de política diferentes e tamén ofrece resultados esperados distintos, pero en todos os casos é condición necesaria un incremento sostible da actividade económica.

Que efectos ten a perda de capital humano do país dende o inicio da Gran Recesión até hoxe?

É difícil de cuantificar os efectos do capital humano que unha vez formado abandona a comunidade, xa que se trata de cuantificar o potencial de produción non acadado se todo este capital humano fose utilizado. O crecemento continuo do número de activos e de parados con educación superior neste período relativiza en termos produtivos o abandono de traballadores formados que de manterse no territorio previsiblemente non serían utilizados. Por suposto a produción potencial de Galicia sería maior, pero a produción real observada dificilmente sería diferente. O problema non é a marcha de capital humano, senón a razón pola que marcha: a falta de postos de traballo adecuados para eses xoves traballadores que deciden abandonar Galicia.

O territorio galego podería duplicar a poboación sen romper seus equilibrios básicos?

Por suposto. Duplicala suporía unha densidade de poboación para Galicia duns 180 habitantes por km2. Euskadi xa supera os 300 h/km2 e Baleares está en 227h/km2. A posibilidade existe e pode acadarse sen romper equilibrios básicos, pero supón incrementar significativamente a capacidade de creación de emprego no territorio.

O trato persoalizado debe imporse nos servizos sociais sobre un uso abusivo do criterio das economías de escala?
Nos servizos socias o factor produtivo dominante é o capital humano, a relevancia do aforro asociado ó tamaño da instalación (infraestrutura) é moi reducida, case non relevante. Ao rural tense trasladado un modelo de prestación de servizos urbanos baseado en altas intensidades de demanda que favorecen as instalacións de tamaño medio (centros de día, escolas infantís...) que, dada a dispersión e baixa intensidade de demanda no rural, non son efectivas e, en moitos casos, pechan por falta de demanda. A isto ten axudado o confundir a “equidade” coa “igualdade”. Debemos ter acceso equivalente aos servizos sociais non igualdade. ¿Se as persoas e os territorios non son heteroxéneos porque ofrecemos solucións homoxéneas?

TRAXECTORIA

TÍTULOS E CARGOS. Doutor en Economía pola Universitat Autónoma de Barcelona, Melchor Fernández Fernández é profesor titular de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago (USC). Foi director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) entre 2005 e 2014. Dende 2010 coordina o programa de doctorado da USC Desenvolvemento Rexional e Integración Económica.

INVESTIGACIÓN. Coordinador do grupo de investigación GAME-IDEGA, as súas investigacións xiran en torno á evaluación de políticas socioeconómicas con modelos de equilibrio xeral, a planificación e evaluación de servizos sociosanitarios e a economia laboral. En 2009 foi Premio Lluis Fiña, da Asociación Española de Economía del Trabajo, patrocinado polo Ministerio de Trabajo, á mellor investigación en economia laboral. En 2012 recibiu o Premio de Investigación Eurorrexión, patrocinado pola Universidade de Vigo e Novacaixagalicia. En 2015 gañou a II Premio de Investigación en Economía Valentín Paz Andrade, convocado polo CESGA.