Domingo 07.02.2010
Hemeroteca web
|
RSS
Recentemente unha prestixiosa editorial galega acaba de publicar dúas monografías alusivas á vida de Benigno Álvarez e Xoán Xesús Fernández, ambos os dous represaliados poíticos que pereceron cruelmente nos primeiros meses da Guerra Civil. Un dos aspectos máis salientable destes dous persoeiros foi a súa entrega por Galicia e por todas aquelas causas que afectaban directamente ao noso país, xa fosen de índole económica, política ou cultural, segundo se desprende das súas respectivas biografías. Igual que moitos contemporáeos seus tanto un coma outro pasaron moitas décadas no anonimato sen que ninguén se preocupara por rescatalos nin devolverlles parte da dignidade perdida no momento máis tráxico da historia de Galicia. Non obstante, ao seren rehabilitados e postos de novo de manifesto, os investigadores que recuperaron as súas respectivas figuras Santiago Prol, no caso de Benigno Álvarez e Marcos Seixo, no de Xoan Xesús Fernández, espertaron de novo os recelos dunha parte da sociedade que segue a considerar tabú abordar determinados asuntos da historia galega, aínda que fose a máis escura. Do mesmo xeito, na presentación dun dos títulos que tivo lugar na localidade ourensá de Maceda non estaban presentes todos os estamentos sociais e non porque o seu autor nos os convidase senón que eles mesmos se autoexcluíron. Se ben que pasaron máis de 70 anos daqueles desgraciados acontecementos, aínda persiste un certo subconsciente colectivo na sociedade de culpa ou burda maldición cara a persoas que foron salvaxemente asasinadas por representar unhas ideas. Rehabilitara un ser humano despois de tanto tempo non pode ir nin vai contra ninguén. É só iso, historia. Amáis de vítimas do peor escenario político galego que ninguén recorda, os represalidados seguen a sufrir persecución non política, porque non é posible, pero si histórica. A pesar do que poidan pensar eses sectores sociais que se opoñen á recuperación de grandes persoeiros da historia do noso país, os inmolados pola infamia bélica son unha parte substancial de Galicia. Querer ignoralos semella esquecernos de nós mesmos. Agora que xa pasaron sete décadas do seu martirio é un dos momentos máis apropiados para restaurarlles a dignidade, sen revanchismos e sen rancor. É cuestión de todos, sixase de dereitas, esquerdas ou nacionalistas. Eles, inutilmente sacrificados no seu día, son os mellores representantes da memoria colectiva, esa que nos pertence a todos.
