Lunes 20.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
O reitor da USC, Senén Barro, esquiva polemizar con Sanidade e interpreta as declaracións de Farjas como unha mensaxe que trata de resaltar a necesidade de que os hospitais universitarios se impliquen máis na docencia práctica do alumnado de Medicina. A fin de contas, di facendo un apuntamento técnico, en Medicina non hai primeiro e segundo ciclo. E con Boloña, menos.
_ O progresivo aumento de prazas en Medicina semella facer rexurdir a petición dende a UDC dunha titulación propia ou compartida...
- Non o sei, pero estes son procesos cíclicos. É moi razoable pensar que nuns poucos anos volvamos reducir as prazas de admisión en Medicina, porque se entenda que xa teremos profesionais de abondo para os vindeiros anos. Nestas cousas non se pode pensar só nos puntos álxidos da demanda. Cando proliferaron titulacións ao fío dunha demanda pico, só se pensou do modo máis fácil, pero o máis custoso posible, que é incrementar facultades. Pasada a euforia ou as necesidades profesionais, atopámonos facultades baleiras, e ese é un problema moi serio, porque non ten volta atrás.
_ ¿Hai máis motivos para non duplicar esta carreira?
- Eu non estou defendendo unha exclusividade para a USC ou a historia. O motivo é a non necesidade, non é conveniente facer o que non é necesario e é tremendamente custoso. Non hai razón máis poderosa ca ese. Sobre todo cando temos tantas necesidade no sistema universitario non atendidas, non debemos inventar aquelas que non son necesarias.
_ Pero nos hospitais da Coruña e Vigo non todos os médicos ven con bos ollos depender da USC a nivel docente. E tampouco na UDC...
- Os hospitais, incluídos os do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, non son das universidades. Teñen convenios con elas, pero dependen da Consellería de Sanidade. Despois, o que opine cada persoa de en que universidade se sente mellor é cuestión de gustos.
_ A conselleira de Sanidade foi concelleira do PP herculino, que defende Medicina para A Coruña, ¿teme que, por decilo dalgún xeito, varra para casa?
- Non. As persoas competentes e responsables saben distinguir en cada momento o papel que teñen que desempeñar.
_ O alumnado pide que as prácticas clínicas se estendan a otros hospitais, máis aló dos de Santiago, A Coruña e Vigo, ¿é posible?
- Aínda que non cabe dúbida de que todos os hospitais poderían participar, tamén é verdade que, cando menos de entrada, o máis sensato e eficaz é utilizar os grandes hospitais, polas infraestruturas que teñen .
