Lunes 20.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Imaxe do porto da localidade coruñesa de Malpica, que acaba de ser reformado pola Consellería de Política Territorial |
Malpica estrea porto. A Consellería de Política Territorial investiu 4,2 millóns de euros na reforma integral da dársena e está a executar a mellora do dique de abrigo, que custará outros 2,6 millóns. A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, inauguraron o novo porto a semana pasada.
As obras de reforma do porto agora rematadas permitiron renovar todos os elementos e espazos de traballo portuarios así como mellorar a estética da zona e a súa integración coa vila. Nos espazos portuarios propiamente ditos remodelouse a dársena interior coa creación dun novo aberto de 2.000 metros cadrados destinado a servir de mariña seca con capacidade para 60 embarcacións menores, auxiliares ou pesqueiros de pequenas dimensións. Para evitar os recheos, este aberto construíuse sobre unha estrutura forxada e pilotada e no seu borde exterior habilitouse un paseo xunto ao mar. Ademais, na rampla xa existente no interior da dársena realizouse unha plataforma horizontal na que se instalou unha grúa automotor para facilitar as manobras coas embarcacións.
Entre os 2.000 metros cadrados da nova mariña seca e os espazos liberados coa remodelación xeral do porto incrementáronse un total de 3.000 novos metros cadrados de abertos, o que permite ampliar o espazo portuario de 47.000 a 50.000 metros cadrados.
Xunto con estas actuacións, cambiouse a pavimentación do vial que rodea a dársena dende a rampla de acceso ao porto ata a nave de redeiras, renováronse as redes de abastecemento de auga e electricidade, reformouse a rede de saneamento e colocáronse bocas de rego.
Para mellorar a integración porto-vila e a estética da zona retiráronse diversos elementos que afeaban o contorno e restauráronse outros.
Formación para os vixilantes
A Academia Galega de Seguridade Pública (organismo autónomo adscrito á Consellería de Presidencia) e mailo ente público Portos de Galicia (adscrito á Consellería de Política Territorial) colaboran na formación de persoal portuario que desenvolve labores de seguridade e vixilancia.
A directora xeral de Interior e da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), María Isabel Durántez, e mailo presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, asinaron onte o convenio de colaboración que ten por obxecto a formación dos celadores-gardapeiraos e doutro persoal de Portos de Galicia relacionado coas actividades de Policía administrativa portuaria e coa seguridade e control de accesos que establece o código internacional de Protección de Buques e Instalacións Portuarias.
A Academia de Seguridade deseñará e programará unha serie de cursos específicos para o persoal portuario co fin de mellorar o desempeño profesional deste colectivo.
Cos mariñeiros do Sardiñeiro
O presidente do ente público Portos de Galicia, Jacinto Parga, recibiu en Santiago os representantes da "Asociación de Mariñeiros e Amigos do Porto de Sardiñeiro", cos que intercambiou opinións sobre as infraestruturas portuarias da zona.
Jacinto Parga expúxolles as actuacións de Portos (dependente da Consellería de Política Territorial) para que a zona dispoña de instalacións portuarias axeitadas ás necesidades dos mariñeiros.
Na zona de Sardiñeiro (en Fisterra) nunca existiu ningunha instalación portuaria, polo que os esforzos de Portos de Galicia se centran nas que existen en Fisterra e Corcubión. Concretamente en Fisterra, o ente portuario leva investidos máis de cinco millóns de euros en actuacións como a construción da nova lonxa, a urbanización e a remodelación e ampliación de pantaláns para embarcacións menores. Portos pretende que os mariñeiros da zona conten con servizos axeitados para desenvolver o seu traballo .
Miradoiro ó mar e 420 metros de paseo
A Consellería mellorou a baixada ao porto coa eliminación de varias edificacións e construíuse un novo paseo peonil ao longo duns 420 metros. Ese paseo percorre todo o peirao a uns 5 metros de altura sobre o vial interior do porto e remata cun miradoiro sobre o mar. O paseo elevado apóiase en parte sobre un muro existente e baixo el resituouse tamén un taller de reparación de embarcacións retirado do acceso ao porto .
