Sábado 07.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O presidente e candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo |
En xaneiro de 2006 asumiu o difícil papel de suceder a Manuel Fraga á fronte do PPdeG e o reto de consolidar o seu liderado dentro da formación conservadora. Superou a meta partidista con éxito pero agora enfróntase ao desafío máis importante da súa vida política, recuperar a Xunta, coa desvantaxe das enquisas e de ser o novato. Pero lévao ben. "Prefiro presentarme por primeira vez ca que sexa a segunda ou terceira que perdo", bromea.
_ ¿Listo para o exame do 1–M?
_ Si. Preparado. Desde o verán sabemos que o presidente quería convocar as eleccións autonómicas canto antes. Non puido facelo entón porque mediu o termómetro da sociedade galega e atopouse cun rexeitamento unánime.
_ ¿Pesa ser o sucesor de quen foi quen de manter a maioría absoluta durante 16 anos?
_ É certo que os demais candidatos o teñen moito máis doado ca min, porque nin sequera necesitan gañar as eleccións. Pero eu teño asumido o papel de lograr a maioría absoluta e o pleno convencemento de que o imos facer.
_ ¿Son tan boas as enquisas ou confía en que a crise incline a balanza ó seu favor?
_ As enquisas son boas. Mellores das que tiñamos en 2005 e nese ano faltounos un escano para a maioría absoluta. Pero aínda hai un 30% de indecisos. Esa é a clave da maioría absoluta para o PPdeG. En canto á crise, é certo que foi un problema para o Goberno pero tamén que puido ser unha oportunidade, se non enganase ao pobo e tivera a intelixencia de buscar un orzamento consensuado para 2009.
_ Precisamente as enquisas debuxan Lugo e Ourense como os seus puntos febles. Na primeira din que poderían perder un escano tralo descenso do peso político pola marcha de Cacharro e a perda da Deputación.
– Lugo é un referente. A proba de que o PP cumpre a palabra dada, porque deixamos que goberne quen gañou. Dito isto, creo que á xente de Lugo se lle acabou a paciencia despois de cinco anos de goberno socialista en Madrid e case catro na Xunta (en coalición co BNG) cheos de incumprimentos. A icona deses incumprimentos é a ponte sobre o Miño. O PSOE será moi castigado nas autonómicas pola falta de respecto aos lucenses.
– E en Ourense, ¿volverá Baltar a tocar o trombón a noite electoral?
– Baltar vai celebrar a vitoria electoral. Cada un o pódeo facer como considere oportuno. Como todo o PP vai notar a calor da xente e como seguimos sendo o partido que máis se parece aos galegos. Agora si, os galegos cambiaron despois de 20 anos da primeira vitoria por maioría absoluta do PP e o partido tívose que acompasar ao propio cambio da sociedade galega.
– Pontevedra semella a grande esperanza branca
– É clave para o triunfo electoral. Ademais temos a confirmación de que hai un goberno municipal agora mesmo que foi zoscado nas urnas polo candidato do PP, ao que lle faltaron 600 votos para a maioría absoluta. Se hai unha cidade que dixo non ao seu actual alcalde foi Pontevedra. En Vigo pasa o mesmo. Só hai un cidadán que cre os anuncios que fai o seu rexedor. El mesmo.
– Nun contexto político no que resulta difícil falar de maioría absoluta, ¿sería ridículo pensar nun bipartito PP–BNG?
– Só hai dúas posibilidades: o reparto da Xunta, se volven gobernar socialistas con nacionalistas, ou que haxa un Executivo unido comprometido cos electores. O PP ten o obxectivo irrenunciable de gobernar por si mesmo.
_ O comentario de Fraga de "colgalos dalgún sitio" para ponderar o seu peso non vai nesa liña
– Se facemos un balance dos seus 16 anos de Goberno, cando tiña que selo, Fraga foi máis respectuoso cos nacionalistas ca eles con Fraga.
– No propio acto oiuse que igual non lle insistira o suficiente.
– Non é certo. Todos levamos a Fraga dentro porque o presidente fundador é o primeiro modernizador de Galicia. Ademais, o meu modelo non é o do BNG. Non imos apartar a Fraga como o fixo o BNG con Beiras.
– ¿Será Rajoy o segundo máis afectado se fracasa o 1-M?
– Ninguén pode gañar ou perder un partido que non xoga. O candidato son eu e o partido que concorre ás galegas, o PPdeG.
– ¿Unha derrota poñería en dúbida a súa continuidade?
– No seu momento fixen o que tiña que facer para que o próximo presidente fose elixido unha vez que o actual rinda contas da súa xestión. É algo que non me preocupa. O que me preocupa é ser presidente de Galicia.
– ¿Estaría disposto a aguantar outros catro anos na oposición?
– A miña meta non é estar 16 anos na oposición, como estivo o PSOE ou o BNG. Pero neste momento, o obxectivo é gañar as eleccións. O resto das cuestións non están na axenda. Temos unha oportunidade histórica cando hai tres anos e medio ninguén daba un peso por nós. Os pitonisos políticos falaban da división e da perda do PP. Erraron.
