Lunes 20.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Imaxe da illa de Toralla en Vigo, usada habitualmente como exemplo do feísmo que a Xunta quere combater FOTO: Fernando Blanco |
Galicia medrou sobre montañas e acantilados, nunha estrutura rural minifundista. E ese desenvolvemento a partir das leiras, cunha xeografía chea de agochos, condicionou as relacións entre as diversas vilas e cidades. Para poñerlle fin a esa desorde territorial, a Xunta crea un mecanismo regulador: as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), definidas polo Goberno autonómico como "o documento que o país necesitaba".
¿Que acaderemos con estas 197 determinacións, publicadas no DOG o pasado día 17 e en fase de información pública durante dous meses? Despedirémonos do illamento poboacional, e tamén do crecemento caótico e desenfreado. Segundo a conselleira de Política Territorial, María José Caride, "resólvense moitas eivas que temos en Galicia en ordenación do territorio, agora este territorio convértese en valor estratéxico de desenvolvemento". Partindo destas directrices impulsadas pola Consellería, teremos definidos "os modelos de asentamentos, a relación coas infraestruturas e a defensa do patrimonio e o litoral".
Falando en prata: pónselle cota ó feísmo, ás irregularidades urbanísticas e ambientais. E por fin tanto concellos como a Xunta contan cunha Biblia da ordenación territorial. Atención á aposta da Consellería de Caride: "Desenvolvementos compactos en torno ós núcleos que xa existen, e incremento dos seus tamaños en vez da xeración de novos asentamentos". Nada de grises cidades dormitorio. E benvida sexa a recuperación sostible dos núcleos urbanos.
Temos aquí a cimentación do Pacto polo Territorio reclamado polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño. Estas 197 directrices ou determinacións "ordenarán termos, optimizarán recursos e daranlle o mellor servizo público á cidadanía". E a partir delas, os propios concellos poderán desenvolver o planeamento municipal sen temor a irregularidades.
E, ¿que recomendacións poderán consultar os municipios nesta Carta Magna da construción? A partir das directrices, poderán fixar as necesidades de solo residencial para os vindeiros doce anos. Ou secundarán os mandamentos do crecemento sustentable: dende ter sempre en conta o parque de vivendas baleiras, ata apostar en todo momento pola rehabilitación. Unicamente así Galicia lles dirá adeus ós pesadelos dos rañaceos en primeira liña das praias, ou do cemento tapiando rúas históricas.
Cos brazos abertos para "unha débeda histórica co noso país"
Semellante documento non só se dirixe á Xunta de Galicia. Figurará como lectura de cabeceira nos concellos e deputacións provinciais. Dende a Federación Galega de Municipios e Provincias xa se indicou que as Directrices se reciben como "débeda histórica co noso país".
As 197 determinacións xa se lles remitiron ás administracións interesadas, aínda que poden ser consultadas por calquera persoa na Secretaría Xeral da Consellería, na Dirección Xeral de Urbanismo e nas delegacións provinciais. Ou aínda máis fácil: un acceso directo na web www.cptopt.xunta.es.
Establécense como instrumento de carácter global, e referencia omnipresente na nova política territorial galega. Por unha banda, temos unha memoria coas estratexias aue cómpre seguir e o modelo territorial desexado. E por outra, as 197 determinacións concretan cada aplicación para "unha Galicia máis cohesionada socialmente, equilibrada territorialmente, dinámica economicamente e sostible".
Atopámonos así na transición territorial. Poténcianse as áreas urbanas, dentro dun sistema policéntrico de cidades. Planifícanse as súas infraestruturas e servizos. Consolídase unha rede de vilas como base para atender todo un territorio. Sempre se aplican criterios supramunicipais para infraestruturas e equipamentos.
Os plans e proxectos sectoriais terán en conta o documento. Poranse en valor a paisaxe e o patrimonio con modernización das zonas rurais, e un litoral singular. E consolidarase a prometedora Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal .
Que vivan os núcleos tradicionais e litorais
En todo o mundo, Galicia é coñecida polas súas culturas, paisaxes e historias. ¿Para que cambiar esta maxia? As DOT de Política Territorial fortalecen os núcleos tradicionais e o litoral, recuperando os espazos degradados ou abandonados. Tamén recomendan a ansiada vertebración territorial, débeda galega, con mellora da accesibilidade e grandes eixes comunicativos.
O patrimonio como elemento referencial
A nosa identidade álzase sobre eses elementos diferenciais, sobre todo o patrimonio natural e cultural. As posibilidades do noso territorio aproveitaranse sobre todo para desenvolver enerxías renovables, impulsar deseños bioclimáticos ou recuperar a biodiversidade. Toda a nosa paisaxe se terá en conta á hora de decidir a localización das diversas actividades.
Na procura dun maior protagonismo
Galicia non pode seguir na cola do continente. Segundo a Xunta, "o modelo europeo tende a consolidar as rexións máis desenvolvidas, e as comunidades periféricas como a nosa só se integrarán con estratexias propias". Para acadar ese maior protagonismo, buscarase a cooperación con outras comunidades. Sobre todo cos veciños e comunidades de emigrantes .
Cidades harmónicas e nunca difusas
Para a nova organización das cidades galegas, sempre aproveitando a riqueza paisaxística, as directrices apostan por "harmonizar o seu desenvolvemento". Impera a complementariedade entre as fortalezas das vilas, mantendo perfís diferenciados. Poténcianse os servizos. Fréase a urbanización difusa, de impacto ambiental e gran gasto público.
