Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Lunes 20.04.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 1 de 1] Galicia| galicia@elcorreogallego.es  |  RSS - Galicia RSS

secretario xeral do PSdeG-PSOE

Pachi Vázquez: "Hai que consensuar unha reforma para conseguir un país competitivo"

13.12.2009  “O PSdeG aspira a disputarlle ao PP a maioría nas eleccións autonómicas e gobernar en solitario. Unha dereita sen complexos combátese cunha esquerda sen complexos”

5.0/5 [2 Voto/s]

3
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

LUIS POUSA• SANTIAGO

Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE, no seu despacho oficial no Parlamento de Galicia
Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE, no seu despacho oficial no Parlamento de Galicia

Des que Manuel Vázquez Fernández (O Carballiño, 1955; casado: tres fillos; licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago; ex conselleiro Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; deputado no Parlamento de Galicia) foi elixido secretario xeral do PSdeG-PSOE o 25 de abril deste ano, despois da dimisión de Emilio Pérez Touriño, dedicou gran parte do tempo transcorrido deica hoxe a reorganizar internamente o partido. Non obstante, o venres pasado, Vázquez aproveitou unha conferencia súa para dar a coñecer as liñas e estratexias do seu partido para a presente lexislatura e apostar polo consenso das forzas políticas galegas para facer fronte ao que el denomina a "crise crónica de Galicia" .

– Tras a perda da Xunta en que situación se encontra o PSdeG?

– Temos máis de cen alcaldes, gobernamos nas sete grandes cidades e nas deputacións da Coruña e Lugo, e, polos datos que eu teño, estamos en condicións de seguir gobernando nelas. E temos un gran peso no Goberno de España. Iso dános moito músculo para aproveitalo en ben do país. E, por primera vez, o PSdeG establece catro estruturas provinciais, con 200 homes e mulleres, a maioría deles menores de 35 anos, traballando a prol da organización e confluíndo na executiva galega, que é a estrutura vertebradora.

– Os congresos provinciais provocaron desunión interna?

– Non. Creamos catro columnas que sosteñen o proxecto de Galicia. Multiplicamos a nosa forza organizativa por catro, e iso fainos máis próximos á xente e máis útiles aos cidadáns. Temos mellores sensores para saber o que está a pasar e podemos dar unha resposta máis axustada en tempo real. E todo cunha vocación unívoca para Galicia.

– Que lle pareceu a autocrítica de Emilio Pérez Touriño?

– Emilio goza do cariño e do respecto total da organización. A autocrítica está na condición humana. Hai unha serie de cousas que dixo o outro día na súa conferencia que eu comparto completamente. En todo caso, é moi positivo que despois de facer cantidade de cousas moi positivas para este país, asuma que tamén cometemos erros. Non pasa nada, cambiaremos o que haxa que cambiar e intentaremos mellorar as nosas achegas ao país.

– As relacións de socios co BNG están a ser revisadas?

– Temos que explicarllas con claridade á sociedade galega que son dous proxectos completamente distintos, e que nos une a vontade de sacar adiante este país. A vocación do PSdeG é acadar o 40 por cento dos votos; somos un partido con vocación de disputarlle a maioría ó PP, de ser maioritario. Nós aspiramos a gobernar en solitario. Quizá un dos erros no Goberno bipartito foi que balizamos pouco as raias que non se podían pasar: cando tes un compromiso de goberno socialista, hai que facer política socialista. A unha dereita sen complexos só se combate cunha esquerda sen complexos, que lles dea unha alternativa a 800.000 ou 900.000 homes e mulleres de Galicia que nos están dicindo que queren que gobernemos nós. E imos traballar para que todo isto sexa así.

– Cales son as liñas de forza do PSdeG, agora na oposición?

– Feijóo, nada máis aterrar, convértese no principal inimigo das políticas sociais de Galicia, e iso rearmou inmediatamente toda a organización socialista. Máis alá de laiarse, todos querían saír xa en manifestación. A educación é a alma do socialismo, e ir ós libros de texto gratuítos é ir ó corazón do noso programa. A dereita anula un dos principais sinais de identidade deste país: a lingua. E iso tamén rearma a todos os progresistas deste país, e hai un gran mobilización social. A lúa de miel de Feijóo durou moi pouco. Todo iso lévanos a estar moi activos.

– Esa tensión abrangue a sanidade pública?

– Estamos asistindo a un intento de privatización da sanidade. Estanse anulando hospitais. Obviamente, eles nunca falan de privatizar a sanidade, pero xeran un escenario que a acaba privatizando. Cando recortas médicos, enfermeiras, o persoal sanitario, e recortas as próteses, etc., e iso non é opinable, vén nos presupostos, estás recortando a calidade. Cando pechas os quirófanos polas tardes, aínda que as peonadas non sexan o mellor modelo nin o compartamos, a alguén estás deixando de operar, e estás engrosando as listas de espera, cirúrxicas fundamentalmente. E con iso estás dividindo a sociedade en dúas partes: a que ten recursos, que vai a un privado; e a que non ten recursos, que aguanta. E se a presión social sobe moito, o que fan é: mire, para que usted no espere más, vaya al centro Pepe. ¿Le parece a usted bien? Me parece magnífico. Que lle van responder. Van semeando para que a sociedade camiñe cara á privatización da sanidade. Os dereitos básicos dunha sociedade en educación, sanidade, dependencia e pensións non poden estar en sistemas privados. E non imos ceder nin un milímetro.

– Na conferencia que deu vostede o venres pasado, propuxo un gran pacto en cuestións como o territorio e a situación demográfica. Baixo que condicións formula ese gran pacto?

– Iso nace dunha reflexión como socialista e como galego. Temos unha crise crónica nos catro grandes piares que sustentan o noso modelo social e económico. Temos un problema de estrutura territorial, con 20 millóns de parcelas que fan inxestionable o noso agro. Temos 315 concellos, a maioría con menos de 1.500 habitantes; e o concello en vez de ser unha solución é un problema para os veciños. Temos a bancarrota demográfica máis importante de Europa, só unha zona de Grecia nos supera; na Galicia interior a taxa de fecundidade é do 0,9, cando a taxa de reposición debe estar no 2,1. E temos un problema de dispersión poboacional, e a xente vai escapando do interior cara ás zonas industrializadas da Galicia costeira. Un dato: en 1.200 aldeas xa no hai ninguén e en 1.700 só quedan un ou dous veciños. Pasaron xa vinte, trinta anos e aíndda non abordamos estes
problemas.

– Eses problemas pode abordalos un partido só aínda cando teña maioría absoluta folgada?

– A experiencia demóstranos que non. Os socialistas temos a vontade de facelo, pero con iso non abonda. E o PP non ten nin a capacidade nin a vontade de facelo. Por iso hai que abrir un novo marco e aproveitar a crise eonómica actual para, cun modelo anticíclico, investir en facer fronte á nosa crise estrutural. A clave é acadar un país competitivo. Hai que ser capaces de resolver catro problemas que se non os resolvemos nos lastrarán toda a vida. Queremos ir a un novo modelo económico, e pasar dunha sociedade industrial a un sociedade sostible. En consonancia co que se está a debater no cumio de clima de Copenhaguen: facer crecemento sostible con ordenación do territorio, respecto medioambiental e responsabilidade social.

– E así pódese gañar en produtividade e ser máis competitivo?

– Para ser competitivos non podemos pechar os ollos ao noso déficit estrutural. Queremos ser competitivos co sector lácteo, pero é moi difícil competir con explotacións gandeiras cando temos 20 millóns de parcelas, ademais doutros problemas polos que temos que dar a batalla en Europa. A miña experiencia vital é que primeiro teño que arranxar o que depende de min, e despois esixírselles ós outros o que depende deles. Ese é o elemento diferencial que formulo. Os galegos temos que abordar sen pudor e sen complexos que hai problemas que hai que abordalos mediante acordos políticos. Eu creo moitísimo no futuro de
Galicia.

– É unha crenza teolóxica?

– Non. Cada vez que recorro este país, e vexo a riqueza que a natureza nos ofrece, penso como é posible que esteamos tan mal. Comparto a opinión de Miguel Anxo Murado de que nós dependemos máis de nós mesmos do que nós pensamos. Como político estou obrigado a tratar de que o PSdeG aborde esa realidade.

– Como aborda a realidade das caixas galegas o PSdeG?

– A fusión non é boa nin mala. O coitelo vale para matar e vale para cortar o pan. Fusión é unha palabra que soa ben, pero a fusión das caixas ten que ir enmarcada por dúas palabras: unha, indiscutible, galeguidade; e outra, que é moi dura, solvencia. Non queremos unha caixa galega insolvente. O político ten que acertar e darlle a este país caixas ou caixa, pero solventes e galegas. Un exemplo, se metes na cama dous enfermos non tes un san, tes dous enfermos nunha cama. Non digo que Caixanova e Caixa Galicia estean enfermas. Non é tanto cuestión de que España estea nun proceso de fusión de caixas, como de facelo ben. A palabra máxica é acordo, algo que aínda non descubriron Feijóo e a dereita, dispostos a facer a fusión a marteladas. Isto é como se intentamos fusionar o Deportivo e o Celta. Non é facil, e eu non me estraño de que o alcalde de Coruña defenda Coruña e o alcalde de Vigo, Vigo. Pero hai que conseguir que defendan o seu desde posturas converxentes, pois é a maneira de poder acadar o acordo.

– Vostede está a favor dunha nova Lei de Caixas en Galicia?

– Si, pero dunha lei de caixas que xere consensos e non que xere tensións. Isto non é un problema entre Coruña e Vigo, existe vida intelixente en Lugo e Ourense, e queren xogar esta partida en Galicia.

– É posible recuperar o consenso na lingua galega?

– Non é discutible que a nosa lingua é un trazo básico da identidade do país. Temos dúas linguas oficiais, o galego e o castelán, pero a lingua propia é o galego. O PP ‘columpiouse’, usou a nosa lingua na batalla electoral; abriu un melón moi duro que non é capaz de pechar, e non sabe como saír disto. E é bo o que lle está a pasar, para que ninguén máis volva nunca máis a xogar cun elemento da nosa identidade. Estamos dispostos a chegar a un acordo, pero coa Constitución na man, o Estatuo na man e a Lei de normalización lingüística na man. O noso decreto cumpría eses tres requisitos.

– É prioritario defender a lingua galega?

– Calquera galego, aínda os que só falan castelán, ten que defender a lingua galega. Estou seguro de que ben formulado a defende todo o mundo. Unha das grandes manifestacións da democracia galega foi a do outro día en defensa da lingua. Ollo, este non é un problema do PSdeG, do Bloque nin da Mesa, é un problema de país. E se o Goberno do PP non o entende así, vai mal. Nós, desde logo, imos estar na defensa da lingua galega.

– A reforma do Estatuto de Autonomía non debe esperar máis?

– Hai unha cousa máis grave ca que un Tribunal Constitucional tombe un Estatuto, e é que o presidente da comunidade autónoma non queira o Estatuto. É incrible, Feijóo bloquea a reforma do Estatuto cando goberna Touriño, e non pola cuestión de "nación", que non era problema, senón porque quere el e Genova dálle claves para bloquealo. Agora que el é presidente, o PSdeG ofrécelle a posibilidade de sacar adiante un Estatuto de país, que cumpra coa Constitucion. Unha ferramenta para os galegos e as galegas de novos dereitos individuais e colectivos como xa teñen outros cidadáns; dun novo sistema de financiamento. E, oh sorpresa, Feijóo e o PP non o queren. Estou convencido de que Feijóo non cre no Estatuto nin no modelo autonómico. Está de paso, porque cre que vai camiño doutros derroteiros.

– Sobran concellos en Galicia?

– É un debate que hai que facer. Primeiro, sobran concellos. Segundo, como se fai para reducir concellos? Para min só hai un camiño, acordos mediante incentivos, pois só conseguiremos que os concellos se unan cando os cidadáns vexan que saen ganando. E cando mancomunes urbanismo, auga, lixo, limpeza diaria, xa ninguén saberá se está nun concello ou noutro, porque comparten elementos comúns. E a iso pódese chegar con calma, pero con firmeza. Non podemos pasar de non tocarlles aos concellos en cen anos a querer cambialos nun mes. Iso non se pode facer, porque haberá unha resistencia lóxica de cada alcalde, cada corporación e cada
cidadán.

– Que política demográfica necesita Galicia?

– Como cidadán da Galicia interior e cómo médico, esa é unha das preguntas que veño facéndome nos vinte anos que levo en política. Repasei todas as políticas demográficas aplicadas noutros países, e para min só hai unha saída: pór en marcha un plan específico para fixar poboación en idade fértil na Galicia interior. O problema é que ninguén atopa traballo, e particularmente as mulleres. Ninguén quere ir lonxe da súa casa se ten con que vivir: a xente marcha da súa vila e da súa aldea porque non ten traballo.Polo tanto, se queremos fixar poboación e que nazan nenos, hai que garantir emprego e poder vivir cunha certa dignidade. Hai que xogar cunha política especial de emprego feminino nas zonas máis despoboadas da Galicia interior e pór en marcha un modelo de conciliación da vida familiar e laboral. Agora existe o costume de que ningunha muller paira ata os trinta anos, cando antes era entre os 20 e os 23 anos.

– Que modelo de urbanismo propón o PSdeG?

– En urbanismo temos que loitar contra a dispersión, sendo moi restritivos cos modelos urbanísticos que signifiquen novos núcleos de poboación. Fomentar o crecemento en rede compacta e un urbanismo sostible e respectuoso co ambiente, concas, ríos, lagos, costa, etc. Non digo que non se poidan facer cousas, digo que hai que pactar un plan do litoral e un plan de ordenación do territorio. Dúas grandes eivas deste país son a lei de augas e a lei de ordenación do territorio, e habería que pactalas.

– Como explica o acordo do
PSdeG co PP para manter o plus aos altos cargos?

– Somos coherentes. Non podes dicir hoxe unha cousa e mañá, outra. O que hipoteca a política galega non son os soldos dos altos cargos; é máis, é moi difícil encontrar bos profesionais que acudan ó desempeño de cargos políticos, sobre todo cando coa nova lei hai riscos de que perda o seu posto de traballo. Aínda que soe a demagóxico, dáme medo cando oio que un alcalde se compromete a non cobrar. A cuestión non é que un alto cargo cobre un pouco máis, é que sexa eficiente, e traballe e desenvolva ben as políticas do país. Estamos a falar do cero, coma, cero, cero dos presupostos da Xunta,

– Galicia terá AVE no 2015?

– Que Pepe Blanco estea de ministro de Fomento dá unha gran tranquilidade. Con todo o respecto polos anteriores ministros de Fomento, creo que a morea de investimentos para Galicia el xa a asegurou.

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS