El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Os pediatras non estarán máis lonxe de 15 minutos de media durante o verán

O titular de Sanidade defendeu a agrupación de profesionais en centros de referencia

C.B.   | 12.07.2018 
A- A+

Santiago. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, defendeu onte no Parlamento o novo modelo de atención pediátrica para o período vacacional, que consiste na agrupación nun centro de saúde dos pediatras dispoñibles, para dar cobertura aos pacientes de concellos limítrofes.

O modelo, asegurou, ten como obxectivo "garantir, de forma permanente e estable, a atención pediátrica nos centros de referencia que cubrirán zonas xeográficas máis amplas". O titular de Sanidade asegurou que a cobertura será con mínimos desprazamentos (unha media de 15 minutos)", que suliñou a continuación que a maioría destes centros contarán cun "mínimo de dous pediatras de luns a venres".

Segundo o responsable do Sergas, os pediatras "itinerantes" incorporaranse a "equipos estables" e os pacientes recibirán atención dun "equipo especializado", composto por profesionais da pediatría e enfermería con dedicación exclusiva, e lembrou que, no caso de dificultades para o desprazamento, poderán optar "por ser atendidos no seu centro de saúde polo seu médico de familia". Asegurou, así mesmo, que esta reorganización foi consensuada coas sociedades científicas de pediatría en Galicia.

Pola súa parte, Julio Torrado, portavoz de sanidade do grupo socialista, acusou á Xunta de "consolidar e solidificar" o problema de falta de pediatras en Galicia e impoñer "a política do éche o que hai" e que a medida "satura" os centros elixidos, "que teñen que atender entre 40 e 50 nenos cada día por pediatra".

O socialista pediu "incrementar as prazas MIR" nesta especialidade e "mellorar as condicións laborais" para eles.

Vázquez Almuíña recordou que o seu departamento, para dispoñer de máis pediatras, "ampliou a posibilidade de xubilación ata os 68 anos" e está promovendo a captación de profesionais fóra de Galicia. Tamén, dende a Xunta, solicitóuselle ao Ministerio de Sanidad que permita aumentar o número de profesionais que se poden formar, "posto que en Galicia fórmanse cada ano o máximo número de especialistas posibles coas 20 prazas acreditadas existentes e aínda así non hai especialistas dispoñibles nas listas de contratación.

Jesús Vázquez Almuíña

conselleiro de sanidade

"Os pediatras itinerantes incorporaranse a equipos estables"