El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

tribuna libre

Plataformas e xestión universitaria

MIGUEL ANXO BASTOS COORDINADOR DE CONVERXENCIA UNIVERSITARIA   | 01.12.2009 
A- A+

A próxima elección de reitor reabriu de novo o debate sobre o papel que as plataformas que organizan a boa parte do profesorado da nosa universidade deben xogar neste proceso e sobre a relevancia futura que estas deberían ter no seu futuro inmediato. As plataformas da USC naceron coa elección claustral do reitor coa intención de coordinar as distintas sensibilidades dentro do profesorado, para conformar equipos de goberno, propor candidatos a reitor e contribuír á elaboración de documentos relevantes para o discorrer universitario como estatutos, regulamentos ou documentos marco.

Nos últimos 25 anos, as plataformas da USC contribuíron eficazmente á estabilidade e á boa gobernación da universidade, de forma que todos os reitores remataron normalmente os períodos de mandato para os que foron escollidos sen darse nunca o caso dun reitor carente dos apoios necesarios para gobernar.

Neste período tamén a USC afrontou a adaptación dos seus estatutos e regulamentos aos diferentes marcos normativos establecidos polos poderes públicos (LRU, LOU e agora Boloña) coas dificultades que estes procesos supuxeron, pero sen que en ningún caso alteraran o normal funcionamento da universidade. As plataformas, grazas ó labor calado e na maioría das ocasións non recoñecido dos seus membros, moitas veces cedendo a principios importantes para nós en prol de garantir un mínimo consenso, serviron para transmitirlles ás instancias de goberno as demandas e preocupacións que os membros da comunidade universitaria, e moi especialmente o profesorado, lles deron a coñecer, desenvolvendo un útil labor de intermediación e artellamento dos lexítimos intereses do profesorado.

O mesmo que por outra parte fan os colectivos de PAS e de estudantes nos seus respectivos sectores. Pero a diferenza destes colectivos, aos que por certo ninguén parece cuestionar, o labor das plataformas de profesores foi moitas veces criticado e incluso se reclamou a súa superación, sen especificar como van ser substituídas e quen vai desen- volver a tarefa que estas realizan, que non por calada é menos relevante.

Alguen terá, por exemplo, que participar nas comisións do claustro elaborando emendas aos estatutos ou discutindo os documentos marco e garantindo logo que sexan aprobadas, algo que as plataformas garanten ao representar a colectivos numerosos, algo que un claustral individual non podería garantir.

A elección de reitor por elección directa reforzou estas críticas, dado que en efecto as plataformas son menos necesarias neste sistema ao poder o candidato presentarlle directamente o programa aos electores e, por tanto, aparecer aquelas como redundantes. Pero os que estudamos os procesos políticos sabemos que o goberno da universidade non se limita á elección de reitor. Inclúe tamén conformar un equipo de goberno con vicerreitores e asesores, que en ausencia de plataformas sería nomeada a pura discreción do reitor, a elaboración de orzamentos e a redacción e corrección de documentos que precisan ambos de ser aprobados no claustro, algo que as plataformas garanten e que un reitor elixido por sufraxio universal non ten por que garantir, dado que en principio non ten por que contar co apoio claustral.

O reitor electo tería pois que conformar ao redor súa unha plataforma de apoio que se encargara destas funcións, polo que pronto se volvería de novo a un sistema de plataformas, neste caso ao redor dunha persoa e non dunha simpatía política como agora.

As plataformas actuais representan con máis ou menos fidelidade as sensibilidades que se dan no corpo de profesores e en xeral na sociedade e que se saiba non se lle prohibe a ningún colectivo descontento coas existentes formar a súa, pero o que non cremos xusto e que se cuestione a nosa tarefa sen explicar o que se nos quere dar a cambio, isto é plataformas conformadas sobre novas bases (cales?) ou o criterio persoal do novo reitor, ambas as posturas lexítimas pero merecedoras de ser explicadas con detemento.

Tras ducias de horas en comisións estudando e negociando o articulado dos novos estatutos, sen outra compensación que o cuestionamento do noso traballo, cremos que merecemos polo menos a explicación de como e por quen debemos ser substituídos, para poder traspasarlles os nosos supostos privilexios se queren facerse cargo deles.