El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

O profesor Manuel Bermejo, I Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC

Catedrático de Química Inorgánica, o xurado destacou del o seu compromiso coa nosa lingua “dende o inicio da súa carreira docente nos anos sesenta"

Manuel Bermejo - FOTO: USC
Manuel Bermejo - FOTO: USC

SANTIAGO. USC  | 26.07.2017 
A- A+

O xurado do I Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago concedeu por unanimidade esta primeira edición do premio ao profesor emérito Manuel Bermejo Patiño, catedrático de Química Inorgánica da USC .

O xurado destacou o compromiso do premiado coa lingua galega “dende o inicio da súa carreira docente nos anos sesenta, a súa defensa desta lingua en todos os foros, os seus esforzos para incorporala de xeito normal na docencia e na divulgación da ciencia, as súas publicacións neste eido e as moitas que promoveu durante a súa etapa como director do Instituto de Ciencias da Educación”. O xurado tamén puxo en valor o “esforzo levado a cabo para estender o uso do galego dende os postos de alta responsabilidade que ocupou na propia USC e na CIUG” así como a “pegada que o seu compromiso deixou en miles de alumnos e alumnas, algúns deles hoxe en día profesores e profesoras no ensino medio e na propia universidade”.

A entrega do premio, que lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membros das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, celebrarase nun acto público que se desenvolverá no Paraninfo da Universidade o día 15 de setembro de 2017, coincidindo co aniversario da primeira lección en galego de que se ten constancia e que fóra pronunciada nese mesmo lugar o 16 de setembro de 1915 polo profesor Porteiro.

O premio

O I Premio ‘Luis Porteiro Garea’ busca distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasados da USC que contribúan á normalización da lingua galega na propia Universidade. Así, destacarase aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da institución universitaria, especialmente se uso se producir de xeito pioneiro; a achega por parte da persoa ou colectivo premiado á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC; o estudo e a difusión da lingua galega; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.