El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

"A CORDA ESTÁ demasiado TENSA"

Os profesores dos centros concertados, a piques de estalar

Os sindicatos presentan máis de 4.500 sinaturas de traballadores contra os recortes salariais // "Traballamos moito e gañamos pouco" // Denuncian que cada vez están "máis lonxe" da homologación e da equiparación cos seus compañeiros do ensino público

Representantes sindicais na roda de prensa no edificio Cersia, en Santiago - FOTO: ECG
Representantes sindicais na roda de prensa no edificio Cersia, en Santiago - FOTO: ECG

SANTIAGO. EP  | 14.03.2013 
A- A+

Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT), Federación de Sindicatos Independentes de Ensino (FSIE) e Unión Sindical Obreira (USO) presentaron este xoves na Xunta máis de 4.500 sinaturas de traballadores do ensino concertado para mostrar o seu "descontento""coa política do Partido Popular" respecto aos recortes salariais.

Así o comunicaron este xoves nunha rolda de prensa os representantes de CC.OO., Purificación Bernárdez; de UGT, Gerardo Morano; FSIE, Armindo Francisco, e USO, Pedro Nozal.

En concreto, Nozal explicou que a súa principal queixa é a redución salarial que sufriron dende o ano 2010, "sen cumprir os acordos que en principio se pactaran". "En dous anos as percepcións salariais dos traballadores da concertada reducíronse nun 12 por cento", matizou.

Ademais, o representante de USO destacou "a responsabilidade" do profesorado que, "ante estes atropelos", non "saíu á rúa, non deixou de dar clase, non fixo folgas nin houbo manifestacións".

Non obstante, asegurou que estas sinaturas "son unha primeira manifestación da decepción" do colectivo. "A corda está demasiado tensa, todo ten un límite", puntualizou Nozal.

"POUCA FE"

Con todo, o representante de UGT matizou que en realidade teñen "moi pouca fe" de que a Consellería "responda" e sinalou que ata agora a administración educativa "está a demostrar unha falta de talante moi grande". Así, en caso de non recibir resposta, Morano manifestou que falarán cos seus compañeiros para "tratar de seguir avanzando na reivindicación" por outras vías.

"Todos os traballadores están a sufragar a mala xestión da Xunta", puntualizou Morano. Ademais, afirmou que se "negan" a que non se lles vexa e que, "aínda por enriba" siga existindo esa percepción na sociedade de que "no ensino secundario se vive moi ben". "Os traballadores da concertada traballamos moito e gañamos pouco", engadiu.

HOMOLOGACIÓN

Así mesmo, os sindicatos denuncian que, ademais dos devanditos recortes salariais, cada vez están "máis lonxe da homologación e da equiparación" cos compañeiros do ensino público, sinala en representante de UGT. "En vez que ir cara a adiante, imos cara a atrás", apostilou.

Ao respecto, a representante de CC.OO. apuntou que esta situación "nunca se pode converter nunha confrontación entre ensino público e ensino concertado", xa que "os compañeiros da pública están a sufrir tamén nos seus salarios", e na "deterioración das súas condicións de traballo".