Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Xosé Luís Regueira, Ríos Panisse e Xosé Antón Dobao, onte |
Ao final non foron 55 cidades senón a cifra expansiva de 69 as que acolleron simultaneamente o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, primeira publicación da plataforma Prolingüa. Trátase "non dun día histórico, que o é, senón dun día único na historia da nosa cultura", subliñou onte o soicolingüista Xosé Luís Regueira na presentación en Compostela, onde estivo acompañado polo escritor e cineasta Antón Dobao e a filóloga María do Carme Ríos Panisse. A Librería Couceiro, ateigada polo numeroso público, acolleu un acto ao que non faltaron líderes do nacionalismo como Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Carlos Aimerich ou Lidia Senra, pero que, sobre todo, serviu de confluencia cidadá na construción da "multitude real" do país, en palabras de Dobao.
Eran as oito e media da tarde, a xente seguía aínda chegando e Panisse, con só cinco minutos de deferencia, colleu o micrófono para presentar os seus compañeiros. Anunciou que 55 mentiras sobre a lingua galega xa se presentara en Nablús, Belén, Tubinga, Burxelas, Londres. Copenhague ou París, seguindo os usos horarios do planeta e que "dentro de pouco será a quenda de Madison, en Wisconsin, de Nova York ou de Bos Aires". Pero nestes momentos, engadiu, "Galicia enteira celebra actos semellantes a este" nun ronsel de nomes que cubrían o mapa do país a través das súas cidades e vilas principais. Algúns deses actos, como o celebrado na Universidade de Vigo, podía seguirse tamén a través da web.
"Estamos nun acto de afirmación e de orgullo", subliñou Regueira, "por ter unha lingua. Non queremos que a nosa sexa unha lingua de segunda e nós uns cidadáns de segunda. Porque non se descrimina as linguas senón os seus falantes e cando se di que unha lingua non serve para algo, o que se está dicindo é que os seus falantes non son aptos".
Para o sociólogo, o máis terrible da situación de presión que se vive no país para converter os galegofalantes en "cidadáns en español" é que a estretexia é eficaz entre "milleiros de galegos que lles negan aos seus fillos a herencia da lingua porque lles parece que en castelán é como mellor poden andar polo mundo". Trátase, indicou, "de borrar unha cultura, un auténtico etnocidio, que é o parente do xenocidio".
Por iso, o obxectivo de 55 mentiras sobre a lingua galega é dar argumentos á xente para que se defenda desas mentiras, das "miles" de falacias que se contan sobre o galego. De entre esas falacias, unha significativa:que o galego nunca foi prohibido. Esa "mentira" desmóntase no libro coa achega de información sobre decretos e normas ''que prohibiron todo aquilo que non fose castelán''.
Antón Dobao incidiu na manipulación que se fixera por parte da Administración do término "inmersión" para tratar de converter este método de ensino nun sinónimo de "imposición". Porque "se houbo algún proceso de imposición en Galicia ese foi o do castelán e para comprobalo, abasta poñer un pé na rúa".
Ao ver de escritor, da "situación tebrosa" que lle impuxo ao galego o goberno actual tamén saíron cousas boas, como a visualización da forza cidadá, moito máis combativa do que, en principio, podería parecer. Como exemplo puxo a masiva asistencia ao acto de Prolingüa -"unha plataforma sen directiva, onde cada integrante é un órgano decisorio"- que garantiza o futuro do galego pola concorrencia de forzas e de cidadáns seguros e dispostos a reclamar os seus dereitos.
Iso si, Antón Dobao lamentouse de que "non souberamos reaccionar ante o discurso negacionista, que gañaba terreo desde o mesmo momento no que se aprobaba o Decreto en vigor, talvez porque nos parecía imposible que un discurso así pui- dese callar".
O Albariño e as súas etiquetas
Unha anécdota que non se atopa no libro é a dunha situación vivida nun programa de radio en Vigo. Henrique Costas conta que a presentadora entrevista a un empresario de Lugo cun restaurante en Barcelona. No trancurso da conversa, a xornalista sorpréndese do éxito que ten alí o viño albariño "y eso que la etiqueta está en gallego", engade. A resposta do lugués non ten desprezo: "Pero lo que se bebe no es la etiqueta". Isto non vén máis que a demostrar "os prexuízos contra o noso idioma", quéixase o profesor.
