Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
A máxima valoración da Consellería de Educación soa en Vigo a un bo sinal sobre as posibilidades de conseguir -ao segundo intento- recoñecemento de excelencia internacional que por agora acadou en Galicia o Campus Vida compostelán. "Para nós é unha moi boa noticia, xa que nos reafirma na liña de traballo que levamos con esta proposta, que en 2010 queremos presentar á segunda convocatoria de CEI", sinala o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago.
Unha das pezas do proxecto que se está a perfilar Uvigo é un novo centro compartido co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que ten en Vigo o seu Instituto de Investigaciones Marinas (IIM) no barrio de Bouzas.
O obxectivo final é converter a cidade nunha referencia no eido español na investigación mariña, nunha cidade que xa produce o 44 por cento das ciencias do mar de toda Galicia.
Representar todo o sistema
A Uvigo conta para iso, entre outras pezas, coa Facultade de Ciencias do Mar e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. A cidade olívica é ademais a sede da frota de buques oceanográficos de España.
Estas e outras pezas compoñen un quebracabezas que o novo centro pretende articular para sacarlle o seu máximo proveito. "Debe ser un proxecto de toda a universidade, de todo o territorio e de todos os axentes", asegura Alberto Gago, que avoga por que represente a todo o Sistema Universitario Galego, incluído as OPIs, centros e plataformas tecnolóxicas, organizacións, empresas e tamén institucións.
Dúas comisións de traballo
O proxecto conta cun comisionado, Emilio Fernández, xunto ao que traballan dúas comisións: unha executiva, na que participan membros do equipo de goberno da universidade, e outra técnica. Ambas as dúas encárganse de definir o seu perfil para concorrer á nova convocatoria de excelencia estatal.
