Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Roberto García Blanco, secretario xeral de Unións Agrarias, no Hostal dos Reis Católicos |
Roberto García González (Rodeiro, 1958; casado; un fillo) entrou a traballar en Unións Agrarias como administrativo, en xornada a tempo parcial, en 1985. O arquivo que lle entregaron era unha "caixiña verde coas fichas de 63 agricultores afiliados ao sindicato, a maioría deles afiliados ao PSOE que tiñan explotacións agrarias". En 1987, UU AA celebra o seu segundo congreso, e García é elixido secretario xeral, cargo no que continúa. Hoxe Unións Agrarias ten máis de 14.000 afiliados que están ao día do pago das cotas
_¿A crise económica obrigará a UE a manter a cota láctea?
_Como posición de partida debemos dar a batalla ata o último momento por un sistema de control da produción. Pero en Unións Agrarias estamos traballando con que as cotas de- saparecerán no 2015, e tentamos aproveitar o tempo que nos queda para estar o mellor preparados posible para competir.
_¿Que hai que facer para que as explotacións leiteiras galegas sexan competitivas no 2015?
_Temos que reducir os custos de produción. E iso require políticas de mobilidade da terra, base territorial suficiente e un modelo industrial con volume, marca e capacidade para chegar aos mercados que se abran a partir do 2015. Temos condicións para sermos competitivos no leite en calidade e prezo. En España, produtores, industriais e consumidores estamos condenados a buscarmos un punto de encontro que, se non é con cotas, nos permita, ao ser un país que produce moito menos do que consome, ter cuberto ese diferencial antes de abrirnos a terceiros.
_¿Desaparecerá a PAC?
_O leite é un sector estratéxico, e non se entende que non teñamos mecanismos europeos de control dos excedentes e dos déficits. Ademais, o papel dos agricultores e dos gandeiros vai máis alá de abastecer de alimentos de calidade a poboación. O 85 por cento do territorio galego é rural e nel traballan 100.000 persoas, que son fundamentais para ordenalo. Os agricultores e gandeiros xogamos un papel vital na fixación de poboación no rural e no mantemento do ambiente. Non necesitamos tanto subvencións, como que nos paguen o traballo que facemos.
_¿En que afecta a crise económica ao sector agrario?
_No 2008 incrementáronse os custos de produción, ao subiren os prezos dos fertilizantes e os dos cereais para alimentación animal; e baixaron os prezos pagados aos agricultores e gandeiros, pero non os prezos ao consumidor. No sector agrario non funciona o mercado; non hai transparencia na formación dos prezos; e os intermediarios e a distribución son os beneficiarios.
_¿O sector perde renda?
_ Perdemos renda e activos de forma significada. Nesta crise, os Gobernos están a arbitrar medidas de cobertura de desemprego, formativas e con prioridades de recolocación para os traballadores que van á rúa. E parécenos ben. Pero botámolo de menos no sector agrario. Todos os anos 3.000 familias pechan as súas explotacións por falta de viabilidade económica, sen recibiren prestación social ningunha nin o seguro de desemprego.
_¿O papel das multinacionais lácteas é prexudicial para as explotacións gandeiras galegas?
_A inmensa maioría do leite chega ao consumidor a través da gran distribución. Ésta está controlada por capital foráneo, sobre todo francés. E Francia ten un excedente de 9 millóns de toneladas de leite, e ao lado está España, que consome 9,5 millóns de toneladas máis do que produce. Todo iso leva a que entre masivamente leite de Francia.
_¿Iso pode prohibirse?
_Non. Pero nós só pretendemos que o leite que veña de Francia entre ao mesmo prezo ao que se vende alí, e non a 0,16 euros, porque os excedentes están subvencionados. Podo entender a actitude dos franceses, pero non que as autoridades españolas permitan que nos fagan dumping, e que haxa empresas españolas que se prestan a ese xogo. Porque traer leite de Francia a 16 céntimos e deixar de recollelo en Galicia, obriga moitas explotacións a pechar. No momento en que aquí non haxa materia prima para abastecer a industria, as distribuidoras francesas porán as súas marcas directamente en España.
_¿Aquí os prezos páctanse?
_Non. Recoñezo que nos tres últimos anos este Goberno fixo un esforzo de aposta inequívoca polos contratos homologados no sector do leite. Tanto en Madrid coma aquí, en maio do 2008 aceptouse o modelo de contrato por parte da industria e da inmensa maioría dos produtores, menos por un sindicato cuxa representatividade se puxo de relevo na manifestación onde xuntou 150 persoas. Os contratos foron incumpridos unilateralmente pola industria, e non hai un só rexistrado na comisión de seguimento. Iso saíulle gratis á industria, porque a Administración non estableceu ningún tipo de sanción polo incumprimento.
_¿Que pasa coas explotacións de carne?
_Hai unha caída de prezos xeneralizada nas distintas razas de becerros, ata chegar a exemplos esperpénticos como que na lonxa de Silleda hai subhastas de becerros que quedan sen prezo, ou con prezos simbólicos de 2 ou 3 euros. Como dicía un compañeiro de UU AA, hoxe é máis barato regalarlle un becerro a un amigo ca invitalo a comer. A carne de fóra non ten os mesmos custos de produción cá de aquí, porque nós temos uns controis de seguridade e investimos tales cantidades de cartos neles que nos supoñen un custo que noutros países non teñen. Entre o becerro que sae da explotación e o que chega ao consumidor, a maior parte do prezo queda nos intermediarios. É curioso que aínda que se reduciron á terceira parte as explotacións de carne, o número de tratantes siga sendo o mesmo que había hai dez anos, 3.000 en Galicia.
_¿Logo a calidade non é a mellor defensa da carne galega?
_A calidade da carne galega é moi boa, pero fallamos na comercialización. O plus que paga o consumidor pola carne queda máis na intermediación ca na orixe. A proba é que se marcan máis animais como Ternera Gallega dos que logo se sacrifican, pois para moitos gandeiros non lles paga a pena certificar como Terneira Gallega pois apenas hai diferenza no que lle pagan.
_¿Que pode supoñer para o campo galego a produción de biomasa e de cultivos dedicados aos biocombustibles?
_As enerxías alternativas son unha realidade, pero o gran debate de fondo está en que para todas elas (a biomasa, os biocombustibles, a solar e a eólica) o imprescindible é a base territorial dos agricultores e dos gandeiros. A única que se está a esquecer, cando resulta que é un complemento de renda dos agricultores e gandeiros para darlles viabilidade ás explotacións.
_¿UUAA que propón?
_Eu non quero para nada que se interprete que este concurso eólico foi igual có anterior. Houbo un concurso e, polo tanto, houbo unha serie de baremacións para determinar as empresas. Os agricultores e gandeiros somos donos non de toxeiras, senón de soares eólicos, que teñen un valor porque por eles pasa o vento a unha velocidade e durante un número de horas ao ano.
_¿O anterior Goberno aplicou ese criterio...
_A Administración anterior expropiábaos por un valor de uso agrario; polo valor da toxeira. Cando se fai o novo decreto eólico, a Xunta acórdase de regular a súa participación do 14 por cento, pero non regula o sistema de expropiación nin o papel do vento e nin sequera utiliza o modelo lóxico, que era incorporar os propietarios dos terreos aos grupos concesionarios. De aí que haxa un gran descontento, e moitos propietarios de terreos eólicos imos terminar levando a Xunta e as concesionarias aos tribunais, se antes non chegamos a un punto de encontro para que ese terreo se valore polo negocio que produce e non polos toxos que ten. E o mesmo está a pasar cos soares.
_¿Hai que ordenar o territorio?
_Hai que regular cales son as zonas aptas para a enerxía eólica, para aproveitamento gandeiro e distintos tipos de cultivos, etc. Non podemos estar na tensión permanente de que calquera urbanita que chegue ao rural nos someta a unha denuncia porque non lle gustan os olores do xurro ou porque cuestiona a legalidade das instalacións. Temos que evitar que a superficie agraria útil sexa destinada a usos distintos ao agrario, porque esa superficie nos é imprescindible para competir a curto prazo.
_¿E aceptable que a maior parte do presupostos forestal a leve a extinción dos incendios?
_A industria que montou o Goberno Fraga para apagar lumes era eficiente como servizo de bombeiros, pero era insostible destinarlle todos os anos tal cantidade enorme de cartos. Nos grandes incendios do 2006 demostrouse que onde había agricultura e gandería terminaban os lumes. De modo que os traballos de prevención pasan a ser básicos na nova política de incendios, aínda que se está a de- saproveitar a oportunidade de utilizar os agricultores e gandeiros que viven no rural como elemento prioritario para facer os traballos de prevención.
_ ¿O Banco de Terras está a cumprir a súa función?
_O Bantegal non está resolvendo os problemas, pero é un elemento que debemos fomentar e xeneralizar. Proporciona terras para alugar onde non hai actividade agrogandeira; a metade das hectáreas tenas na provincia de Ourense, que é onde máis xente abandona e menos xente hai disposta a alugar. Onde hai moita actividade agrogandeira (Ordes, Arzúa ou Lalín) e demandantes de terras, hai pouca oferta. Hai que terminar concentracións parcelarias hai máis de vinte anos empezadas, e ir a modelos máis baratos e máis áxiles como a permuta e o arrendamento da terra. É imprescindible que os poucos agricultores que quedan teñan máis base territorial.
_¿Que se pode facer para loitar contra o envellecemento e a perda de poboación no rural?
_Iso obriga a que a aplicación da Lei da dependencia sexa tamén unha oportunidade de emprego para as mulleres e homes do rural que xa veñen desenvolvendo esas funcións.
Hai que facer un esforzo para reequilibrar o territorio, porque hai dúas Galicias a dúas velocidades. E hai que dignificar a profesión de agricultor e gandeiro, deben poder librar as fin de semana, coller vacacións, etc.
"Coñezo todos os afiliados a UU AA"
¿Como recibiu o telefono móbil?
Como unha novidade que no mundo rural apenas tiña cobertura (aínda hoxe segue habendo zonas de sombra, e cando vas dunha aldea para outra, unha conversación tes que reintentala varias veces). Logo, co paso do tempo, significou unha forma de estar comunicado case permanentemente, sobre todo para alguén que entendeu o sindicalismo como unha forma de estar presente nas explotacións. Se de algo presumo como secretario xeral de Unións Agrarias é de que coñezo todos os afiliados e vou a todas as asembleas, por iso o meu punto de encontro non é o despacho senón o teléfono móbil.
¿E o PC portátil?
Pois non é das ferramentas que máis utilizo, se ben me resolve os problemas de información e de comunicación permanente, no uso dos informes técnicos que o gabinte técnico elabora. Nunha organización agraria coma a nosa o peso do papel reivindicativo é moi importante, pero sempre apostando por un sindicalismo proposicional; denunciamos un problema e non esiximos imposibles, senón que propoñemos medidas que sexa posible levar a cabo. De aí que o peso da infraestrutura técnica dentro do sindicato sexa moi importante.
¿En que lecturas anda?
Á parte dos informes, a semana pasada acabei de ler O neno co pixama de raias, de John Boyd e O último patriarca, de Najat El Achmi.
¿Vai con frecuencia ao cine?
Ía moito, pero substituíno polo vídeo. E desde que temos o neno, unicamente vou ao cine para ver as películas infantís co rapaz.
¿E ao teatro?
Vou moi pouco, salvo que me coincida estar en Madrid e poida aproveitar para ir.
¿Que tipo de música lle gusta?
Sobre todo folk e cantautores.
¿Que preferencias ten en artes plásticas?
Pois non son moito de ir a exposicións de pintura; son máis de ver arquitectura. A arquitectura define as xeracións e as etapas de vida dos pobos.
¿Logo, a arquitectura é arte?
Sen ningunha dúbida.
¿Gústalle viaxar?
Encántame viaxar, e tanto eu coma a miña muller somos moi dados a combinar tanto viaxes ao estranxeiro como dentro de España e Portugal. Viaxamos por Europa e Hispanoamérica e desde que chegou o noso fillo Lucas, viaxamos co coche polas zonas próximas.
¿Como leva a conciliación da vida familiar?
Lévoa ben no que é a definición teórica, e mal na práctica, no sentido da dispoñibilidade de tempo. Cando estou na miña casa o habitual é que cociñe eu, e como norma xeral repartimos as tarefas da casa entre a miña muller e eu, tanto por convencemento como por necesidades prácticas ao traballarmos os dous. E o mesmo co coidado do neno. As limitacións veñen dadas polo tempo, xa que no sindicalismo é moi difícil ter o horario e manexar a axenda; sempre a manexan os acontecementos ou terceiras persoas.
