El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

envía un escrito a Augas de Galicia

Salvemos Cabana alerta de que a mina de Corcoesto é incompatible coa normativa ambiental europea

A Plataforma denuncia incompatibilidade coa Directiva Europea 2000/60/CE, que garante a dispoñibilidade de auga a longo prazo

25.06.2013 
A- A+

Para a plataforma cidadá Salvemos Cabana, o proxecto mineiro de Corcoesto presenta unha incompatibilidade manifesta coa Directiva Europea 2000/60/CE, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, cuio obxectivo é garantir a protección deste elemento e promover un uso racional e sostible que garanta a dispoñibilidade deste recurso a longo prazo.

Esta Directiva basea a súa elaboración no artigo 174 do Tratado da Unión, que establece os obxectivos da política ambiental da Comunidade Europea e é considerada a máis ambiciosa de todas as normas europeas relacionadas co medio ambiente, buscando a protección de xeito conxunto de augas superficiais e subterráneas, as de transición e as costeiras, e primando a protección dos ecosistemas que dependen dela.

A Plataforma Salvemos Cabana engade, nunha nota de prensa, o seguinte:

"Dende Salvemos Cabana, non alcanzamos a comprender dende que punto de vista un proxecto como o da mina de Corcoesto, que consumirá 1.500.000 m3 de auga potable por ano e que durante o proceso de lixiviación, empregado para separar o ouro da rocha, vai empregar diariamente 1,49 toneladas métricas de cianuro de sodio para efectuar a disolución, pode considerarse sostible ambientalmente".

"En referencia directa, a Resolución do Parlamento Europeo do 5 de maio de 2010, sobre Prohibición de tecnoloxías mineiras a base de cianuro afirma "que o cianuro é unha substancia química altamente tóxica utilizada na minaría do ouro e que, no Anexo VIII da Directiva marco sobre política de augas, está clasificado como un dos principais contaminantes e pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio e, por ende, na diversidade biolóxica" e que "o cumprimento dos obxectivos da UE, establecidos na Directiva marco sobre a política de augas, isto é, conseguir un bo estado químico das augas e protexer os recursos hídricos e a diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante unha prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro".

"Por outra parte, alertouse reiteradamente de que un accidente con vertedura total das balsas de residos de flotación e lixiviación do complexo mineiro de Corcoesto tería efectos máis graves que os sufridos no desastre mineiro de Aznalcóllar (Andalucía), que en 1998 provocou a vertedura de 2.000.000 de m3 de lamas tóxicas e 4.000.000 de m3 de águas ácidas. A rotura das balsas de Corcoesto, cunha capacidade de 11.000.000 de m3, podería liberar un volume de lamas e augas residuais dúas veces maior que a vertedura de Aznalcóllar, provocando un desastre ambiental sen precedentes en río Anllóns e o seu esteiro, lugares de especial protección ambiental a nivel europeo".

"A este, respecto, o punto 17 das consideracións da Directiva Marco da Auga sinala que "unha política de augas eficaz e coherente debe ter en conta a vulnerabilidade dos ecosistemas acuáticos situados preto das cousas e os esteiros ou en golfos ou mares relativamente pechados, posto que o equilibrio de todas estas zonas depende en boa medida da calidade das augas continentais que flúen cara a elas".

"Por todo iso valoramos, en relación co anterior, que coa insustentabilidade ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto non hai lugar a segundas interpretacións, máis cando actualmente se teñen coñecemento de que varios estudos científicos independentes (Costas et al., Devesa Rey et al, 2011), publicados en prestixiosas revistas internacionais, certifican que a antiga actividade mineira realizada en galería e a pequena escala, segue contaminando sen remedio o río Anllóns cuns niveis de arsénico inasumibles que alcanzan os 850 kg anuais vertidos ao esteiro fluvial".