El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Salvemos Cabana celebra o triunfo da razón fronte á irracionalidade do proxecto mineiro de Corcoesto

15.10.2013 
A- A+

Tras o coñecemento do inicio dos trámites de cancelación do proxecto da empresa canadense Edgewater na Bisbarra de Bergantiños por carecer de solvencia "financeira e técnica", a Plataforma Salvemos Cabana felicita a todas aquelas persoas e organizacións que fixeron posible esta vitoria nunha loita titánica iniciada no verán de 2012 a anuncia que como asociación seguirá vixiante para descartar que futuros proxectos mineiros poidan ameazar de novo á Comarca de Bergantiños.

Dende o inicio desta loita, dende Salvemos Cabana sostivemos que o proxecto de Corcoesto era claramente insostible a nivel social e ambiental. Por unha parte, polo seu desenvolvemento mediante a técnica do ceo aberto utilizando cianuro en inmensas cantidades (546 toneladas/ano) para recuperar o mineral, xerando máis de 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos ao final da vida útil da mina e grandes volumes de po derivado do proceso extractivo potencialmente perigoso para a saúde.

De feito, nestes momentos existe un consenso declarado a nivel internacional de que ningunha actividade industrial é tan agresiva como a minaría a ceo aberto, debido á interminable lista de impactos que leva consigo sobre aire, auga e chans, destruíndo de xeito irreversible a área de explotación e causando graves alteracións da paisaxe circundante e a alteración das concas hídricas superficiais e subterráneas.

No caso do proxecto de Corcoesto, ademais, as balsas de residuos mineiros terían suposto unha ameaza inasumible para o futuro, e todo nun proxecto de moi escaso horizonte temporal que finalmente podería poñer en risco os miles de postos de traballo xa consolidados en sectores produtivos básicos como a agricultura, a gandaría e o marisqueo, ademais do turístico.

A anulación do proxecto mineiro de Edgewater en corcoesto é un triunfo da sociedade civil, da dignidade colectiva, pero sobre todo un triunfo da razón e o sentido común fronte á irracionalidade dos mercados e quen a defende. En definitiva, unha aposta pola vida.