El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

a polémica das industrias extractivas

Salvemos Cabana envía unha proposta ao Parlamento para a reforma da Lei da minaría

Pretende evitar máis proxectos "social e ambientalmente insostibles" como o da empresa canadense Edgewater en Corcoesto

SANTIAGO  | 03.09.2013 
A- A+

A plataforma cidadá recomenda a modificación de 10 dos 65 artigos e a precisión de determinados conceptos a prol de evitar máis proxectos social e ambientalmente insostibles como o da empresa canadense Edgewater en Corcoesto. Nunha nota de prensa, explica o seguinte:

"En primeiro lugar, dende Salvemos Cabana consideramos que urxe suprimir dentro do articulado toda a terminoloxía referida á "minaría sostible" e/ou "desenvolvemento sustentable" das actividades extractivas. As actividades mineiras non poden ser cualificadas deste modo debido a que non son perdurables no tempo. Por iso, sería máis apropiado falar de "minaría razoable", dado que esta actividade pode ser necesaria en momentos concretos, pero sempre valorando de xeito equilibrado pros e contras de cada proxecto en particular."

"Asemade o artigo 4c, que permite "acordar con carácter excepcional, logo de xustificación do interese público o outorgamento de dereitos mineiros en caso de existencia de informes preceptivos desfavorables", non é unha opción que resulte viable, dado que o "interese público" non debería xustificar en ningún caso a imposición dun proxecto cando, por exemplo, presente informes de carácter ambiental negativos. Unha afirmación semellante podería servir de patente de corso para aprobar calquera tipo de proxecto sempre que se xustifique que é de interese xeral."

"Valoramos como especialmente relevante o artigo 6, relativo á creación e réxime xurídico do Consello da minaría de Galicia, que ata o momento se obviou de xeito reiterado polo Goberno da Xunta. Neste punto, é fundamental incluír a obrigatoriedade e a urxencia da creación do Consello da Minaría como organismo de control e regulación de calquera actividade mineira desenvolvida en Galicia, pois como o propio texto sinala, a "transparencia" debe ser un elemento fundamental tanto no propio funcionamento deste órgano consultivo coma en calquera proxecto de actividade extractiva en territorio galego."

"Pero quizais sexan os artigos 11 e 12, sobre o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (PSAEG), os que necesiten unha maior rectificación, pois na nosa opinión o maior erro da Lei 3/2008 é precisamente a atribución de plenos poderes ao PSAEG ao tratarse dun plan e incidencia supramunicipal que prevalece mesmo sobre os plans urbanísticos de zona que inclúe a "máxima simplificación administrativa na tramitación dos expedientes mineiros", establecendo unha clara preferencia da actividade mineira por enriba doutros sectores produtivos e dando vía libre de facto a un proceso liberizador ao diminuír o control sobre o público e primar unicamente os criterios empresariais e económicos."

"Nos artigos 22 e 24, sobre os informes municipais preceptivos e a compatibilidade dos dereitos mineiros cos usos de interese público confírmase novamente a clara vantaxe das industrias extractivas que a lei 3/2008 establece fronte á ordenación municipal e outras actividades produtivas, pois deste modo e na práctica o ámbito mineiro decide, e os outros sectores implicados teñen que acatar a súa decisión en condicións puramente impositivas."

"Finalmente, o artigo 33, sobre o seguro de responsabilidade civil, fixa a obrigatoriedade da persoa titular de calquera dereito mineiro a contratalo nun prazo de 30 días "contados dende a notificación da resolución de outorgamento, para facer fronte aos danos que lles poidan causar ás persoas, aos anivales aos bens ou ao medio". Neste sentido, dende Salvemos Cabana consideramos que a responsabilidade civil e os custos do conseguinte seguro, terían que ser motivo de consideración previa á notificación do outorgamento, non a posteriori. Porque precisamente do que se trata é de previr coñecendo a competencia da empresa para afrontar o requirimento máis importante de calquera proxecto extractivo: o da seguridade e capacidade de acción fronte a un hipotético accidente."