El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

procedentes de todo o territorio galego

'Salvemos Cabana' teme que Bergantiños se convirta nun almacén de residuos tóxicos cianurados

SANTIAGO  | 24.04.2013 
A- A+

A plataforma 'Salvemos Cabana' expresou o seu temor de que, de autorizarse a mina de ouro de Corcoesto, toda a comarca bergantiñán se transforme nun almacén de residuos moi tóxicos, algo parecido ao que está a acontecer en Asturias, segundo explican os seus representantes.

A través dunha nota de prensa, 'Salvemos Cabana' manifesta o seguinte:

"Tras o coñecemento público de que polo menos dez vellos filóns de ouro distribuídos por todo o territorio galego están en trámites de reapertura, a planta de cianuración da mina de Corcoesto podería chegar a converterse nunha instalación central para a recuperación do mineral aurífero de toda Galicia, incrementando exponencialmente o volume de residuos tóxicos a xestionar derivados dos procesos de separación do ouro da rocha.

"Dende a Plataforma 'Salvemos Cabana' mostramos nosa profunda preocupación polo plan mineiro que a Xunta ten preparado para Galicia, que permitiu que numerosos proxectos de minaría metalífera (Sección C), se encontren en diferentes fases de tramitación por todo o territorio galego, en especial os que teñen que ver co recurso aurífero.

"Preguntámonos cales serán os volumes de cianuro de sodio que será necesario utilizar se todas ou polo menos unha parte destas pretendidas explotacións mineiras chegan a saír adiante, e recordamos que tan só o proxecto mineiro de Corcoesto reflicte na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada pola Consellería de Medio Ambiente o emprego de 546.000 kg anuais do devandito composto, dado que na actualidade é un elemento indispensable na maior parte dos casos para completar o proceso de lixiviación do mineral, máis alá doutros procedementos como os de recuperación gravimétrica e o emprego de tecnoloxías de flotación.

"Por outra parte, a problemática asociada ao transporte do cianuro por estrada non está resolta, polo o que o problema podería verse multiplicado ao considerar que a Xunta en ningún momento obrigou a Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater a subscribir unha garantía financeira que cubra economicamente e de xeito integral un accidente a gran escala. É necesario considerar, ademais, que no caso de que os mencionados proxectos chegasen a saír adiante, todo o territorio podería encontrarse nunha situación dantesca, no que inmensas cantidades de cianuro de sodio poderían transportarse a diario polas estradas galegas, cos conseguintes riscos ambientais e para a saúde da poboación.

"Por último, consideramos que é necesario valorar o tema dos refugallo. A produción anual só no proxecto de Corcoesto defendido por Edgewater será de 2.100.000 toneladas, das cales 100.000 seran refugallo cianurado, polo que cabe preguntarse cal podería ser o volume total se o número de explotacións pode chegar a multiplicarse por dez e en especial onde se prevé o seu almacenamento sabendo que é previsible que o mineral poida a ser tratado en Cabana de Bergantiños se o proxecto é finalmente aprobado pola Xunta de Galicia."