El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

San Sadurniño conmove a Europa

As máis de 700 historias de veciños colgadas en internet logran o galardón do ACTing, polo uso das novas tecnoloxías // O proxecto do Concello ofrece fotos, audios e vídeos nos que os protagonistas contan a súa vida

AQUELAS VERBENAS   Merenda do Biscordel (mítica festa de Igrexafeita), con familias de Naraio aló por 1962 .  - FOTO: Fálame de San Sadurniño
AQUELAS VERBENAS Merenda do Biscordel (mítica festa de Igrexafeita), con familias de Naraio aló por 1962 . - FOTO: Fálame de San Sadurniño

PATRICIA HERMIDA  | 25.09.2015 
A- A+

Cando o verán tocaba ao seu fin, chegaba a festa do Biscordel. Familias de todas as parroquias enchían os prados de Igrexafeita con manteis de cadros, cazolas de comida envoltas en papel metálico, botellas de viño con gaseosa... Os columpios colgaban das árbores, e as cancións subían ata a noite polo ceo de estrelas. Máis tarde, chegarían as bombillas de cores, as orquestras eléctricas e os coches de choque. Todas esas lembranzas amosan o carácter alegre de San Sadurniño: un pobo cheo de memoria que acaba de emocionar a Europa. Un proxecto impulsado polo Concello sobre novas tecnoloxías acaba de gañar o premio ACTing da UE. A web Fálame de San Sadurniño, elaborada pola aula CeMIT, xa leva rexistradas máis de 700 historias do pobo: fotos, audios e vídeos. A mellor hemeroteca coa que puido soñar este rincón de Ferrolterra.

O galardón entregouse onte en Xenebra (Suíza), dentro dun programa no que inicialmente participaron 36 proxectos europeos. Á final chegaron catro iniciativas: a de San Sadurniño (España), e outras de Romanía, Italia e Suíza. Segundo as representantes de Fálame de San Sadurniño, Carmen Suárez (impulsora da iniciativa), Cruz Piñón e Consuelo Picos (protagonistas dalgunhas historias), "Europa namorouse do noso proxecto". 

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt