El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo

Santiago Lago Peñas: “O Estado das Autonomías foi unha bendición para Galicia”

{ Vigo, 1971 } Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da UdeV, é coautor do traballo ‘Fondo de Compensación Interterritorial: análisis y propuestas de reformas’, publicado polo Instituto Nacional de Administracións Públicas.

Santiago Lago Peñas, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo - FOTO:  Antonio Hernández
Santiago Lago Peñas, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo - FOTO: Antonio Hernández

LUIS POUSA. SANTIAGO  | 15.01.2016 
A- A+

As infraestruturas do transporte terrestre son as que maior atención acadan dos proxectos de investimento suxeitos ao FCI?

Si. Representan o 35 por cento do total. Pero unha boa política de infraestruturas esixe máis claramente sentido de país e visión global. Hai que interconectar, hai que pensar nos servizos, porque esas infraestruturas importan polos servizos que dan aos cidadáns e ás empresas.

No análise que vostede fai do FCI, xunto a Xoaquín Álvarez Corbacho, Fernández Leiceaga e Patricio Sánchez Fernández, chegan á conclusión de que as diferenzas interrexionais en renda per cápita persisten?

É importante entender que unha cousa é as diferenzas que persisten no PIB per cápita, aquí falamos de produto, e outra se falamos de benestar. En España houbo moita converxencia no benestar polos servizos públicos. Hoxe Galicia ten unha sanidade e un ensino probablemente mellores dos que ten Madrid.

Si, pero a renda dispoñible media dun madrileño é moi superior á dun galego.

Porque a renda dispoñible non inclúe os servizos en especie.

Certo, pero...

É importante o dos servizos públicos. No tema das pensións mantéñense diferenzas porque hai unha correlación entre a pensión e a cotización previa, e entre esta e os salarios.

No estudo, vostedes afirman que nin o FCI nin o Feder foron capaces de contrarrestar os factores de polarización que operan nunha contorna máis aberta.

Unha empresa cando decide localizarse ten en conta moitos factores e normalmente eses factores terminan dando prioridade a optar por alí onde xa hai moita actividade económica. Esto fai que se deixas o mercado sen políticas compensatorias, incentivan a emigración cara a eses polos. Iso condena á nada a outra parte do territorio. Isto pasa a todas as escalas en Galicia (dentro das provincias galegas velo moi claro en Ourense: a capital e o Barco de Valdeorras). As forzas do mercado tenden á concentración por eficiencia económica, de aí o fracaso das políticas de solo industrial que non teñan en conta isto. Fas un espallamento de parques empresariais e obtes ocupacións de cero ou do 5% en determinadas zonas e do cen por cen noutras. Polo tanto, as políticas compensatorias axudan a repartir eses dividendos do mercado único.

O FCI cumpriu a súa función de corrixir os desequilibrios interterritoriais?

Desde a entrada de España na UE e, sobre todo, desde finais dos anos 90, o FCI foi da man da política rexional comunitaria. Neste momento, mesmo para Galicia os fondos comunitarios son cuantitativamente moito máis importantes que o FCI. Entre ambos os dous hai unha correlación do 0,87.

A distribución de recursos para o investimento público debe guiarse só por consideracións de equidade ?

Non. Hai que buscar un equilibrio entre equidade e criterios de eficiencia e rendibilidade social. O AVE Madrid-Barcelona é máis rendible desde un punto de vista social que o de Madrid-Galicia, o que ocorre é que non se pode xogar só con ese criterio de eficiencia, hai que xogar tamén co criterio de equidade. Buscar solucións de equilibrio que atendan aos cuello de botella nos territorios máis desenvolvidos e tamén darlles oportunidades aos territorios desenvolvidos. En todo caso, o criterio de eficiencia é fundamental, tamén en Galicia, para seleccionar que proxecto fago.

No libro propoñedes reconfigurar o FCI e crear, ante a próxima desaparición do Feder, un Fondo Interterritorial de Desenvolvemento Rexional (Fider). Esa reforma tería en conta o potencial de crecemento dos territorios nos novos modelos?

Ese fondo ten que estar vencellado a unha estratexia de desenvolvemento, pois o FCI acabou sendo unha partida engadida no orzamento. Hai que cumprir criterios de eficiencia social: non se poden financiar obras que son un disparate. Ter unha estratexia global. Gastar en cemento moito diñeiro é moi fácil, a cuestión é gastalo en I+D+i, buscar os proxectos que xustifiquen eses cartos. En realidade no pasado non houbo tanto un problema de falta de recursos como de falta dunha estratexia máis intelixente escollendo proxectos de maior eficiencia social. Hai que darlle máis peso ao coñecemento.

Faltou intelixencia innovadora?

Un dos erros de Galicia, non só do Goberno, foi adicar moitos destes recursos a financiar competencias locais que tiñan que ser financiadas con tributos locais. Como país tivemos problemas de improvisación, de selección e de oferta de proxectos estratéxicos.

Propoñen definir unha estratexia de desenvolvemento e incardinar o novo fondo nunha programación plurianual?

É fundamental saber os fondos que imos ter nos vindeiros seis ou sete anos. O novo FCI ten que parecerse máis aos fondos europeos, haber unha estratexia de desenvolvemento e elaborar un marco de converxencia.

Os criterios de envellecemento e de dispersión da poboación aplicados na distribución do fondos beneficiaron a Galicia?

Foron fundamentais, porque sen iso o PIB per cápita é perverso, pode haber o que bautizamos como converxencia pasiva. Converxo non porque medre máis senón porque temos menos xente á que repartir. Este non é o ao que aspiramos. Para nós as variables demográficas son fundamentais. A Xunta está xogando ben nese sentido. En xeral, no que atinxe á política rexional, Galicia foi unha rexión ben tratada dentro de Europa e no conxunto de España. Desde o punto de vista financeiro, o Estado das Autonomías foi unha bendición para Galicia. Os riscos están no futuro se non lle damos unha volta ao FCI.

Que facer?

Un traballo triple: financiamento autonómico mantendo a nivelación interterritorial actual; o asuntos dos fondos europeos introducindo as variabble demográficas; e revitalización do FCI. Este debate temos que abrilo.

APUNTAMENTOS PARA UN GLOSARIO

FCI “O Fondo de Compensación Interterritorial é a principal ferramenta constitucional de política rexional española. É das poucas cousas das comunidades autónomas que están na Constitución de 1978”.

BENEFICIARIAS DO FCI “Son dez as comunidades beneficiarias do FCI.  Aínda que a idea é as menos desenvolvidas, os criterios non están moi claramente definidos, houbo cambios “.

NON BENEFICIARIAS “As comunidades non beneficiarias polo FCI son as que teñen os niveis de desenvolvemento  máis altos, caso do PIB per cápita”.
COMUNIDADES FORALES “Ningún país federal ten unha situación como as que teñen en España as comunidades forales, onde o Estado non recada e a participación na solidariedade interterritorial é mínima”.

RENDA PER CÁPITA “O PIB per  cápita é un bo indicador de desenvolvemento, pero ti podes mellorar en PIB per cápita non porque medra este senón porque expulsas poboación, coidado!”.

FBC “Formación Bruta de Capital: hai que investir nos territorios nas infraestruturas necesarias. Esa necesidade fasei máis patente no longo prazo”,