Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Miércoles 22.04.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 1 de 1] Galicia| galicia@elcorreogallego.es  |  RSS - Galicia RSS

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Senén Barro se sincera: “Farjas obrigou a pactar”

06.03.2010  O reitor da USC cre que a vía tradicional era a mellor para contar coa docencia práctica dos hospitais de fóra de Santiago, pero engade que Sanidade non lle deu alternativa á asinada hai uns días // Os contratos denunciados pola UDC continuarán

3.7/5 [7 Voto/s]

9
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

I. CASAL • SANTIAGO

Senén Barro Ameneiro, no xardín que comunica os pazos de Fonseca e de San Xerome
Senén Barro Ameneiro, no xardín que comunica os pazos de Fonseca e de San Xerome

Quédanlle apenas semanas para pasar a ser reitor en funcións e preferiría non ter que facelo pero, advirte, os tempos obrigárono a negociar as bases para o acordo da docencia de Medicina, un pacto entre Xunta e os tres reitores de Galicia que conta co rexeitamento unánime da única facultade que imparte estes estudos. Senén Barro entende os receos que xera o acordo, que determina que os médicos docentes dos hospitais da Coruña e de Vigo dependerán a escala docente da USC, pero á administrativo das universidades de cada cidade. A el mesmo, confesa, non lle entusiasma, pero acto seguido engade que foi a mellor alternativa real posible e que a aceptou pensando no mellor para o centro e o seu alumnado, e que se insire ademais nun pacto global entre as universidades para compartir recursos. A outra saída, suxire, era atender menos alumnos contando só co CHUS e, xa que logo, abrir as portas á duplicación do título.

_ ¿Non sería mellor continuar contratando como ata o de agora os médicos docentes?

_ Si, academicamente suporía menos problemas, estou convencido, pero dende que aumentou o número de alumnos non temos dabondo só co CHUS, necesitamos dos outros hospitais moito máis, e é cando se intensifica o problema sobre o seu uso e o dos seus recursos humanos.

_ ¿Cal é o problema?

_ Probablemente que os hospitais da Coruña e de Vigo foron cada vez dun modo máis intenso ligándose coas universidades das súas cidades. Iso foi poñendo dificultades a un uso pleno deses complexos ao servizo da USC sen a coordinación das outras dúas universidades.

_ ¿Non se barallou na negociación do pacto modificar eses concertos entre hospitais e universidades?

_ Non, en absoluto, nunca se me deu esa posibilidade.

_ ¿Cre que eses convenios buscaban favorecer a creación de novas facultades? Sobre todo na Coruña esa é unha vella reivindicación.

_ Non podo valoralo. As últimas vinculacións, a través da creación de institutos mixtos de investigación sanitaria, impulsada polo anterior Goberno, creo que só buscaban unha maior interacción entre a investigación dos hospitais e a das universidades. No tocante aos concertos (de 2001), non o sei. Non coñezo o contexto nin as intencións nas que se xestaron.

_ Pero pese a eses acordos, se Sanidade estivese polo labor, sería posible deixar as cousas igual que ata o de agora, ¿non?

_ Se a Xunta de Galicia tomase outra decisión, por suposto que podería ser.

_ ¿Cre que pesaron máis as razóns extraacadémicas, as políticas?

_ Non o sei, non podo interpretar por outras persoas. O que sei é que se nos instou para establecer un proceso coordinado coas outras universidades.

_ ¿Foi a única alternativa?, ¿sentiuse forzado a aceptala?

_ Alternativas non vin outras. Son una persoa práctica, aínda que pense que teño toda a razón do mundo, se non teño autonomía para levar a cabo os meus formulamentos, busco puntos de encontro para chegar a acordos que, aínda que non satisfagan por completo a ninguén, poidan satisfacer dabondo a todas as partes. Neste caso foi así. Se tivese pleno control sobre os recursos humanos dos hospitais había resolver o asunto de xeito distinto.

_ ¿Por parte de quen sentiu máis presión?, ¿de Educación, de Sanidade ou das outras universidades?

_ Vamos ver, as cousas claras. Volvo dicir que este acordo foi pola necesidade dun recurso que xestiona Sanidade, non as universidades de Vigo e da Coruña. Sempre dixen que os hospitais non son das universidades, entendo os concertos cos hospitais como un convenio de uso, e ata podo entender que de uso preferente, pero non exclusivo. Daquela, evidentemente este acordo débese a que quen ten a responsabilidade da xestión en exclusiva dos hospitais e recursos ambulatorios é quen nos obriga a ter que chegar a el.

_ ¿E que condicións puxo vostede?

_ Non é negociable crear novas facultades que non son necesarias. Paréceme un disparate, polo custo enorme e porque o número de estudantes que estamos recibindo agora é unha especie de burbulla que se desinflará en 5 ou 10 anos, e hai que ir poñéndolle freo. Tampouco é negociable un título compartido, porque que alguén me explique en que mellora iso a calidade da formación.

_ ¿Pero a alternativa ao pacto asinado era crear outras facultades ou compartir o título?

_ Se a outra opción era circunscribir a docencia clínica só ao CHUS... Non podemos ir a 400 alumnos só con este magnífico hospital. A xente ten que reflexionar se quere que a facultade da USC só poida atender a 150-200 alumnos de forma exclusiva no CHUS ou atender a demanda da sociedade, que por outra banda nos vén obrigada, e chegar aos 400 facendo partícipes as outras universidades. Prefiro o segundo modelo, e por iso asinei o acordo, porque é a Facultade de Medicina da USC, o seu plan de estudos e a súa programación e porque as comisións de docencia de cada hospital estarán presididas polo seu decano.

- Pero dalgunha maneira nas bases semella que se vai a un título compartido, porque a vinculación administrativa dos encargados da docencia práctica nos hospitais da Coruña e Vigo será coa UDC e coa Uvigo.

_ A nova figura que se establece, a de profesor colaborador docente (PCD), non terá vínculo contractual ningún coas universidades. Será persoal do Sergas cun complemento retributivo e nomeado polo Sistema Universitario Galego. A coordinación docente dependerá da USC e a administrativa consiste en asociar este persoal, dalgún modo, a un prestador de recursos e servizos, de apoio á investigación, bibliotecarios, deportivos, etc.

- ¿Pero comprende os receos que xera o acordo da facultade? Mesmo a Cámara de Comercio o rexeita, o alcalde semella preocupado e os candidatos a reitoría tampouco o apoian.

_ Enténdoas, porque hai moito ruído e porque é un tema de moita transcendencia para a nosa universidade, aínda que creo que o acordo non atenta contra nada crítico para nós. Eu preferiría a preocupación pola importancia que ten este tema á crítica ou o desacordo por quen non coñece a letra do documento.

- Entenderá que as declaracións dun vicerreitor da Coruña dando por feito que o acordo é un paso cara á compartición do título non axudan a xerar tranquilidade.

_ Foron unhas declaracións moi desafortunadas. Unha cousa son os desexos e as expectativas e outra é o que di o acordo de bases.

- ¿Que parte cedeu máis?

_ Cada un terá que ver. Hai xente que se declarou hipercontenta, así que será que cedeu menos. Eu non estou entusiasmado, pero estou contento de chegar a un acordo, non quere que se malinterprete. Estou contento porque espero que se resolva sen máis liortas nin contenciosos un problema que tiñamos. Ademais, conseguimos que se dese por boa a convocatoria de profesores asociados de ciencias da saúde (PACs) que denunciara a UDC, cuxos contratos poderán, se o desexan, ir máis aló do 30 de setembro. Eles si son profesores da USC.

_ Medicina é unha carreira moi atractiva para o alumnado, ¿pode haber movementos de universidades privadas en Galicia para ofertala?

_ Non sei, pero creo que non sería bo. Ademais, a través deste acordo teremos máis posibilidade de formación e haberá tamén menos oco para a formación privada.

Unanimidade

A Xunta de facultade di non ao pacto
A xunta da facultade de Medicina celebrou onte unha sesión monográfica para valorar as chamadas Bases para a cooperación universitaria na docencia do grao de Medicina. Unha semana despois da súa sinatura –que o decanato e os directores de departamento xa lle desaconsellaran ao reitor–, este órgano que representa toda a facultade rexeitou por unanimidade o documento. O profesor Jorge Barreiro explica que se condenou que Senén Barro asinase o documento “de forma autocrática, sen contar con ninguén e co total rexeitamento da facultade”.
O decano, José Mª Fraga, indicou que hoxe farase pública unha declaración institucional do centro, que insiste en sinalar a confusión que, ao seu xuízo, crea a nova figura de colaborador docente. Cre que é froito de intereses localistas e personalistas.  A Cámara de Comercio de Santiago tamén amosou “gran preocupación” polo asunto

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Vídeo

  • O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, defende o pacto asinado coa Xunta e as outras dúas universidades galegas sobre a docencia de medicina nos hospitais. Correo TV
Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS