Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
En ocasións non alcanzo a entender o vieiro que pretende tomar o presidente do Goberno español, en canto á configuración e futuro do Estado autonómico. Rodríguez Zapatero semella pretender marcar un destino diferente ás autonomías españolas, en función dos seus intereses parlamentarios.
Abrindo o melón da posibilidade de maior nivel de autogoberno a Euskadi, a cambio do apoio puntual nos presupostos xerais do Estado, reflicte a desesperación na que está o xefe do executivo español, e probablemente a súa incapacidade para dirixir os destinos dunha España que lexitimamente o elixiu. O Partido Nacionalista Vasco non fai máis que ser coherente coas súas ansias de gobernar unha terra perfectamente diferenciada dentro do Estado. Non podo disimular a admiración por unha forza política que pensa exclusivamente nos intereses dos seus cidadáns, e nas potencialidades dunha Eskadi que amosa permanentemente a súa falla de complexos, mentres aquí os padecemos día a día, probablemente porque temos o que merecemos.
A forza da negociación dos nacionalistas de dereitas vascos nos presupostos estatais é inversamente proporcional á que teñen os partidos galegos. Fai tempo algún político da dereita galega tivo a ocorrencia (valente achega), de pretender facer un subgrupo parlamentario propio dentro do PPdeG nas Cortes españolas, e o trataron de tolo, cando non de traidor... Que sería dunha Galicia secularmente marxinada, se as súas forzas políticas tivesen o peso suficiente para que a nosa situación periférica non fose coartada para a ausencia de inversións transformadoras no país. Ou que sería dunha terra na que o seu Estatuto de Autonomía marcase claramente o futuro do desenvolvemento como pobo, freando as intentonas do proceloso centralismo. Esa é a principal misión do xeralmente prostituído termo "galeguismo", velar e loitar polos intereses dunha terra, na que as súas posibilidades de autogoberno teñen que ser unha achega positiva, e nunca un elemento de conflicto. Porque ás veces o autoodio non nos deixa ver con claridade, que o que para uns debe ser a fidelidade a unha forza política, pode chocar frontalmente cos intereses de aquelo a quen unicamente estamos para servir, que non é máis que Galicia...
Ou non?
EMPRESARIO
