El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Dispoñibles o 100% en caso necesario

O Sergas mantén operativas case o 90% das camas hospitalarias este verán

A maior porcentaxe na área da Coruña // A dispoñibilidade de camas do Sergas supera en máis de dez puntos a ocupación media que se ven rexistrando en anos anteriores, situada en torno ao 75%

SANTIAGO  | 19.05.2017 
A- A+

O Sergas mantén dispoñibles este verán o 88,93% do total das camas dispoñibles nos centros hospitalarios da rede pública galega, unha porcentaxe similar á de anos anteriores e un punto porcentual máis que o 2016, cando foi do 87,94%. A dispoñibilidade de camas do Sergas neste período supera en máis de dez puntos a ocupación media que se ven rexistrando nos últimos veráns. Así, a porcentaxe media de ocupación no último ano situouse no 75,07%, unha cifra similar á de anos anteriores.

Na rede hospitalaria galega, a área que maior porcentaxe de camas deixa operativas é A Coruña (91,13%), e a menor é a de Ourense-Verín-O Barco (84,65%).

O Sergas indica que as camas se poden facer operativas de xeito inmediato cando sexa preciso, e que o recurso cama non ten tanta relevancia como tiña antes, xa que actualmente máis da metade das intervencións cirúrxicas son ambulatorias, é dicir, non requiren ingreso, e a estancia media hospitalaria ten rexistrado unha tendencia descendente nos últimos anos.

A planificación en época estival xustifícase, segundo Sanidade, nos menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas, debido, fundamentalmente, a unha redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade. Ademais, aprovéitase esta época que hai menos pacientes para facer obras de mantemento nos centros. O Sergas recorda, ademais, que o verán é o período máis demandado polo persoal para vacacións regulamentarias. Isto condiciona a necesidade de substituír ao persoal que goza deste período para garantir a actividade, e esta substitución non é posible en determinadas especialidades de persoal facultativo, polo que quedarían incompletos os equipos asistenciais necesarios para realizar determinadas funcións.