El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Sindicatos critican que a estacionalidade e a precariedade seguen marcando o mercado laboral galego

Advirten de que a cifra de paro segue "moi por encima" dos niveis precrisis

VIGO. EP  | 03.01.2018 
A- A+

Os sindicatos UXT, CC.OO. e CIG advertiron este mércores de que a estacionalidade e a precariedade seguen marcando o mercado laboral galego, e que, pese ao descenso no número de parados durante 2017, as cifras de desemprego seguen moi por encima dos niveis previos á crise.

O sindicato nacionalista CIG subliñou que o descenso de máis de 2.000 persoas nas listas do paro en decembro débese a que moitos desempregados "se deron de baixa dos servizos públicos de emprego ou decidiron probar sorte na emigración". Así, conclúe que "Galicia destruíu 3.710 empregos" nese mes.

A CIG incidiu en que o recorte do número de parados é "conxuntural" e está vinculado á campaña de Nadal. Por iso, sinalou, o sector servizos foi o único no que baixou o desemprego, mentres que se incrementou en industria ou construción.

Segundo o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, Galicia segue instalada na "temporalidade e a precariedade" provocadas polas "distintas reformas laborais do PP".

TEMPORALIDADE
Na mesma liña, CC.OO. subliñou tamén que o desemprego en Galicia segue castigando máis ás mulleres, que son o 56 por cento dos 185.013 parados que ten Galicia ao termo do ano 2017.

Este sindicato tamén destacou que a contratación "segue condicionada por unha alta temporalidade". Así, dos algo máis de 71.500 novos contratos subscritos en decembro, máis do 92 por cento foron temporais (66.166, fronte a só 5.365 indefinidos).

TAXA DE COBERTURA
Pola súa banda, UXT, ademais de incidir nesas cuestións, apuntou que o nivel de desemprego en Galicia segue "moi por encima dos valores precrisis", e referiuse ao "evidente efecto da estacionalidade" nas cifras de paro de decembro.

Após incidir nos altos niveis de desemprego feminino e na temporalidade do mercado laboral, UXT advertiu, por outra banda, de que a taxa de cobertura en Galicia (do 53,66 por cento) segue por baixo da media de España, "xa de seu moi baixa".

Segundo apuntou, con datos de novembro de 2017, o número de beneficiarios de prestación por desemprego en Galicia era de 91.607, mentres que había máis de 95.500 parados sen ningún tipo de prestación.

Finalmente, UXT lamentou que os datos de afiliación á Seguridade Social tampouco convidan a ser optimistas, xa que "para asentar un novo afiliado necesítanse máis de 50 contratos".