El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Álvaro Gago Díaz

“Temos que romper esta falsa idea de que Galicia é un matriarcado”

Graduado en Comunicación Social, director de teatro e director de cine // { Vigo 1986 } Álvaro Gago Díaz estudiou Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra. direccion de teatro na Universidade North Park de Chicago (Estados Unidos) e Cinema na London Film School do Reino Unido. Foto: Arquivo ECG

LUIS POUSA. SANTIAGO  | 21.04.2017 
A- A+

Facer cine é un soño ou un espertar?

Penso que debería ser unha combinación das dúas. Da igual o tipo de cine. Unha parte importante do proceso creativo reside na ensoñación, no imaxinario; quizáis é esta a parte máis primaria, egoísta e solitaria. Os impulsos iniciáticos que levan a ún a embarcarse nun proceso creativo están ahí para satisfacer os sentidos e a curiosidade individual. Facer cine é, en gran medida, aprender a estar só e a convivir co `outro eu´ que non fai máis que preguntas. A clave está en responder ás preguntas que teñen interese. Esta é quizáis a labor máis complexa.

A partir de ahí un debería abrirse e adoptar e adoptar unha postura máis investigadora e menos hedonista. Os desexos de un son só un vehículo, non un fin, e hai que abandonalos. Ahí nace o proxecto, que ten que estar por riba de todo o demáis. Iso podería traducirse nun `espertar´, que só se completa cando entra en xogo factor humano. O proxecto transfórmase.

Agora o que máis deberia importar son as persoas. Hai que estar aberto a esa transformación sen tentar poñerse por iba de nada nin de ninguén. Ti, mal que che pese, só es ún dos guías. É un proceso moi dinámico e estimulante, pero ao mesmo tempo da bastante vértigo.

Que importancia teñen as novas tecnoloxías na filmación?

Como todos os avances, trouxeron cousas boas e cousas malas (debido o seu mal uso) no ámbito do cine. Por un lado, democratizaron o medio espallando o poder da imaxe e da linguaxe cinematográfica. De repente as historias comenzaron a chegar desde todos os currunchos do planeta en forma de novos discursos, de novas propostas e novos puntos de vista.

Hoxe en día, case todas as persoas poden grabar imaxes co seu teléfono móbil nunha calidade máis que aceptable e dicirlle ao mundo “aquí tamén temos historias que contar” ou “as historias que vos contan non representan o que realmente sucede” ou “¿que che parece este outro enfoque?”. Isto é fascinante e moi enriquecedor.

A outra cara da moeda ten que ver con que as novas tecnoloxías aplanaron bastante as intencións detrás das imaxes. Hoxe en día non escoitas como o diñeiro vai pasando por diante do sensor cada vez que lle das ao rec, cousa que si sucedía co celuloide. Iso, sumado ao feito de que cada vez se poden facer máis virguerías na sala de montaxe, está tendo consecuencias nefastas para a preservción das voces individuais. En moitos casos debido á propia vagancia do autor. Hoxe podes rodar un plano xeral e dese mesmo plano, en postproducción, sacar planos medios, cortos; mudar o ángulo, o eixo...

As decisións que se toman previamente perderon peso, agora reina o “ti graba e xa veremos despois”. Erro. Erro... Temos que conseguir escapar diso. Para elo necesitamos educar ben. ¿Como é que aínda non se estuda nas aulas a linguaxe da imaxe? Non só para construir, senón tamén para deconstruir e interpretar. Agora adicámonos a tragar. O sistema educativo actual está obsoleto, e non digo só pola parte que atinxe ao meu medio.

Os robots poden facer cine?

¿Cales robots? ¿Os actuais ou os de dentro de cen anos?
Poden...?

Seguro que un replicante de Blade Runner podería facer cine, pero non entendo o interese. Non se avanzaría en ningunha dirección. Só estaría en xogo o morbo de ver a unha máquina dirixindo, editando ou actuando. Empezaría a ser interesante se falásemos dun robot que nos pode axudar a descubrir novas formas de comunicarnos a través da imaxe.

Que cineastas son dignos de seren imitados?

Os honestos, os atrevidos, os arriscados, os desvergonzados e os currantes. En gran medida, iso é o que facemos todos hoxe en día: imitar ou copiar. Eu tento copiar bastante (con ou sin éxito) da Italia dos DeSsica, Visconti ou Pteri, do Xapón de Ozu e Kurosawa, ou da Inglaterra do Free Cinema dos Anderson, Reizs ou Richardson. No meu universo contemporáneo hai de todo, dende Chantal Akerman ata o Joao Salaviza, pasando polos Dardenne Brothers, a Lucrecia Martel ou o Laszlo Nemes.

Existe un Novo Cinema Galego?

Existe. Así o certifica o libro de Víctor Paz Morandeira: Novo Cinema Galego: Identidad y Vanguardia. Boa letura.

Como foi a rodaxe da curtametraxe Matria ?

Intensa. Emotiva. Traballada. Dura por momentos. A ficción aparecía moito na realidade da rodaxe. Iso sorprende moito, sobre todo aos integrantes da equipa técnica. Algunha muller nos ten pedido saír antes porque “se non a ver quen facía a cea na súa casa”.

Galicia, ou mellor dito, a sociedade galega, é un exemplo do mito de matriarcado ou foi un exemplo diso?

Foi un exemplo o segue sendo. Nada mudou. Que as nosas mulleres sexan traballadoras, fortes sacrificadas non quere dicir que teñan poder algún. Todo o contrario. A realidade é que as nosas mulleres están bastante sometidas e escravizadas. Isto se explica e se analiza moi ben no libro Antropoloxía da muller galega: as outras olladas, de Enrique Alonso Población e Sharon R. Roseman, no que se recopilan os traballos de investigación dun feixo de mulleres estranxeiras que viñeron a Galicia atraídas polo mito do matriarcado galego e que tiveron que cambiar o enfoque da súa tese porque a realidade que lles esperaba era mois distinta. Para camiñar hacia unha liberación, temos que conseguir romper esta falsa idea de matriarcado, “cuxa utilidade habitual”, cito a Roseman, “é a de rebater as reivindicacións das mulleres, atribuíndolles certa áreas de poder que realmente non teñen. O único que ten detrás este mito é a súa utilización para xustificar a orde existente de sobreexplotación”

Matria podería titularse alternativamente Mulleres na sombra?

Podería. Quitaríalle algo de misterio á peza. Penso que Matria abre o abano un pouco máis, e iso está ben. Pero vamos, que Matria vai sobre mulleres na sombra.

O finanzamento mediante crowdfunding (recolecta, en galego) funciona mellor se das a cambio marisco e viño?

Todo funciona mellor con viño e marisco.

Para cando unha longametraxe de Álvaro Gago Díaz ?

Estou desenvolvendo o guión da que ogalla se convirta na miña primeira longametraxe. Canto antes, mellor. Hai moitas historias que contar e pouco tempo que perder.

TRAXECTORIA

TÍTULOS E CARGOS. Graduado en Comunicación Audiovisual pola Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo, Álvaro Gago Díaz estudou dirección de teatro na North Pak University de Chicago (Estados Unidos). No ano 2009 trasládase a Londres, iniciándose no cine nos Ealing Studios da Met Film School, e dous anos máis tarde pasa a formar parte do MA Filmmaking, ofrecido pola London Film School.
OBRAS E DISTINCIÓN. Edita o documentario Skin e a curta de ficción Lipstick, gañadoras de varios premios en Europa e América. En 2013, coa curta Curricán, obtén os premios á mellor dirección no Curtocircuito Internacional Short Film e á mellor película no Festival de Cans e na Primaveira do Cine de Vigo. Dirixe no 2015 Bombolles e gaña o Premio do Público no Festival Fenêtre sur l`Europe de París. En marzo de 2017 filma Matria.