Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
Ferrol era unha festa. A Transición vivíase en plena euforia política e cultural. E a cidade reiventaba as súas raíces musicais, para transformarse en verbena de gaitas, bares e inquedanzas. Antón Varela recorda aquel "forte movemento musical", con moito agarimo "xa que eramos mozos". Agora ten 52 anos, e acumula unha longa experiencia como gaiteiro internacional e un dos mellores luthiers no país. Dende Francia a Alemaña, todo gaiteiro de pro quere unha obra de Antón.
Como tódolos artistas, empezou a amar a música dende neno: "Escoitaba o meu irmán tocando a gaita, e del aprendín". Aínda que tamén se formou con outros escolares, "na banda dos Scouts, con dez anos e tocando o tambor e o bombo". Ós doce anos decantouse pola maxia da gaita, ata que ós 18 anos formou con outros compañeiros o mítico cuarteto Follas Novas. "E ós 21 empezamos a viaxar e dar concertos", lembra Antón. Ata que chegamos ó dourado 1979, "cando tivemos que amenizar a festa do Partido Comunista en Italia e con só 23 anos". Follas Novas acompañaba o invitado PC de Galicia, e participaría no gran festival organizado no antigo aeroporto de Módena.
"Aquela festa financiábase a través de restaurantes, cada país tiña unha comida típica", explica Antón. Galicia levaba músicos e cociñeiros, como Pedro Roca e Pío. E a partir dese encontro iniciouse o máxico periplo italiano: "Logramos un contrato para as festas de Florencia, e máis actuacións polo país nunha experiencia moi bonita". Mesmo viviu unha literal lúa de mel populosa, libre e inesquecible. "Acababa de casar con Raquel, e fixemos unha viaxe de noivos de oito persoas por Italia: o novo matrimonio, os compañeiros de Follas Novas e colegas", rememora con ilusión.
No magnífico país, sobrevivente a tódalas guerras e sempre optimista, pasaron un mes "tocando pola rúa: dende Nápoles ata Xénova". Dáquela época de troula e noites napolitanas ten "un recordo moi alegre e idealizado, éramos moi novos e visi
tabamos un país onde descoñecían as nosas gaitas". Durmían coma os gatos, "en trens e estacións". E sempre levará no corazón "a incrible xente italiana".
O 40% dos seus clientes son de fóra: "Rusos, alemáns, ingleses, franceses, italianos... O país das gaitas é Francia. En Galicia temos máis gaiteiros, pero de menos variedade". Chaman a atención as italianas, "que poden acadar os dous metros, con punteiras xigantescas". E a galega é "moi accesible e versátil, vale para todo tipo de música". Cada gaita pode recibir 100 horas de traballo, e Antón fai "de todo menos os foles". Acaba de recibir un fermoso coiro holandés cor viño, e pola porta entra un colega para que lle arranxe unha bandurra. Chega tanta xente que Antón bromea: "Terei que poñer un bar".
Só conserva cinco gaitas para el. Mentres os clientes lle mandan teas para confeccionar os instrumentos: brocado en negro, fermoso veludo. ¿Peticións máis orixinais? "Gaitas de inspiración medieval coma esta, escoita", e tócaa. "¿Dáste de conta da reverberación?". Segue adiante coas xiras: "Tocamos en colexios das highlands escocesas, encontros organizados por John Mayer en Inglaterra cunha gran vida cultural". Lamenta que aquí "os edificios se abandonen mentres en Inglaterra ou en Noruega reciclan fábricas e lonxas para música e teatro". E recorda "o frío que pasamos nun concerto no Círculo Polar Ártico onde a xente vía a aurora boreal, 11 graos baixo cero". A vida como a eterna aventura de
Joseph Conrad.
