El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

tribuna libre

Universidade de excelencia internacional

SENÉN BARRO *   | 30.05.2010 
A- A+

A USC leva cincocentos anos seguindo a senda da excelencia internacional. A nosa Universidade reflicte unha dimensión universal asociada historicamente ao Camiño de Santiago e, polo tanto, á vertebración da realidade europea e ao desenvolvemento da cultura occidental, tal e como a coñecemos hoxe en día.

Esta interpretación da USC como berce do coñecemento vén a ser reforzada co recoñecemento oficial de Campus de Excelencia Internacional, outorgado ao noso proxecto Campus Vida por parte dos ministerios de Educación e de Ciencia e Innovación. Estamos a falar dun recoñecemento compartido só con outros oito proxectos no conxunto do Estado, unha cifra que acredita a dificultade obxectiva que representa formar parte dese reducido grupo.

Son múltiples as vantaxes deste recoñecemento, que se estenden ao conxunto da USC. O Campus de Excelencia Internacional (CEI) é unha aposta por unha nova universidade no seu conxunto: internacional, de maior calidade docente e investigadora, máis comprometida social e ambientalmente, empeñada na transferencia do coñecemento e nun desenvolvemento económico responsable.

Con Campus Vida recoñécese o proxecto e tamén a Universidade. Campus Vida é á vez Campus e unha nova USC. Acadar o estatus de CEI foi posible ao presentar unha proposta temática concreta, pero que non se pode nin se quere desvencellar do conxunto da nosa realidade universitaria.

Velaí o carácter ambivalente de Campus Vida. Por unha banda, a súa concreción física principal nun dos nosos Campus, agora así denominado. Por outra, a súa visión e impacto globais, aínda de maior valor.

Respecto da primeira, atopámonos perante Campus Vida -antigo Campus Sur- como unha realidade que respecta o histórico espazo das residencias en simbiose coa aposta polas necesidades dunha universidade do século XXI. Dende esta perspectiva, interpretamos Campus Vida como un nome integrador para un proxecto que entronca coa nosa singularidade de cidade-campus, unha auténtica "univercidade", nun proxecto comprometido coa calidade de vida que debe imperar en calquera espazo que pretenda ser moito máis ca un lugar de estudo ou de investigación.

Respecto da segunda dimensión, convén salientar que a etiqueta de Campus Vida é hoxe un intanxible que está acadando un gran valor e respecto públicos en todo o Estado e que comeza a telo tamén no ámbito internacional. A partir de agora, o recoñecemento como Campus de Excelencia Internacional axudará na posta en valor do conxunto da USC. Máis aló, contribuirá a facer que, non só a comunidade universitaria, senón toda a sociedade, se identifiquen con el e co que representa: o proxecto académico e científico máis ambicioso na historia de Galicia e á vez unha nova USC, unha USC máis viva que nunca.

*Reitor da USC