Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google
El Correo Gallego

Sábado 11.02.2012  | Actualizado 18.26      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia| galicia@elcorreogallego.es  |  RSS - Galicia RSS

Vázquez: "Nin ameazamos nin consentimos ameazas e imposicións coa lingua"

05.09.2010  O conselleiro de Educación descarta que se vaia dar un movemento de insubmisión ao decreto do plurilingüismo // "O profesorado non ten esa problemática. Créaa o BNG co seguimento do PSdeG", asegura

1.7/5 [18 Voto/s]

24
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

IOLANDA CASAL

Jesús Vázquez, momentos antes de iniciar a entrevista, no seu despacho de San Caetano.
Jesús Vázquez, momentos antes de iniciar a entrevista, no seu despacho de San Caetano.

Hai un ano, Jesús Vázquez preparaba a súa primeira volta ao cole como conselleiro de Educación. Para daquela a reforma do galego no ensino, aínda só unha idea, xa se convertera na protagonista da actualidade educativa. Doce meses despois, o proxecto fíxose realidade e o decreto do plurilingüismo empezará a aplicarse nas aulas a partir do vindeiro día 10. Ducias de docentes organizan na rede un movemento de insubmisión á nova norma, que obriga a impartir en castelán Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía. O conselleiro de Educación sostén que este movemento está orquestrado dende o BNG e descarta que o decreto vaia xerar conflitividade nos centros. Tanto é así, que nin quere poñerse no suposto de ata onde chegará a Consellería se se confirman casos de incumprimento. O seu director xeral de Centros recordou hai uns días que os docentes, como funcionarios, teñen obriga de cumprir o decreto, unhas declaracións que o Bloque tachou de ameazas. "¿Como pode dicir un representante político que a Consellería ameaza o profesorado? [Co decreto da lingua] non ameazamos nin imos consentir a imposición nin a ameaza", deféndese. O conselleiro tamén carga contra o PSdeG, ao que acusa de "mentir" cos seus cálculos de redución de profesorado, favoritismo co ensino concertado ou de peche de ciclos de FP. "Hai máis alumnos e atenderanse as súas necesidades", conclúe.

Os socialistas botan contas e din que este ano o ensino público terá 600 profesores menos.

Ningún colexio quedará por debaixo do que establece a normativa en función do número de alumnos, e todos os centros están por enriba dela. Hai un mes falaban de que habería 1.200 menos, agora din 600. O ano pasado tamén falaban de descenso por estas datas e ao final houbo cento cincuenta e pico máis.

Pero está habendo queixas por falta de dotacións de docentes de apoio e de pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe.

Agora, para entendernos, os profesores teñen os nomes dos alumnos, pero non moita información adicional. Unha vez empece o curso é cando se establecen [esas dotacións de persoal]. Ata que remate o mes estaremos nese proceso, como é habitual. Hai unha forma moi desleal de actuar, unha obsesión de atacar a Educación con base en mentiras, tratando de confundir e xerar conflito. Tamén se dixo que se destruirían 60 postos de persoal laboral nos comedores, e agora hai 20 máis. Este ano hai máis alumnos e cubriranse as necesidades onde as haxa, con rigorosidade e eficacia. Ese é o noso compromiso.

¿E que hai dos concertos? Oposicións e sindicatos consideran que se está a beneficiar a privada en detrimento da pública.

Hai menos unidades concertadas que co Bipartito e nalgúns casos puxéronse en marcha novas en cumprimento de sentenzas de decisións arbitrarias tomadas polo anterior Goberno, como é o caso dos Salesianos de Ourense ou os Xesuítas da Coruña. Este curso haberá 5 unidades concertadas menos ca no anterior. Onde non hai demanda aplicamos o mesmo tratamento que na pública.

Ese criterio motivou tamén o peche de 18 escolas unitarias, nalgúns concellos con acordo de familias e alcaldes. Non é o caso da de Donís, en Cervantes, na montaña de Lugo. ¿Non debería haber excepcións? Os cativos terán que pasar moito tempo no bus.

Neste colexio había tres alumnos de Galicia (os outros dous eran de Castela). Un, de 11 anos, que o ano que vén xa tería que marchar para o centro ao que se trasladan, outro de 9 e outro de 7. A distancia que percorrerán non é moi diferente ao que é práctica noutros concellos: 28,8 km. do colexio ao centro novo. Ademais, non son cativos de 3 ou 4 anos. O ideal sería que se asentase poboación no rural, pero un alcalde non pode alarmar os pais. Temos que procurar que os rapaces reciban unha educación con todos os recursos e é imposible nun centro que ten dous ou catro alumnos.

Acúsano de guiarse por criterios economicistas.

Non é así, son principalmente pedagóxicos. Estamos a falar dunha mesma aula cun rapaz a piques de rematar a Primaria e outro que está empezándoa. Así é imposible conseguir calidade docente. Aínda que o profesorado teña unha dedicación en corpo e e alma, é difícil combinar aulas con idades tan dispares.

As ratios tamén crean polémica na FP, onde subiron o número mínimo de alumnos para que un ciclo se manteña. O PSdeG augura o peche de 300, moitos no rural, e di que no seu departamento xa hai quen cre que se debe volver aos de antes para evitalo.

Non se está propoñendo nada nese sentido. Na FP, os alumnos teñen unha idade significativa e podemos racionalizar recursos. As ratios están aí, a partir de agora analizaremos caso por caso.

¿Poderá daquela haber excepcións á norma?

Pode haber excepcións, claro que si, como se viña facendo xa cando había a outra ratio.

Estase a organizar un movemento de insubmisión ao decreto do plurilingüismo entre os docentes que deberán pasar a dar clase en castelán, ¿como vai abordar Educación estes casos?

O primeiro que debe quedar claro é todo o noso apoio ao profesorado. Non nos gustan as imposicións e somos os primeiros aos que non nos gusta que ameacen os nosos profesores. O profesorado non ten esa problemática. A problemática está a creala o BNG, e o PSdeG está a facer un seguimento.

Nas redes sociais si se aprecia que algo se está movendo entre os docentes.

Non teño constancia desa situación. Eu pediríalles aos partidos políticos que non xeren conflito onde non o hai, que o profesorado merece todo o noso apoio.

¿Pero que pasos seguirán se alguén non cumpre o decreto?, ¿haberá expedientes?

É que non penso niso (o incumprimento). ¿Como pode dicir un político que eu ou a Consellería ameazamos o profesorado? Non ameazamos nin imos consentir a imposición nin a ameaza, non son termos que esta Consellería teña na súa boca. É inconcibible que un partido democrático, que representa unha minoría, pero que a representa, poida formular isto, e que haxa outro que goberna no Estado español e que foi goberno [en Galicia] que apoie esas tesituras. A sociedade e as familias non o van entender, pero non metamos o profesorado no medio. É un corpo de funcionarios, que na inmensa maioría deixa as súas horas, esforzo e traballo para sacar os cativos adiante. Ademais, ¡é que son máis de 30.000! Dicir que o profesorado... non. Hai partidos que están xogando coas normas da democracia.

O decreto suporá cambiar milleiros de libros que aínda estaban en réxime de préstamo. Non sei se o cálculo do seu custo feito polos socialistas, de 12 millóns, é correcto, pero se é unha norma de plurilingüismo, ¿por que non poden seguir usándose en tempos de crise eses libros, aínda que as materias cambien de idioma?

O decreto leva uns artigos nese sentido, pero non digo nada novo. Esta situación xa se deu coa norma de 2007. Daquela, os libros cambiados tiñan un ano de vida, e agora tres na maioría dos casos.

Pero daquela funcionaba o préstamo, agora son as familias as que deberán pagar cando menos unha parte dos manuais.

Antes tamén viñan pagando na práctica unha parte. Coa gratuidade solidaria, calculamos que o 70% das familias terán apoio, e os libros estarán na casa. En ningún momento se están tirando os libros ao lixo como se di.

Pero é que os libros que se cambian nin sequera poderán utilizarse como material de apoio.

Evidentemente, porque se implanta un sistema no que cada un terá un libro. E en moitas materias xa non existen os libros de texto, o profesor fai material propio. É intentar atacar por atacar, pero é curioso que se nos acuse de algo que eles (polo PSdeG) levaron ao extremo, porque o fixeron con libros que só tiñan un ano.

¿Cantos centros poderán ser xa este curso trilingües?

O xoves tiñamos 50 solicitudes (a un día de rematar o prazo para presentalas). Estamos satisfeitos, porque hai unha aposta moi decisiva por parte de moitísimos centros públicos, demostra que o profesorado está implicado co sistema educativo. Haberá ademais máis de 1.500 seccións bilingües, que se duplicaron en ano e medio.

¿Pero será xa ao 33% da docencia en inglés nestes primeiros centros trilingües?, ¿cal é realmente a diferenza entre eles e as seccións bilingües?

O terzo é un máximo. A diferenza é que nos centros trilingües todo o alumnado recibe clases de materias non lingüísticas nun idioma estranxeiro e con continuidade, dende 1º de Primaria ou da ESO, aínda que hai centros que queren poñer o modelo en marcha en varios cursos, porque xa tiñan seccións bilingües. Apoiaremos o profesorado, haberá máis de 260 auxiliares, máis 18 seniors, é unha aposta decisiva polo futuro. Hai comunidades que levan 10 ou 12 anos de vantaxe, temos que recuperar, pero recoñecendo cal é a realidade galega. Aquí temos a riqueza de ter dúas linguas: a nosa propia e mais o castelán.

Seguindo coa lingua, as subvencións aos medios escritos en galego caeron un 60%. O BNG acusa a Xunta de asfixialos por motivos ideolóxicos.

Non vou entrar nesa cuestión política, rotundamente non. A situación económica é a que é, e nada máis. Nego rotundamente esa afirmación, pero non direi nada máis. Ademais, é un tema que non lle compete a Educación.

De volta ao ensino, outra novidade é a estrea das aulas dixitais, nas que 14.500 alumnos terán candanseu ordenador portátil. Nos centros que participan no programa Abalar hai preocupación porque os equipos aínda non chegaron e o profesorado non foi formado.

Estamos en contacto coa empresa [subministradora] e imos ter uns ordenadores únicos no territorio nacional, son notebooks de calidade. O prazo de entrega remata o día 20, despois hai que instalalos (...). Non presionaremos o profesorado. Empezaremos cando estea preparado, non pretendemos que o día 10 estea todo listo. Damos tamén pasos para cambiar instalacións eléctricas para que o ano que vén poidan sumarse ao programa máis centros. Os que solicitaron participar e quedaron fóra foi porque non tiña a instalación para asumilo xa. Temos centros con 40 anos. ¿Que necesitariamos moito máis investimento? Por suposto, pero estamos aproveitando calquera obra para facer o cambio.

¿E que hai dos comedores? ¿Haberá máis prazas ?

As axudas aos comedores das ANPA medraron con nós un 20%. O ano pasado consolidamos 2.500 prazas e seguiremos aumentando o número. A partir de aí, non podemos incrementalo ilimitadamente. O Goberno [central] estanos a asfixiar, non só nos recorta os orzamentos, tamén nos reclama unha débeda. Faremos todo o esforzo que poidamos, pero sabendo que isto ten un límite.

icasal@elcorreogallego.es

 

Medicina e a autonomía da USC

••• Unhas breves frases con ánimo conciliador foron a súa resposta aos medios de comunicación cando se lle preguntou polo estado no que se atopa a negociación da descentralización da docencia de Medicina. Porén, o efecto acadado foi a reactivación da polémica. Jesús Vázquez considérase malinterpretado e pon cara de 'non, por favor' cando se lle volve preguntar polo tema. "Non quero polemizar sobre isto, está xa todo dito. Repítome, é algo que se está a traballar na comisión mixta", di o conselleiro de Educación, que insiste en definirse como "tremendamente respectuoso coa autonomía universitaria", que neste caso é a da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a única institución académica en Galicia que imparte Medicina.

No tocante ao financiamento, tampouco hai novidades. Antes das vacacións, Xunta e reitores acordaron por unanimidade unha estrutura sobre a que traballar durante o outono no futuro plan de financiamento co Sistema Universitario de Galicia. Pero na concreción en cifras o acordo semella máis difícil: "A situación económica é a que é, os recursos van estar moi limitados na medida en que o recorte presupostario na Xunta de Galicia é considerable. Teremos que traballar da man, pero si que chegan tempos difíciles, para todos, é a realidade. O que non imos facer é mentirlles ás universidades nese sentido".

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS