El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director da Florence School of Regulation Climate

Xavier Labandeira Villot: “É posible progresar sen aumentar a contaminación na mesma medida”

{ Vigo 1967 } Xavier Labandeira Villot, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo (UVigo), é director de ‘Economics for Energy’ e da ‘Florence School of Regulation Climate’ . Foto: Arquivo ECG

LUIS POUSA SANTIAGO  | 17.04.2017 
A- A+

Que supón en términos de eficiencia enerxética, sostenibilidade e loita contra o cambio climático que España sexa o terceiro Estado da UE cos ingresos máis baixos en impostos medioambientais?
Dende logo non son boas noticias e reflicten que os tipos impositivos en España, particularmente no sector transporte, están por debaixo da media europea. Ter uns prezos enerxéticos que recollan os danos ambientais (e isto podemos facelo introducindo impostos correctores) é unha condición fundamental para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro pero tamén de contaminantes locais. Ademáis, os consumidores (industriais ou residenciais) reaccionan ao prezo modificando hábitos de consumos enerxéticos en calefacción, iluminación e transporte, de modo que uns impostos por debaixo do recomendable en términos ambientais levan tamén a efectos negativos neste indicador.

Esa baixa recadación fiscal garda algunha relación causa/efecto con que en España a pegada ecolóxica sexa superior á de Alemaña, Reino Unido ou Italia?

Non é doado relacionar o nivel de recadación ambiental coa pegada ecolóxica: é posible que os impostos ambientais estén reducindo emisións e polo mesmo a recadación sexa baixa, o que é compatible cun dano ambiental ou pegada ecoloxica máis limitada. Si parece evidente que a corrección ambiental (alomenos nun problema global como o cambio climático) é menor se os tipos impositivos dos impostos enerxético-ambientais son máis baixos, o que está a ocorrer en España en relación aos países do noso entorno.

Hai que aplicar o principio de que quen contamina paga?

É moi recomendable non só porque é lóxico facelo (incorporar os custes vencellados a unha actividade económica, incluindo o dano ambiental, de modo que poñamos os prezos dos productos ‘ben’), senón porque permite reducir as emisións ao mínimo custe, ao funcionar o imposto como unha especie de prezo que descentraliza as decisións de descontaminar_ e fomenta o desenvolvemento e implantación de tecnoloxías limpas, co fin de evitar pagar o imposto no futuro.

En transporte, edificiación, etc, hai marxe para reducir o consumo de enerxía e aumentar o uso das enerxías alternativas?

Si, son sectores nos que é posible cambiar hábitos de consumo e realizar investimentos que permitan incorporar novas tecnoloxías, como as renovables, illamento nas vivendas, coche eléctrico no transporte, que en conxunto leven a un menor consumo enerxético e a menos contaminación.

Pódese ir a unha reforma fiscal verde sen aumentar a presión fiscal e, á vez, reducir impostos como o que grava o traballo?

De feito está é a opción máis recomendable para limitar efectos económicos nocivos e facilitar a aceptación social destas figuras. Hai toda unha literatura académica que explorou a fondo as vantaxes destas reformas fiscais (o coñecido fenómeno do dobre dividendo ou o beneficio da imposición ambiental) e que inspirou a posta en práctica de moitas reformas fiscais verdes no norte e centro de Europa desde hai uns 25 anos. Non obstante, as novas reformas fiscais verdes están adicando parte da recadación a compensar aos que teñen menos capacidade económica ou a fomentar a adopción de novas capacidades renovables e/ou de maior capacidade enerxética.

A fiscalidade verde debe ser instrumento dun modelo productivo máis sostible e eficiente?

A min góstame definir os impostos ambientais como o mellor instrumento corrector do dano ambiental en economías de mercado. Por suposto, hai asuntos que esixen aproximacións diferentes. En calquera caso, se a fiscalidade verde está ben deseñada e se introduce de forma razoable –mantendo o nivel de presión fiscal, por exemplo– pode levarnos a unha transición máis rápida.

Reaxustarase a imposición dos combustibles de locomoción?

Neste campo haberá cambios moi relevantes nos vindeiros anos, dende a irrupción dos coches eléctricos até os novos modelos de compartir vehículos ou a condución autónoma. Os efectos sobre a fiscalidade do vehículo sufrirán unha fonda reestruturación. O transporte por estrada ocasiona importantes custes externos que incluen os ambientais e os accidentes, pero sobre todo a conxestión. Isto requerirá de controles horarios e por zonas de acceso de vehículos, para o que de novo podemos empregar impostos enerxéticos ambientais relacionados co uso real do vehículo. Iso ten implicacións sobre a privacidade e pode ocasionar preocupacións distributivas –acceso prioritario para os máis ricos– que poden solucionarse con medidas compensatorias. E mentres non chegue a nova fiscalidade, será necesario usar os impostos actuais e
de forma eficiente.

Tamén no caso español?

Sen dúbida, isto pasa por unha subida dos tributos de carburantes de automoción que levan conxelados desde hai sete anos e a uns niveis por debaixo da media europea. As emisións destes carburantes non só ocasionan importantes emisións de gases de efecto invernadoiro, que de novo están a repuntar en España, tamén causan problemas de contaminación local que están a verse nos últimos meses en cidades como Madrid ou Barcelona.

Noruega pretende acabar coa compraventa de coches a diésel e gasolina en 2025 para fomentar o eléctrico. É exemplo a seguir?

Eu, como economista, non son moi partidario da prohibición. Prefiro que se creen os incentivos económicos e infraestruturais para que a alternativa eléctrica sexa a preferida polos consumidores. A través dese proceso chegaremos ao parque desexado dunha forma máis barata e con menos friccións e problemas.

Con menos recursos (auga, solo, etc) e xerando menos contaminación, pódese producir igual ou maior benestar?
Si, o desenvolvemento tecnolóxico permitiu mellorar moito no uso dos recursos por unidade de actividade económica. Respetando as leises físicas, é posible progresar económicamente sen aumentar na mesma medida o uso de recursos ou a contaminación. En todo caso, debemos buscar o benestar e non necesariamente o crecemento económico, o que facilita aínda máis as cousas no desacoplamento do desenvolvemento cos danos ambientais.

A sostenibilidade ambiental obriga a cambios na sostenibilidade económica e social?
Básicamente temos que compatibilizar o desenvolvemento de nosas sociedades permitindo un aumento do benestar, ben distribuido, sen esgotar os recursos naturais escasos con que contamos.

TRAXECTORIA

TÍTULOS E CARGOS. Catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, Xavier Labandeira Villot imparte docencia de Economía Pública e Ambiental nesa mesma universidade. É tamén catedrático, a tempo parcial, na European University Institute de Florencia (Italia), onde dirixe a Florence School of Regulation Climate.

INVESTIGACIÓN. Dirixe Economics for Energy, un centro de investigación privado na análise das cuestións enerxéticas. Liderou o Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU para a elaboración do seu Quinto Informe de Evaluación (abril de 2014). Coordinador de Ergon, consorcio que investiga no campo da eficiencia enerxética, Xavier Labandeira Villot forma parte do grupo Rede, adicado á investigación relacionada coa innovación, a enerxía e o medio ambiente.