El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Profesor de Economía Aplicada da USC

Xoán Ramón Doldán García: “Con esta inestabilidade enerxética a autoprodución é unha vantaxe”

{Ponteceso, 1963} Xoán Ramón Doldán García, profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi director xeral do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no Goberno de coalicion entre PSdeG e BNG

Xoán Ramón Doldán García, profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela  - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Xoán Ramón Doldán García, profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

LUIS POUSA. SANTIAGO  | 04.02.2016 
A- A+

Vostede participou nun amplo estudo de varias universidades españolas sobre metabolismo económico. A que conclusións chegaron no caso de Galicia?
Participei nun estudo para saber as interrelacións entre comunidades autónomas en termos físicos. No caso de Galicia compróbase que os déficits ou superávits comerciais en términos monetarios co exterior e as outras comunidades non coinciden cos déficits ou superávits físicos. Podemos ter unha idea positiva dun intercambio económico co exterior, polos seus valores monetarios, e detrás diso hai unha dependencia material importante. En Galicia hai unha forte dependencia material, e ten unha especie de economía superposta. Os sectores que traballan con recursos propios, moitos de orixe orgánico (agrícolas, gandeiros, pesqueiros e mineiro), levan aparellados unha exportación física importante, sen que sexan transformados aquí. Son maiormente intercambios co resto de España. Co resto do mundo hai  importación de materiais (bauxita para Alúmina ou  productos pesqueiros) para logo reexportalos. É parecera que isos dous niveis apenas teñen relación.   

Galicia tiña lignitos, as centrais térmicas esgotáronos e os beneficios non se quedaron aquí.
No caso dos lignitos vese moi claramente. Hai corenta anos pasamos a ter unha situación de aparente abundancia enerxética, porque ás hidroeléctricas sumáronse as centrais térmicas con recursos propios. Pero tamén entraron industrias moi intensivas no uso de enerxía eléctrica. Co paso do tempo, isos recursos propios esgotáronse e as actividades intensivas que os consumían permanecen, co cal houbo que traer recursos importados. E agora temos unha clarísima dependencia enerxética de recursos primarios, aínda que exportemos electricidade.

Galicia debería ter unha tarifa eléctrica propia?
Non estou moi dacordo con esa proposta. É uha reclamación histórica, pero as circunstancias sobre as que se facía son totalmente diferentes ás de agora polos distintos grados de dependencia enerxética. Antes a proposta facíase como efecto compensatorio: as actividades transformadoras da enerxía eléctrica xeran uns custos sociais e ambientais  altos que deberían compensarse con que os galegos pagasen menos polo recibo da luz. Agora a reclamación é, sobre todo, para manter as actividades intensivas en consumo eléctrico. Elas serían as beneficiarias desa tarifa propia e non o conxunto da poboación. Iso pode acentuar a dependencia enerxética, incluso perpetuala. O que habería que reclamar é unha reformulación do sistema tarifario español.

Por que?
A forma en como se establecen as tarifas é perversa: favorece ás empresas eléctricas e non ó consumidor en xeral. A xente paga máis a electricidade pola potencia instalada que polo consumo que realiza. Os grandes consumidores teñen a posibilidade de acudir ao mercado eléctrico e buscar o prezo máis favorable, pero o pequeno consumidor non. Habería que cambiar ese sistema tarifario e ir a outro no que o prezo da enerxía  non se estableza polo prezo da tecnoloxía máis cara. Isto tamén repercutiría favorablemente nos galegos.

Como evalúa o resultado do Cumio do Clima en París?
Son pesimista. Sacrificouse un acordo global por intentar que todos os países recoñeceran a existencia do cambio climático.  Os obxectivos son difusos e case que non se establecen mecanismos de control. Cada país elaborará o seu plan para reducir as emisións, e o que se controlará é ise plan.

Teme que os países non sexan moi esixentes con eles mesmos?
Si, que non vaian moi aló nas súas propostas, porque lles comprometería no futuro. Neste momento, os compromisos tiñan que ser moito maiores, porque a evidencia do cambio climático cada vez vai a máis . E as consecuencias empézanse a notar. Hai tales desaxustes climáticos que dicir que isto non ten nada que ver co que se viña anunciando é mais que dubidoso. No Cumio de París se renuncia de feito a evitar o cambio climático; se trata de paliar as consecuencias do cambio climático. Por iso considero que o Cumio de París é un fracaso.

A caída do prezo do petróleo e das materias primas non favorece a transición enerxética?
O paso a unha sociedade con menos disposición de enerxía é inevitable. Pero os cambios non están sucedendo dunha forma planificada, organizada, e iso  pode dar lugar a un tipo de transición enerxética máis caótica. Os actuais prezos do petróleo ou das materias primas veñen ser unha evidencia de que estamos entrando nese campiño de transición que pode ser máis caótico. Pode ser un problema aínda máis grave que cando fai dous anos os prezos estaban altos. Ese vaivén dos custos do petróleo é moi perigoso, porque todo o investimento que se deixou de facer nestes anos é petróleo que non se vai a extraer nos próximos dez anos. Nos últimos tempos reduciuse o número de perforadoras no mundo nun 50%. Unha barbaridade. Segundo a AIE, teriamos que estar buscando petróleo para manter os niveis de produción actuais.

Os baixos custos do petróleo afectan negativamente ás enerxías renovables?
Nesa inestabilidade de prezos é moi difícil que a xente pense en facer investimentos nas renovables. Nin tan sequera nas propias petroleiras, cuio nivel de endebedamento empeza a ser bastante alto. Moitas das empresas do francking están a punto de quebrar, son inviables e matéñense case pola axuda pública. Cousa distinta son os investimentos que fagan as familias e as pequenas empresas en autocosumo.

Pois esa non é unha opción que valorara o Goberno de Rajoy.
Certo. Nunha situación de inestabilidade enerxética cara o futuro, ter unha certa seguridade de abastecemento propio pode ser unha vantaxe. O que ocorre é que o marco regulatorio en España para os autoprodutores é nefasto. En vez de axudar para que a xente fose avanzando nestes investimentos, penalizou a autoproducción e o autoconsumo.

APUNTES PARA UN GLOSARIO

TRANSICIÓN ENERXÉTICA “Proceso polo cal as sociedades terían que irse adaptando para funcionar nun escenario de moita menos disposición de enerxía da que temos actualmente”

EFICIENCIA ENERXÉTICA “Consumir menos cantidade de enerxía por unidade de producto ou de servizo que estemos xerando. As veces prodúcese o efecto rebote: ao ser máis eficientes, abarátanse os custos de producción e consumimos máis”

AFORRO ENERXÉTICO “Reducción do consumo da enerxía utilizada, non necesariamente ligada á eficiencia enerxética”
COMPETITIVIDADE “En analise económico, na  medida que estamos reducindo o custo enerxético, estamos reducindo un dos custos de producción, e iso afecta á competitividade”

AUTOSUFICIENCIA “Xerar tanta enerxía como a que consumimos, en términos netos. É dicir pode haber intercambios. Contablemente temos o costume de sumar todas as fontes de enerxía pero na práctica iso é un engano pois sirven a fins distintos”

MARCO REGULATORIO “Conxunto de normas que regulan a producción, distribución e comercializacion da enerxía”