El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta e Inditex continúan coa innovación forestal

Nova cita no marco do convenio asinado no plan 2010-2020 // O obxectivo é incrementar a produción e a calidade dos produtos galegos

Imaxe da visita ao dispositivo experimental de lume forestal (Delfor). - FOTO: XUNTA
Imaxe da visita ao dispositivo experimental de lume forestal (Delfor). - FOTO: XUNTA

CLARA ESPIÑO  | 22.09.2017 
A- A+

O impulso do sector forestal galego co obxectivo final de incrementar a produción e a calidade dos seus productos na comunidade é a finalidade do convenio asinado entre Xunta de Galicia e a multinacional Inditex no marco do Plan de Innovación e Mellora Forestal 2010-2020.

Con esta idea en mente, a Consellería do Medio Rural e Inditex seguen a colaborar para o impulso do sector e veñen de manter un novo encontro (o quinto) no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, para facer seguimento deste acordo.

Aproveitando a cita, os representantes de ambas as partes visitaron o laboratorio de xenética molecular, onde se explicou o proceso levado a cabo para identificar nos viveiros de Galicia as variedades tradicionais de castaña; o dispositivo experimental de lume forestal (Delfor) e finalmente unha parcela ensaio de clons de cerdeira.

No encontro de traballo participaron o secretario xeral e do consello da compañía téxtil, Antonio Abril, e o director de sustentabilidade ambiental da mesma, Antonio Álvarez, e por parte da Xunta o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; o director do centro de Lourizán, Enrique Martínez, e o secretario técnico do Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria (Ingacal), Alfonso Ribas, según informou o departamento autonómico nunha nota de prensa.

competitividade do monte galego O devandito Plan de Innovación e Mellora Forestal ten por obxectivo principal incrementar a produción e a calidade dos produtos forestais, entendidos como materia prima da industria forestal galega.

Procura, deste xeito, mellorar a competitividade do eido forestal mediante unha xestión sustentable que garanta a conservación e a protección dos recursos e potencie o efecto dos bosques como sumidoiros de carbono. Trátase, en definitiva, di a Xunta de Galicia, de conseguir un equilibrio de usos dos montes baseado en criterios técnicos de multifuncionalidade que redunde de xeito positivo no contexto socioeconómico de Galicia.

Medio Rural e Inditex estableceron un réxime de colaboración para a aplicación deste plan, reforzando a estrutura do centro pontevedrés de Lourizán. O convenio persegue apoiar tres programas diferentes, centrados nos ecosistemas forestais, a mellora xenética e silvícola e a protección forestal.

Ademais, o acordo aborda tamén a dotación de investigadores postdoctorais especialistas nas actividades previstas no plan e a formación de persoal investigador durante o seu período de vixencia.