Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 8 de agosto de 1948) quere seguir cambiando Galicia. Porque catro anos, di, non son suficientes para chegar ó país que el imaxina. Aínda queda moito por facer. Tanto, que o líder do PSdeG xa non desbota incluso aspirar a un terceiro mandato na Xunta. Pero agora, atarefado como nunca e cunha axenda que fai e desfai para estar en todas as frontes, toca mobilizar os galegos e convencelos de que a Galicia do cambio non pode dar un paso atrás.
Tocoulle a vostede lidar coa crise. Vendo a que se aveciña ¿arrepíntese de non ter adiantado as eleccións?
Un está á fronte do país para estar ás duras e ás maduras, sobre todo para responder en tempos de dificultade e de crise. O fundamental é responder, e eu nunca fixen cálculos partidarios do beneficio de adiantar ou non. Non me sentía con lexitimidade ética e cívica para facer un adianto de meses simplemente por temor a que a crise puidera causar un impacto negativo.
¿Ten medo, contodo, a que lle pase factura a crise?
Os cidadáns asumen que hai unha crise, que é a primeira gran crise da economía global. Estamos respondendo mellor en termos de paro e crecemento, e sei que os cidadáns saben que é así. Avaliarán a resposta, o compromiso e a seguridade que lles damos uns ou outros.
Elixir o 1-M xeroulle tensión con Ferraz. Non querían coincidir coas vascas e ó final Ibarretxe elixiu tamén o 1-M
Non xerou tensións. Había unha apreciación razoable por parte dalgún dirixente do partido en relación coa conveniencia dun adianto, pero o partido hoxe máis ca nunca, a diferenza da oposición, está cohesionado. Sentinme sempre apoiado.
Os últimos días previos á campaña. e agora tamén, está sendo un período suxo. Dixo vostede que quería unha campaña limpa, pero aparece o gasto en San Caetano, o PP ten leas de corrupción...
Son cuestións absolutamente asimétricas. Non é por nada, pero é como mesturar fabas con castañas. O PP, desgraciadamente, está feito unha lea interna, hai unha guerra de sucesión brutal e unha non asunción do liderado. O PSOE e os cidadáns nada temos que ver con iso. Está utilizando todo tipo de dossiers, falsas acusacións para facer eso que tanto lle gusta, que é atribuírlle desbaldimento ó PSOE e ó presidente. É lamentable, primeiro porque non é verdade e segundo porque os cidadáns non o merecen.
O PP acusa o PSOE de estar tras as filtracións do espionaxe ou do caso Gürtel...
Para algúns, o mellor recurso é buscar a culpa no veciño. Tratan de escorrer o vulto e botarlle a culpa de todo ó PSOE. ¿Quen lle mandou ir buscar ó candidato este (Luis Carrera) ó señor Feijóo? Por certo, nos polavilas de Galicia quen máis e quen menos sabía da situación deste home e causou extrañeza que se lle ocorrese dar gato por lebre desta forma tan descarada e irresponsable. Collérono coas mans na masa. Se agora o candidato da Coruña está auditado polo Consello de Contas... será problema do PP. ¿Que temos que ver nós neso?
No que vai de campaña case non hai críticas de Touriño a Quintana. Nin viceversa. ¿Teñen un pacto de non agresión?
Non especialmente. Ese pacto de non agresión eu téñoo asinado de forma implícita con todas as forzas políticas. Dificilmente escoitarán da miña boca e dos candidatos socialistas andar denunciando corrupción, dossiers e estas leas, que o único que fan é espantar a cidadanía da política. Cada un defende a súa visión de Galicia.
O certo é que 'non se lle dá leña' a Quintana...
Non me privo de marcar as diferenzas. Cando falo da lingua, expreso unha posición diferente e digo que o castelán é tan noso como o galego, e que non asumirei ningunha imposición. Cando falo das escolas infantís, falo de algo que forma parte do proceso educativo e que polo tanto debe estar nesa liña. Eu falo dun instituto de promoción e de finanzas que consolide o que fai o Igape, e o BNG fala doutra cousa. Eu non necesito agredir nin ó señor Quintana nin ó señor Feijóo. Quero unha Galicia aberta, que non é a que queren os directivos do PP. A súa parécese moi pouco á herencia de respeto á autonomía e de compromiso co país que deixou Fraga. Él construíu un auténtico PP de Galicia. Agora veñen aquí para dicir que isto é a reconquista da Moncloa, o cal é unha falta de respecto ós galegos. Galicia non é unha peza de troco.
Se isto non vai servir para a reconquista da Moncloa... ¿podería ser o inicio da fin de Mariano Rajoy?
Cando son autonómicas os galegos escollen o mellor para a autonomía; cando son xerais, o mellor para España. É certo que Rajoy xoga moito nestes procesos electorais porque está nunha posición moi débil e atacado desde o seu partido. Na súa debilidade, as eleccións pódenlle pasar factura, pero non porque os cidadáns elixan en función diso.
¿Perxudicaralle a perda da faciana galeguista ó PP?
Non teño dúbida de que a dirección do PPdeG cambiou. Cre moi pouco en Galicia. Depende de Madrid e Feijóo parece unha fotocopia de Rajoy. E iso é un paso atrás. Gustaríame un PPdeG que recuperase o compromiso co país.
Di que non lle gustan as imposicións do idioma. ¿E que ve ese risco?
En absoluto. Hai que ser respectuoso. Non hai que impoñerlle a ninguén a obriga de ter que expresarse nun ou noutro idioma. Agora si, hai unha lei aprobada por unanimidade -por certo coa maioría absoluta do Partido Popular- que fala da normalización do galego, non do castelán, que está normalizado. O apoio que manda a lei é para que o galego non desapareza. Iso entendeuno sempre Galicia ata que chegaron uns señores que ó toque de corneta de Madrid e Rajoy queren sacar partido dun conflito lingüístico.
Unha das bandeiras da súa xestión é o investimento público. Antes da campaña tivo unha intensa actividade colocando primeiras pedras, algo que criticaba do Goberno de Fraga...
Critiquei as primeiras pedras en campaña electoral. O meu goberno foi o primeiro en aprobar un código ético que evita que na campaña haxa primeiras pedras e actuacións explíticas ou implícitas desde o Goberno. O que non se pode pedir é que fóra da campaña electoral o Goberno non goberne. Se ten que pór en marcha actuacións, vaino facer. Nunca me verán inventando actos en campaña.
Falemos do BNG. O bipartito pasou por momentos difíciles: plan acuícola, plan eólico... ¿pensou nalgún momento que o entraban nunha calella sen saída?
En ningún caso. Doulles uns datos: o Goberno aprobou a maior iniciativa lexislativa da nosa historia, con 53 proxectos de lei de gran calado, batemos un récord. Para ser un goberno dividido, como di Feijóo, lle gañamos á maioría absoluta de Fraga e nunca perdemos unha votación cun só deputado de diferenza...
Perderon unha...
Por unha equivocación de voto da presidenta (do Parlamento, Dolores Villarino), que é unha anécdota. Neste goberno hai posicións diferentes, pero a unidade da acción estivo sempre garantida. Nós non demos o espectáculo do PP nos últimos anos: deputados pechados, reunións clandestinas nocturnas, consellos da Xunta que terminan como o rosario da aurora...
¿É quen de dicir unha das cousas das que máis se ten laiado como presidente?
¡Un pensa tantas veces que pode facer mellor as cousas mellor...!, pero non teño nada especial. Tiven momentos moi duros, como a crise dos incendios co falecemento de persoas.
¿Doéronlle persoalmente as críticas nese intre?
Persoalmente non, porque tiña a seguridade de ter actuado como nunca se fixo. Non me ocultei baixo a responsabilidade do conselleiro (de Medio Rural).
¿E de que está máis orgulloso?
Dúas cousas marcaron a diferenza. Unha medida valente que ó principio non tiña moitos adeptos foi a lei dos 500 metros de protección do litoral, que marcará un antes e un despois na nosa historia. Nunca lle agradecerei bastante a firmeza a Política Territorial. E tamén a de medidas urxentes de vivenda e solo, que fai que haxa que reservar o 40% para vivenda protexida. Dará resultado na próxima lexislatura.
A súa reforma do Estatuto plantexaba a limitación a dous mandatos presidenciais. ¿Desbota presentarse por terceira vez?
Non. O meu compromiso con Galicia non ten límites. Agora estou para que o cambio non se interrumpa, porque sería unha auténtica frustración colectiva para este país. Máis adiante xa pensaremos.
As enquisas amosan certo desencanto co bipartito...
Non co bipartito. Hai un momento delicado de incerteza. A falta de confianza se traduce en dirección ó goberno e leva a xente a estar retraída. A eleccions fanse nun momento complicado.
Tendo en conta que agora non hai 'Prestige', nin guerra de Irak,... ¿hai medo á desmobilización?
A dereita ten unha base social que apenas oscila e que está mobilizada case sempre. En cambio, o voto de centro-esquerda é sempre máis dubitativo. Quen temos que conseguir a mobilización somos nós.
¿Ten xa na cabeza o seu goberno se gaña?
Non. Tempo haberá.
Máis aló das persoas, en canto a áreas. ¿Estaría disposto, por exemplo, a ceder Política Lingüística?
Teño feito o meu balance interno. Tratarei de aplicalo cando toque. Serán os cidadáns os que decidan case o meu goberno.
Os analistas din que remataron os tempos de maiorías absolutas. ¿Vese ligado de por vida ó BNG?
Case todos os analistas se confunden moito (risas) A miña aspiración é ter a maior autonomía e non depender máis que dos votos.
Ve imposible...
Non vexo imposible nada. Haberá un camiño no que o PSOE aspire a poder ser unha forza central e ter posición de maioría.
Houbo tensións no seu partido coas listas de Pontevedra e a exclusión de Dolores Villarino...
Os partidos sempre teñen estas cousas pero ofrecemos imaxe de unión como ningunha forza.
¿Un mal resultado activaría eses problemas nos congresos provinciais?
Non, todo o contrario. Vai haber bos resultados.
Xa que confía tanto nos resultados, ¿atrévese cunha quiniela?
Non. Confío nos cidadáns, non nos resultados. Pero teño para min que os galegos non van querer volver atrás.
