El Correo Gallego

Noticia 3 de 381 noticia anterior de espazoAbalar Galicia » espazoAbalar

Máis de 800 escolares promoven a actividade física na Quintana

Santiago uniuse á celebración do Día da Educación Física na Rúa // Os cativos puideron desfrutar de varios xogos e modalidades deportivas

SILVIA CASTIÑEIRAS. CORREOTV  | 25.04.2018 
A- A+

Máis de 800 alumnos e alumnas, pertencentes a seis centros educativos composteláns (IES Rosaía de Castro, CEIP Raíña Fabiola, CPR Nosa Señora dos Remedios, Colexio San José de Cluny, CPR San Pelayo-Enma e CPR Vilas Alborada) tomaron a Praza da Quintana, en distintas quendas, durante a xornada deste mércores. O motivo non foi outro que participar no Día da Educación Física na Rúa, que encheu este significativo enclave compostelán de cor, risas e, sobre todo, actividade. 

O Departamento de Educación Física do IES Rosalía de Castro e os alumnos do ciclo do TSAFAD deste centro foron os encargados de organizar a xornada con distintos xogos e modalidades deportivas. Así, os rapaces puideron desfrutar coa práctica da actividade física, que é o gran obxectivo desta convocatoria, a través do baloncesto, o fútbol, o boxeo, facendo pinchacarneiros, saltando á corda ou bailando.

O Día da Educación Física na rúa quedou establecido no 2011, despois de que un profesor desta disciplina da localidade asturiana de Laviana decidira saír á rúa cos seus alumnos a impartir as súas clases. A proposta foise extendendo posteriormente ao resto de España e nesta edición, a segunda á que se suma Santiago, Galicia foi a quinta comunidade con máis implicación na iniciativa. 

Os obxectivos principais do Día da Educación Física na Rúa son: mostrar a importancia desta disciplina no desenvolvemento en todas as idades; dar a coñecer unha EF divertida; fomentar hábitos de vida saudables; concienciar dos altos índices de sedentarismo no nos país; animar á sociedade a adoptar un estilo de vida activo e transmitir os valores que a práctica de actividade física aporta.